
A participación de unha equipa sionista en La Volta ciclista marcou un punto de inflexión na solidariedade contra o xenocidio do Pobo Palestino. Miles de persoas participaron nas protestas denunciando o branqueamento do réxime sionista nunha competición deportiva. Galiza non foi unha excepción.
Quedou tamén en evidencia as dúas varas de medir das democracias occidentais, dándose moita presa por impedir a presenza de Rusia e Bielorrusia en calquera competición deportiva ou cultural organizada no “mundo civilizado”, mais permitindo que a bandeira ensanguentada de Israel estea presente en todos estes eventos.
Pese á permanente promoción dun estado artificial e asasino, o sufrimento do pobo palestino é difícil de agochar. Por moita manipulación da realidade que fan os medios de des-comunicación, a opinión pública rexeita maioritariamente o xenocidio que a entidade sionista está cometendo en vivo e en directo.
O pobo galego, solidario coma sempre, demostrou durante todo o percorrido da Volta polo noso territorio a súa solidariedade co pobo Palestino e o seu rexeitamento do xenocidio e a ocupación. Mais o éxito destas protestas non debeu gostar moito e, días despois, o estado español amosou, unha vez máis, a súa faciana totalitaria e represiva detendo a unha persoa e investigando a outras por solidarizarse con Palestina.
En España o dereito á manifestación e á liberdade de expresión son sinónimos de “desordes públicos” e “atentado á autoridade”, na mellor tradición totalitaria dun réxime de continuación do franquismo. Todo isto moi ben combinado coa Lei Mordaza, esa que nunca da derrogado o goberno “progresista”, e o Código Penal. Seguimos soportando o peso das leis dun estado opresor e dunha xustiza “inxusta” que sabe moi ben a quen serve.
As dúas facianas, falsas, do PSOE.
Agora que as enquisas son claras e a opinión pública está a favor do pobo palestino algúns queren sacar beneficio. Pretenden enganarnos unha vez máis cunha falsa campaña de apoio a Palestina, impoñendo unhas ridículas sancións que non serven para nada e promovendo un falso recoñecemento, que non vai impedir que o ente colonial chamado Israel arrase Gaza e se anexione Cisjordânia ao tempo que bombardea o resto dos países veciños.
Igual de cínica é a proposta dos dous estados, cando todos somos conscientes da imposibilidade de esa opción. Só pode haber un estado Palestino en territorio palestino; é de xustiza. Defender a existencia de Israel é defender a colonización e a ocupación por parte dunhas persoas de orixe alemá, polaca, estadounidense, arxentina, etc., e defender o exterminio dos palestinos. Israel demostrou en todos os anos da súa existencia que é un proxecto colonial que non pode vivir en paz con ninguén e así o demostran todas as guerras e as agresións que provocou contra todos os países limítrofes.
E mentres Pedro Sánchez chora falsamente por Palestina, a súa policía detén a quen protesta contra o xenocidio. Mentres di que lle parecen ben as mobilizacións manda aos seus subordinados mallar e deter na xente que protesta e denuncia o exterminio dun pobo. A solidariedade pode custar até 5,000 euros de multa por mover uns valados ou desobedecer á policía.
España segue mantendo relacións diplomáticas con Israel, non pensa rompelas, e condena firmemente “á resistencia palestina” denominándoa “terrorista”. Acaso é terrorismo defenderse contra o ocupante que pretende asasinar?
Terrorismo é o que leva facendo a ocupación sionista desde antes de 1948 en Palestina: masacres e expulsión dos palestinos das súas casas, da súa propia terra.
Marín, 25 de setembro de 2025
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago
