Xosé Manuel Rodríguez Méndez voceiro do BNG e ex alcalde de As Neves

Xosé Manuel As Neves ex alcalde

O resultado electoral acontecido en As Neves o 28 M non era en absoluto previsible. Nada indicaba que puidese haber un cambio de goberno. Pero si, aconteceu. A verdade é que o novo goberno, ao que lle desexamos todo tipo éxitos, tivo moita sorte. Acada a maioría absoluta por tan só 6 votos que foron os que lle faltaron ao BNG para conservar as 4 actas que tiña no mandato anterior, e os que fixeron que o PP lograse a 6 acta. Por outra parte a presentación da candidatura de Eduardo Mariño, unha candidatura estraña que máis parece motivada por razóns de tipo psicolóxico ca políticas , levou case 300 votos, que lle serven a el para entrar pero que o único cambio que provocan é a entrada da dereita con maioría absoluta e que el mesmo pase a ser irrelevante.

O novo goberno acaba de comezar e aínda é moi pronto para valorar con rigor. Porén o que si parece preocupante son certos movementos que teñen pinta de seren indicios de escaso rigor. Vexamos:

-O cambio do escudo por un deseñado no 1959, que glosa aos caídos dun bando na guerra civil e que amosa unha igrexa cristiá, é lamentable. Vir á política só a mudar o que fixo o goberno anterior, sen preocuparse de analizar con rigor que é o que se trae de novo, é ridículo, pueril e signo de moi escasa calidade política.

-O Cambio da data da festa do viño de outubro para xullo é estraño. Haberá que ver o resultado, pero, así a priori, parece máis razoable a promoción do tinto nos meses de inverno que en pleno verán. Veremos como resulta.

-No pleno de organización o novo goberno decide que os 6 concelleiros e concelleiras estean liberados e liberadas, que todos e todas teñan un soldo. O alcalde e outro concelleiro traballarán con dedicación exclusiva e as 4 persoas restantes terán unha dedicación parcial. É certo que o custe das nóminas do goberno é o mesmo que o do anterior. Pero hai unha diferencia: no goberno BNG- PSOE 3 persoas tiñan dedicación exclusiva e as outras dúas, Pilar e Rocío, non cobraban. Traballaban por compromiso e amor ao seu pobo. Liberando ao 100% dos membros do goberno tírase unha mensaxe perigosa: a política é unha profesión .Nós falamos co ex alcalde. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

En tan pouco tempo o novo goberno xa amosa signos moi preocupantes de insolvencia”

Despois de 8 anos esperabas perder á alcaldía?

Falando un pouco en clave de humor, os meus compañeiros e as miñas compañeiras, agora chámanme alcalde vello.

Nun proceso electoral poden pasar estas cousas, pero si é certo que non eran estas as previsións. Eran outras.

Estabamos convencidos que a nosa maneira de facer as cousas era boa para As Neves. Houbo unha serie de eventos que confluíron neste proceso electoral e expulsáronnos con contundencia.

A que te refires?

Seguramente cometemos erros e houbo cousas que podiamos facer mellor, pero temos a teoría de que a sociedade é maior de idade é libre de votar o que queira. E o traballo de visita de persoa a persoa e casa a casa a pedir o voto nunca me gustou. Que un alcalde, ou un candidato á alcaldía, vaia pola casa da veciñanza a pedir o voto en certo modo paréceme coactivo, unha forma de invadir a intimidade e , case se podería dicir que, a liberdade das persoas tamén. Nunca me gustou ese modo de facer política e nunca o fixen. Pero está visto que fun inxenuo. Parece evidente que funciona e que o receptor da visita, en liñas xerais, interprétao en positivo.

Entón ti, coma min,es dos que consideras que a realidade dos feitos debería de ser suficiente para determinar libremente a vontade das persoas?

Iso debería de ser a secuencia lóxica das cousas, creo eu. Primeiro observas a realidade e en función da súa análise constrúes unha opinión. Pero está claro que hai moitos outros factores que condicionan a conformación dun criterio propio . Nós deseñamos igual a campaña de 2015 e de 2019. Eu non fun a pedirlle o voto a ninguén á súa casa. Considero que desde a acción política temos unha función didáctica. Non só temos que poder facer obras ou construír modelos físicos, senón que tamén temos que construír modelos sociais. Dentro desta teoría de construír un modelo social está o de deixar que a xente pense por si mesma e non senta a obriga de recibirte se non quere.

Na miña opinión persoal, eu eliminaría totalmente o envío de papeletas electorais aos domicilios e suprimiría todo este gasto. Creo que se debe fomentar que a xente recolla a súa papeleta no colexio electoral con total normalidade e só existan alí.

Entendo que valoras que foi un erro.

Unha inxenuidade pola miña banda.

Sigamos cos factores que ti pensas que foron determinantes no cambio político?

