
Setembro e outubro son meses para considerar. Son como aqueles intres do calendario onde nos repensamos mirándonos na paisaxe. E hai que tristemente recoñecer que somos unha terra vilmente espoliada, témolo que saber anque moitas veces non sexamos conscientes. A nosa terra foi e está saqueada, foi así durante séculos. As evidencias aínda se ven, aínda resoan nos camiños os berros desesperados de quen quixo resistirse. Os saqueadores están lonxe ou a carón mesmo. Estamos sometidos historicamente e agora, apresurados e sometidos a esa ordenanza de crecer, de medrar a todo custo, de producir, de render. Estamos penalizados nesa crenza xeneralizada de que hai que evolucionar reportándolles beneficio, ás empresas que aquí veñan, para chegar ao prometido eido dourado de prosperidade e a terra sexa sacrificada en pos da nosa pronta rendibilidade ou do pronto lucro de inversores; que, hai que entender, meus pobres, ao final son quen nos dan traballo. Aí está o negocio! A mentalidade servil. Nós poñemos todo e quedamos coa derivada contaminación e os despoxos. Así van as eléctricas en encoros cos seus amigos da gran patronal, empresas estranxeiras que ninguén sabe, e untan o peto dos disciplinados gobernantes, mentres o proletariado compracido consente tal negocio, que en consecuencia é abuso. Ese que ao mesmo tempo se esconde á hora de responsabilizarse e contribuír, á hora de reparar danos causados. Non importa se acabamos cos recursos, eses que fan que sexamos unha terra capaz e solvente, feliz de acollemento comunitario e de ecosistemas ricos, case unha terra prometida. Non, iso era antes, cando non se sabía de nós, agora -segundo as ordes superiores- temos uns potenciais incribles e debemos sacrificar e destruír esta harmonía e propiedade, son ecosistemas necesarios e sagrados que servirán para salvagardar o porvir e o dos nosos descendentes. Mais xa nos convenceron, a verdadeira prosperidade é a dos cartos, billetes que se confabulan en petrodólares, “pufos” do gran empresariado e dos mega-poderosos señores da banca, aqueles que non miran para os lados: o caso é enriquecerse e vivir en paraísos fiscais onde non teñan sequera que darse a coñecer.
A nós, sucedeunos coas expropiacións e colonizacións, cos encoros, agora sucédenos cos eucaliptos, coas minas, cos eólicos e cos novos inventos que se inventen. Chegarán a embotellar o aire e a privarnos del se é de boa calidade, para vendérnolo ao mesmo prezo que en Cancún. Aqueles que nos gobernan e xestionan nunca fixeron políticas de protección, nin sequera equivocándose, que gardaran os nosos equilibrios medioambientais. Hai políticas e leis, normas que facilitan o espolio e o saqueo da terra, esta especulación á que se renden gobernos coa desculpa de xerar postos de traballo ou habilitar terras esquecidas, como din eles. De tal xeito fixeron, convén lembrar, hai uns anos coas vacas tolas, aquelas que quixeron enterrar en Lanzá (Mesía, A Coruña) nunhas minas especuladas por Villar Mir, amiguísimo de quen manda praza. Vivo preto daqueles eidos, aínda lembro e vexo como a día de hoxe non medran senón desertos no seu redor, preconizados polas xentes que protestamos e pedimos explicación. Non houbo explicación, nada se moveu, taparon como puideron para esconder as vergoñas. Aínda hoxe é o día que se vende unha casa próxima e non se dá vendido porque todos sabemos o que ten alí ao lado. As vacas enfermas leváronse para outro sitio, iso dixeron, pero botaron días podrecendo e contaminando non só as terras senón as augas do arredor. Hai unha lagoa no furado da extracción ou de re-lavado que non lles acordou tapar, alí chega con mirar o “ph” para saber como foi a desfeita, o espolio, o saqueo. O mal xa está feito e vai a máis, estamos na xerencia desa sociedade ineficiente e contaminada que non ten remedio.
Os danos sábense alí onde se producen, nas cidades e urbes non se repara das novas artes especulativas que se relacionan co grande impacto ambiental e as inxerencias nas posesións de terras comunitarias que, coa tecnificación urxente, trouxeron unha explotación invasora que busca pedras raras de toda caste, granitos, áridos, minerais especiais, calquera produto enerxético ou demandado, pedra, lousa, silicios, cobre, xofre, …que acaban a paisaxe en favor do mesmo espolio de sempre, en favor de mega-proxectos supostamente verdes -así informan os vendidos- coas eólicas e fotovoltaicas. Teremos moito que agardar para que os políticos teñan conciencia e consciencia do dano e non sexamos vítimas do sacrificio, do baleiro e a soidade. Teremos que facer un acto moi forte de fe para crer que serán quen de superar esta dinámica que non funciona e nos empobrece, que degrada xustamente onde se precisa un futuro de resistencia e convivencia, de non desgaste da nosa orixe. Debemos ir a unha solvencia que non nos perda en residuos malignos, que deixe todo na necesaria sustentabilidade.
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.
