Cristina Fernández ex alcaldesa de Ponteareas

Cristina Fernández Ponteareas

A cidadanía de Ponteareas nas eleccións do 28 de maio decidiu cambiar o goberno do Concello. O BNG, por suposto, valorou a nova situación, asumiu o novo estatus e, como non podía ser doutro xeito, comezamos a traballar para recuperar a confianza de toda a veciñanza.

Sabendo que nestas dúas lexislaturas pasadas o traballo feito foi moito e dentro dunha estratexia ben planificada, preocúpanos a situación actual dende a toma de posesión da alcaldesa do Partido Popular e a constitución do novo goberno.

Logo de situar á nosa querida vila, Ponteareas, como referente na Comarca e no País, vemos achegarse a reversión e a involución rápidamente. O PP ten moitas promesas que cumprir e moitos favores que devolver, como nos seus mellores tempos…

Aos que agora só fan queixarse de atopar un concello endebedado e sen cartos para gastar, hai que lembrarlles a situación que atopou o anterior goberno no ano 2015:

a) Unha débeda a proveedores, bancos, inmobles, sentenzas, seguridade social, CHMS, Augas de Galicia, Sestelo, xuros, indemnizacións por máis de 11 millóns €

b) Herdamos unha vila destrozada urbanísticamente na superficie e no subsolo, onde gran parte do orzamento destínase a facer arranxos nos afundimentos das rúas, onde se atopan depósitos de gasóleo ou mesmo aparcamentos privados.

c) A xuño de 2015 a planificación era 0. Non existía previsión nin crédito para cuestións básicas como campamentos de verán, aula matinal, axudas de libros, eventos culturais e de verán, actividades para infancia,… pero sí tivemos cortes de luz en instalacións deportivas, e demos prioridade ao seu pago.

E puxémonos a traballar de inmediato:

1.- Pagáronse as débedas en tres anos. O crédito do banco Santander (da etapa do PP para refinanciar débedas que estaban en execución por sentenza xudicial) quedará cancelado este ano.

2.- Adquirimos patrimonio: Terreos en Pías, Arnoso, Xinzo e Bugarín para os centros culturais e dous edificios na Praza Maior: para Centro de Emprendemento e para o Centro Cívico.

3.- Deseñamos proxectos de mobilidade e para novos servizos á veciñanza, desenvolvemos a Estratexia DUSI e numerosas obras e conseguimos subvencións millonarias nas que agora tocaría avanzar.

4.- E para realizar todas estas melloras e adquirir patrimonio, como calquera veciño ou veciña, tivemos que solicitar créditos (moitos deles sen xuros e a devolver en 8 anos), claro está… que só se concederon porque o Concello estaba saneado e eramos unha garantía. Por suposto, no 2015, non nolos houberan concedido.

5.- Aprobamos documentos importantes como o PXOM para mellorar a economía local, captar empresas ou ampliar outras, incrementándose así o emprego. Amáis co PXOM dispoñemos gratuítamente de terreos que permite ter aparcamentos públicos ou o novo centro de saúde.

6.- E sí, a CHC, a comercializadora de electricidade reclama unha débeda, pero provocada pola ela mesma por un erro informático. Foron devoltas as facturas por Intervención e foron reclamadas rectificadas.

A Sra. Castro di que a cantidade retida para suministro eléctrico no orzamento é insuficiente para asumir o consumo actual. É obvio que sí, xa que o orzamento actual fíxose no 2021 (antes da subida) e aplicouse no 2022 onde repuntou o seu custo, sendo prorrogado polas eleccións municipais ao 2023. Polo tanto o que procedía en xuño era presentar o orzamento de 2023 para recalcular o custo dos gastos deste ano. Pero o PP de novo non foi quen de facelo.

7.- O noso goberno foi precavido e coherente, deixamos máis de 700.000 € dispoñibles para gastos e preto de 12 millóns de euros retidos para gastos comprometidos en investimentos (obras EDUSI, IDAE) e para o pago do persoal para o ano 2023.

Chama a atención que digan que non teñen cartos para gastar, pero sí para pretender aumentarse os salarios e ter persoal de confianza, repintar rúas, modificar proxectos xa autorizados, gastar novamente para ceder terreos para a Conselleria de Sanidade cando xa había outros en trámite… Pero non pagan a moitas empresas coa escusa de que non hai fondos pero co risco de perder subvencións ao non xustificar en prazo.

O PP pode interpretar a conta de resultados como queira, pero os datos están aí:

– Aforro neto a 31.12.22: 1.673.387,19€ – a 31.12.21: 836.082,24€

– Resultado orzamentario positivo: 2.377.203,34€

– No estado de execución, falta por recaudar 6,5 millóns € de subvencións concedidas ao concello para obras e servizos (pendente de fondos europeos, Xunta, Ministerios…)

– O patrimonio incrementouse de 35 mill. En 2021 a 36,7 mill. En 2022.

– O Resultado da Liquidación de Tesourería negativo en 1,4 mill. será positivo en 1,6 mill. en canto xestionen o ingreso das subvencións pendentes de pago e xa xustificadas.

O BNG seguirá traballando para que Ponteareas avance e non voltar a épocas nas que ocupabamos os titulares da prensa internacional por ser visitados pola policía xudicial ou porque as edís escapaban polas ventás.

Cristina Fernández Davila

Concelleira do BNG en Ponteareas.