Logo está a valoración sobre o noso traballo nestes oito anos de mandato. Eu creo que foi boa. Pero obviamente os votantes que elixiron outra opción política teñen unha opinión diferente. Tócanos traballar máis e mellor para tratar de reconquistar a quen perdeu a confianza en nós

Por último tamén houbo un fenómeno relevante no resultado electoral: a candidatura de Eduardo Mariño, un tránsfuga de manual. Deixou o PSOE, pero non renunciou á acta e estivo durante todos estes anos creando un ambiente hostil , e cunha obsesión cara á miña persoa case patolóxica.

Esta foi unha candidatura que non propoñía nada, con todo o respecto ao resto de persoas que a conformaban. O seu slogan era “Súmate ao cambio”. Conseguiron isto mesmo, pero o cambio foi á dereita, unha dereita insolvente, e a súa candidatura conseguiu ser totalmente irrelevante.

Os votos desta candidatura foron un factor decisivo que facilitou o cambio político cara á dereita. Se estes votos fosen para o PSOE ou o BNG, pasariamos máis de 200 votos por encima do PP.

Agora coa dereita no Goberno xa hai un par de cousas que se poden empezar a valorar. Falemos do cambio de escudo, cal é a túa opinión?

Un erro de libro. Este é un Goberno insolvente, desde o punto de vista intelectual. Están convencidos de que teñen que volver atrás para borrar o rastro destes anos de goberno de BNG e PSOE.

Este escudo que volven poñer agora é un escudo do fascismo do ano 59. Neste destácanse dúas cousas, a fe cristiá e unha loa aos caídos do bando nacional, estas oito estrelas representan a estes caídos. Xa se votou polo cambio do mesmo nun anterior Goberno no que non estaba o BNG, nós o que fixemos foi levalo a cabo.

Entón, o Goberno actual recupera un escudo franquista que glosa á relixión católica e os mortos do bando franquista na guerra civil. Ben, imos ser xenerosos e supor que o farían por puro e duro descoñecemento?

Si, claro, por pura insolvencia intelectual, por cambiar o que fixo o goberno do BNG.

A outra cuestión é a do cambio de data da festa do viño, vós tiñádela en outubro e o novo goberno programouna para este mesmo mes. Como o valoras ?

Volvemos á teoría de desfacer o que fixo o Goberno anterior.

Eles queren recuperar a data do 25 de xullo, que hai anos xa se facía nestas datas e xa se demostrou que non funciona a venda de viño tinto no mes de xullo. A venda do tinto está vinculada máis a outras épocas do ano con outro estilo de comidas. Fixemos diferentes estudos coas adegas de viño e no verán non son boas datas para facer unha boa promoción deste produto. Isto conséguese facendo a festa na época do ano onde o consumo de viño tinto é máis atractivo.

No mes de outubro, nin nas Neves, nin ao redor das Neves ocorre ningún evento significativo e nós conseguimos que este mes se convertese nun referente para atraer a xente de fóra do concello.

Realmente preocúpame esa falta de solvencia nos estamentos do Goberno .

Di o PP que deixastes as piscinas municipais nun estado lamentable. É verdade isto?

Iso é totalmente mentira. Vou seguir ese proceso desa publicación nas redes e vou acabar onde sexa necesario para demostrar que iso é unha mentira intencionada para poder borrar outra vez a insolvencia deste goberno do PP.

Esas fotos que publicaron do estado das piscinas eran anteriores á reparación desa greta. Esta reparouse co persoal municipal e puxéronse a encher de auga estando nós gobernando en funcións. O día 16 de xuño, antes de que collese a substitución o PP, as piscinas estaban coa auga tratada e lista case ao cento por cento da súa capacidade. Mesmo deixamos o proceso avanzado para a contratación de socorristas e a concesión da cantina feita.

E despois desta inesperada perda do goberno como está a situación do BNG local?.

Asumimos con humildade e respecto a decisión maioritaria do noso pobo, como mon podería ser doutra maneira. Tócanos o papel de reconstruír e recuperar a confianza da xente que, por algunha razón, deixou de confiar en nós. Perdemos votos e non deberiamos perdelos.. Temos un equipo realmente bo e importante que é capaz de volver traballar para isto. Eu sigo estando na portavocía do grupo municipal e durante este tempo teremos que tomar decisións organizativas, seguramente.

Por outra parte dáse un fenómeno curioso que consiste nunha especie de corrente e simpatía que supoño que será produto da sorpresa de que isto ocorrese e agora achéganse a nós para anotarse e queren participar neste proxecto.

E ti, persoalmente, como andas de moral?

Non contaba con que isto pasase e foi un momento complexo, emocionalmente falando. Pasóuseme pola cabeza deixalo, pensei que chegara a un fin de ciclo. Despois en asemblea, a xente disuadiume deste pensamento, de que non podiamos abandonar agora. Eagora pois o dito: a recuperar a confianza maioritaria da nosa veciñanza. Por folgos non ha de ser. Por outra tamén me honraron coa confianza do BNG para ir nas listas para as eleccións xerais pola provincia de Pontevedra. Está moi complicado saír, pero valoro a confianza que depositaron en min.

Entón, calquera militante ou simpatizante do BNG pode contar con que ti esteas aí, traballando a reo estes catro anos por e para As Neves.

Si, por suposto, e vou estar o tempo que o BNG queira que estea.