Dicir que as mulleres teñen dereito a venderse é ocultar que os homes teñen dereito a compralas.
(Françoise Héritier)
Cada certo tempo salta ao centro do debate público a cuestión de como enfocar as políticas públicas sobre a prostitución. Desde unha perspectiva feminista, o abolicionismo é a única posición posible, xa que é o único enfoque que garante os dereitos humanos para as mulleres prostituídas. Porén, moitas persoas descoñecen os postulados abolicionistas e consideran erroneamente que responden a unha posición moralista e condescendente. Neste artigo queremos explicar brevemente en que consiste o abolicionismo, diferenciándoo dos outros dous enfoques: o prohibicionista e o regulacionista.
O prohibicionismo aposta pola criminalización xeral da prostitución. Penalízase tanto ás mulleres que a exercen como aos homes que pagan por sexo ou aos que fan negocio coa explotación sexual. Este modelo, lonxe de protexelas, empurra ás mulleres prostituídas á clandestinidade, dificultando o acceso a servizos sociais ou sanitarios e a protección fronte á violencia. En moitas ocasións, son as propias vítimas as que acaban sancionadas.
O regulacionismo defende que a prostitución pode ser unha elección libre e que, como tal, debe regularse como calquera outra actividade laboral. Países como Alemaña ou os Países Baixos aplican este modelo, co obxectivo de garantir dereitos e condicións hixiénico-sanitarias. Porén, estudos e testemuños sinalan que, lonxe de protexer ás mulleres, este sistema perpetúa a súa explotación, beneficia aos proxenetas legalizados como “empresarios” e mantén intacta, e mesmo aumenta, a demanda masculina. Mesmo en contextos regulados, a maioría das mulleres prostituídas son migrantes en situación precaria.
O abolicionismo, o único enfoque feminista, defende que a prostitución non é un traballo, senón unha forma de violencia machista e unha expresión extrema da desigualdade entre mulleres e homes. A súa base é a seguinte: se a liberdade real para escoller non existe, non se pode falar de consentimento libre.
Esta posición non criminaliza ás mulleres prostituídas, senón todo o contrario: busca despenalizalas e acompañalas en procesos de saída que garantan dereitos, autonomía económica, vivenda e acceso ao emprego. A responsabilidade recae nos proxenetas, nos tratantes e nos putañeiros; entre todos eles sosteñen un sistema prostitucional do que forma parte o propio Estado (no Estado español, seguindo directrices da Unión Europea, a prostitución e as drogas incorporáronse á contabilidade pública en setembro de 2014).
En países como Suecia (a pioneira), Noruega, Islandia, Francia ou Irlanda adoptouse o chamado modelo nórdico, que penaliza a demanda (putañeiros) pero non ás mulleres prostituídas, e que acompaña estas medidas con políticas de inserción social. As cifras falan en Suecia da diminución da trata de persoas, da diminución do número de prostituidores e da diminución das mulleres prostituídas.
O abolicionismo pon o foco sobre os proxenetas e os prostituidores, verdadeiros responsables do sistema prostitucional, mais tece redes de solidariedade coa muller prostituída, vítima deste sistema de control e dominación. Non hai discusión ética posible sobre os dereitos humanos, e estes son totalmente conculcados dentro do sistema prostitucional. O que podemos debater dentro do plano abolicionista son as políticas públicas que se deben implementar e crear: a creación de recursos económicos específicos para as mulleres prostituídas para a súa formación e capacitación laboral; para a axuda psicolóxica (segundo estudos realizados sobre violencia e estrés postraumático a mulleres prostituídas en países europeos, o 71% das mulleres prostituídas sufriron violencia física na prostitución, o 62% foron violadas e o 89% querían saír da prostitución pero non tiñan outro modo de supervivencia); e tamén recursos para as mulleres en risco de entraren no sistema prostitucional.
O abolicionismo non é unha cruzada moral: é unha postura política que aspira a erradicar as condicións que fan posible a explotación sexual. O seu obxectivo é construír unha sociedade onde ningunha muller teña que venderse para sobrevivir e onde o desexo masculino de comprar mulleres deixe de ser socialmente aceptado.
