O Bar Guay pecha as súas portas

Nesta etapa da miña andaina na que os camiños da vida me deron a oportunidade de mergullarme ata o máis profundo na crónica da miña querida Redondela, teño convivido con todo tipo de circunstancias e persoas: Aprendín, equivoqueime, ás veces acertei, gocei, chorei,indigneime e ante todo e sobre todo enriquecinme humana e profesionalmente do contacto con tanta xente diferente pero que temos un nexo común:Redondela. En todos estes anos coñecín a todo tipo de persoas, algunhas ás que nunca me cansaría de ver, e algunhas( ás menos) ás que preferiría esquecer. E de cando en vez, só de cando en vez, cruzáronse no meu camiño ese tipo especial de seres humanos que deixan pegada ata no máis profundo da alma. Como por exemplo Eva, a propietaria do bar Guay e o seu marido, e compañeiro na Rondalla de Redondela, Pastor.

Despois de 34 anos o Guay vai pechar as súas portas o 30 de setembro, pois a Eva xa lle chegou o tempo de gozar dunha merecida xubilación. Redondela, para min e para moitos dos seus clientes habituais, xa non vai ser o mesmo sen o Guay. Redondela vai seguir sendo adorable, pero vaille faltar algo: o afecto, o acougo e a compañía do Guay, un local que foi como a nosa segunda casa para centos e centos de veciños e veciñas. Por descontado non puidemos deixar que Eva pechase as portas sen falar con nós.

Eva Portas.

A pegada do cariño dos meus clientes vai quedar na miña alma todo o tempo que me quede de vida”

Canto tempo levas co bar?

34 anos.

Ao principio foi duro?

Si, claro, ao principio foi moi duro. Ata que non te vas consolidando un pequeno negocio custa moito levalo. Afortunadamente logo foi todo moi ben.

Dos bares de Redondela, que non mudaron de propietario, debedes de ser dos máis antigos?

Que eu saiba o segundo máis antigo. Só o bar Niza leva máis tempo ca nós.

En 34 anos pasou de todo:fostes un bar de partidas, abristes polas noites…?

Si, a verdade é que pasou de todo. E como todo na vida as distintas etapas tiveron unha parte boa e outra non tan boa. Aínda que eu, por suposto sempre me quedo co positivo. As partidas decidimos deixalas porque os xogadores eran moi pasionais e armaban un balbordo considerable. E no que respecta á etapa nocturna eran os meus fillos os que se encargaban. A verdade é que saíu moi ben, tiñamos moi bos clientes, e a maior parte era mocidade sa e boa.

Eu creo que en liñas xerais toda a vosa historia, polo menos a que eu recordo, foi unha historia de moitos e moi bos clientes

Si, é certo Marcos. Tivemos a sorte de contar cun numeroso grupo de clientes fieis que nos distinguiron coa súa confianza durante moitos anos. Agora que a viaxe do Guay está chegando ao seu último porto, sei que os vou botar moito de menos. Estamos falando de clientes, pero no fondo do meu corazón eu considéroos os meus amigos, e a moitos deles case a miña familia.

Creo que algún famoso pasou polas mesas do Guay, verdade?

Pois si, algún si: Natalia, a muller de Rafael, Scaloni seleccionador arxentino de fútbol, Fran o futbolista do Depor, Martín Vázquez o do Madrid, Irureta o adestrador, Rivaldo o ex xogador do Barça..

Caramba, parece un bar do Depor

Ha, ha, ha…Foi casualidade, tamén viñeron xogadores do Celta.

Cal é o segredo para manter durante tanto tempo tanta clientela de maneira permanente?

Non sabería dicirche, Marcos. Eu o único que procurei facer todos estes anos é traballar moito, traballar ben e facer, con cariño, que cada cliente sentise que a nosa casa é tamén a súa. Recordo hai poucos días a uns clientes de Alacante que marcharon dicíndonos que se sentiran como se estiveran na súa propia casa. Tamén outras de Granada que nos deron os seus números de teléfono para que fósemos pola súa casa se algún día iamos por Andalucía..

Que che fixeron sentir eses clientes a ti?

Son desas cousas que che fan sentir que todo ten sentido, e que o teu traballo si que pagou a pena.

O asombroso Eva, é que o teu é un bar interxeracional. Tes clientes de todas as idades, algo que non é nada fácil. Como fas?

Tratar a todos por igual e darlle o mesmo cariño a cada persoa.

O cariño é recíproco, Eva..Vexo que non paras de recibilo dos teus clientes e amigos

É verdade, si. E teño que dicir ao respecto que estou inmensamente agradecida, chea de orgullo e de felicidade. A pegada do afecto que me están a dar os meus clientes, vouna gardar na miña alma todo o tempo que me quede de vida.

Alguén vai coller o Guay?

Non o sei, pero se fose así calquera que o colla espero que lle dea aos clientes o trato que se merecen.

Nunca tiveches un altercado gordo?

Lembro unha vez que unha persoa quixo atracarnos. Entrou no bar cun coitelo

Caramba, vaia susto

Pois si, a verdade é que si. Pero eu son moi tranquila, aínda que cando me sinto agredida teño moi mala “ostia”, tanto é así que aquel día quen marchou correndo foi o atracador.

E alén do susto hai algunha anécdota que se poida contar?

Lembro un cliente que tiña o costume de non pagar. Eu farteime e decidín non servirlle máis. Unha vez pediume unha consumición e eu non lla puxen. E o home tivo a ousadía de chamarme “Hija de puta”..Eu molesteime tanto que non me puiden reprimir e deille un “ostión” con todas as gañas.

Ese día estaba Don Benito, o cura. Despois do incidente veu onda min. Eu pensei que me ía a reprender, pero non, todo o contrario.

Que che dixo Don Benito?

“Que ben fixeches carallo”

Este bar é coñecido como O Nou Camp de Redondela, verdade?

Si, pero aquí veñen xente de todos os equipos a ver os partidos. Hai brincas entre os seareiros do Madrid e os do Barça, pero sempre sas e respectuosas. Igual que coa política. Aquí veñen xente de esquerdas, de dereitas. nacionalistas, monárquicos e republicanos, pero sempre se debate con respecto. O respecto mutuo foi unha norma esencial nos 34 anos de vida da nosa casa.

Estás cansa Eva?

Si, si que o estou. Ten en conta, Marcos, que traballaba de 7:30 da maña ata as 23:00 de luns a sábado desexando que chegase o domingo, que era o meu día de descanso. Quero descansar si, penso que o merezo despois de tantos anos de traballo duro. E quero tamén estar cos meus pais, que xa son moi maiores e necesitan compañía.

E despois do Guay que?

O 30 de setembro é o último día, pechamos a persiana. E de momento, o único horizonte que teño na mente é descansar.

Moitas grazas Eva. Foi un pracer acompañarte todos estes anos. A vida, Eva, é mellor con persoas como Pastor e como ti.

Vasme facer Chorar, Lareira, grazas a ti e grazas á Peneira pola vosa compañía.