Tres irmáns iranianos visitan Gondomar

Tres irmáns iranianos visitan Gondomar

Na primeira semana do mes de xullo dúas nenas e un neno de Teherán estiveron case dúas semanas de lecer no concello de Gondomar. Chegaron ás terras do Val Miñor grazas á mediación de Mari Ángeles Villar. Ela é unha veciña de Gondomar desde o ano 2003, natural de Nova York, filla de pais galegos, que, alén de ensinar idiomas, se dedica ao intercambio de estudantes, de diversas partes do mundo, con obxecto de que os participantes teñan a opción de enriquecerse humana e culturalmente coa aprendizaxe de formas moi diferentes, ás veces incluso antagónicas, de entender a realidade. A principios deste mes contou coa compañía de tres irmáns iranianos e nós, grazas a amabilidade de Mari Ángeles Villar, á dilixencia do alcalde Paco Ferreira, e especialmente grazas aos propios nenos, encantadores os 3, puidemos enriquecernos a nós mesmos conversando con dúas nenas e un neno extremadamente educados e agradables. Os rapaces chegaron a Galicia despois de máis de 7 horas de voo e facendo escala en Turquía e en Suíza. A conclusión da conversa é moi clara para min: Os tipos humanos son universais. E as ilusións, inquedanzas, medos e dúbidas dun adolescente de Teherán son exactamente as mesmas cás de calquera adolescente galego. Cando lles preguntei por cal é a actividade que lles provocaba maior satisfacción no seu país, dinme que compartir o tempo coa súa familia, coas persoas queridas para eles e ir visitar aos que viven lonxe alén de coñecer outros lugares bonitos de Irán. Eles son de esquerda a dereita: Negar de 17 anos, Sam de 15 , e Bahar de 11 .Os tres irmáns son moi agradecidos, e amosan unha grande curiosidade pola aprendizaxe. Coméntanos Mari Ángeles que nestes poucos días que os tivo na súa casa xa lles colleu moito cariño e que, cando se marchen, vai notar a súa ausencia pois os nenos son dos que deixan pegada na alma.

Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Negar Sam e Bahar irmáns iranianos

En Gondomar semella que a vida vai moito máis tranquila que en Teherán”

Contádeme como é Teherán?.

Unha cidade moi grande, moi diferente a Gondomar desde logo. En Teherán somos arredor de 9.000.000 de persoas. Pero é a nosa cidade, na que nacemos, crecemos e estamos a vivir .E nós querémola moito.

Se eu fora de turismo a Teherán que me recomendariades comer?

Sen dúbida o Kebab. No noso país son deliciosos.

E visitar?

Os nosos museos, son incribles. Nós recomendariámoste que visitaras o museo da historia .É espectacular.

E como foi o cambio de vivirdes nunha cidade tan grande, a estar un pobo como Gondomar?

O primeiro que notamos é o tráfico. En Teherán hai un tráfico inmenso e en Gondomar podes pasear tranquilamente polo centro do pobo , o que para nós foi un choque moi importante. En Gondomar é todo moito máis tranquilo e semella que a vida vai máis a modo.

Bahar que comidas che gustaron máis das que probaches aquí?

A paella e a lasaña.

E a ti Negar?

A min as arepas, xa sei que non son típicas de Galicia pero déronmas a probar e encantáronme.

E a Sam?

A min todo.

Ha ha ha ha, como que todo?

Si, todo. A Sam chamámoslle de forma cariñosa “ a aspiradora”, apunta Mari Ángeles, pois come como unha lima aínda que non sei onde o mete porque está moi delgado.

Que che gustaría ser de maior Bahar?

Arquitecta.

Sam?

A min gústanme moito os avións. Gustaríame deseñar avións e tamén facer vídeo xogos, algo que me atrae tamén moito.

E Negar?

Non estou moi segura pero creo que me atrae especialmente o campo da agricultura. O noso pai produce pistachos e a min interésame moito ese mundo. En Irán o cultivo do pistacho é moi importante, de feito hai un instituto do pistacho.

Que sitios coñecestes por aquí?

Gondomar, A Ramallosa, Vigo e Valença. Gustáronnos todos moito

Que temperatura tedes nesta época do ano en Teherán?

Pasa dos 40 graos.

Caramba, entón debedes estar pasando frío?

Que va¡ A temperatura de Gondomar é moi agradable. Estase xenial

Creo que fostes recibidos polo alcalde de Gondomar verdade?

Si, Paco, un home moi amable que nos tratou moi ben.

Gustaríavos volver a Galicia?

Si, claro que si.