Marín: festas e axenda urbana

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Nunha conversación recente ambos interlocutores chegamos á conclusión que dun tempo a esta parte Marín sempre está de festa. As do Carme, a Corsaria, o San Migheleiro…

Mentres a euforia festiva adormece á poboación os problemas continúan e Marín segue na súa dinámica onde o urbanismo continua atascado, o tráfico continua sendo un problema e a programación cultural (a da cultura con maiúsculas) non existe. Por non falar da situación da sanidade pública, cada día máis deteriorada sen que a nosa alcaldesa e vicepresidenta da deputación faga ren por tentar solucionalo.

E entre un evento festivo e outro de cando en vez presentan proxectos como a Axenda Urbana. Seica, como din na páxina web do concello “o maior instrumento de planificación estratéxica a longo prazo elaborado até a nosa data na nosa localidade”. Realmente unha copia, con vinte anos de demora, do que se ven facendo fai anos noutros concellos como o de Pontevedra.

Con esta Axenda Urbana pretenden, entre outras cousas, a Rexeneración Urbana, a Cohesión Social ou a Mobilidade Sostíbel. Está moi ben falar de humanizar e rexenerar Marín, pero que estivo facendo o PP nestas últimas lexislaturas de maioría absoluta en materia de urbanismo? A menos de cen metros do concello temos un solar que leva anos abandonado e cheo de silvas. Podemos pasear polas rúas máis céntricas e admirar edificacións en ruínas ou a medio facer, moitas paralizadas polo concello. Nada novo, levamos anos e anos nesta situación sen que ningún responsábel de urbanismo do concello faga uso da lexislación vixente e solucione estes problemas.

E que dicir da “beleza” das vistas desde a Alameda de Marín. Un mar de contedores baleiros para maior gloria de Maerks e a Autoridade Portuaria, para maior descrédito e desilusión do pobo de Marín e das persoas que nos visitan.

E a mobilidade sostíbel en Marín, ula? Propostas, copia e pega, de camiños escolares, aparcamento subterráneo ou de transporte a demanda son un pequeno parche que non soluciona o problema da mobilidade en Marín, pero que permite levar subvencións.

A mobilidade non se pode mellorar cunhas pequenas actuacións illadas en cada concello, non se poden solucionar os problemas sen mellorar o transporte público para comunicar e integrar as parroquias, a comarca e as comunicacións con Pontevedra e Vigo.

A mobilidade en que estar coordenada e planificada entre os concellos, a Xunta e do goberno central (mentres Galiza non teña as competencias). Que son os que teñen potestade sobre o transporte de viaxeiros e as vías de comunicación. E xa vemos como actúa a Xunta favorecendo os intereses dunha empresa privada de transporte por estrada, e como actúa o goberno central co transporte ferroviario na Galiza. Para uns e para outros somos unha colonia no noroeste peninsular que non precisa duns medios de transporte que integren o territorio.

En definitiva en Marín temos festas, moita propaganda e moitas fotos dos políticos locais en cada evento, pero poucas solucións aos problemas reais. Entre festexo e festexo seguiremos paseando polas rúas de Marín deleitándonos cos edificios abandonados e os solares cheos de silveiras.

Marín, 4 de outubro de 2028.

Pedro M. Cortegoso Gago.