Paco Ferreira alcalde de Gondomar e candidato á reelección polo PSdeG

Paco Ferreira

Todo apunta a que Paco Ferreira volverá gañar as eleccións municipais con comodidade. Nós conversamos con el para coñecer polo miúdo a súa valoración do estado das cousas en Gondomar.

Estou namorado ata as trancas de Gondomar. E traballar polo ben común do meu pobo é unha inmensa honra”

A escasos días das eleccións cales son as túas sensacións e os teus ánimos nestes momentos?

Os ánimos son mellores que nunca. Estou namorado de Gondomar ata as trancas. E traballar polo ben común do meu pobo é unha inmensa honra que nunca poderei agradecer adecuadamente aos meus veciños e veciñas pola súa confianza. As sensacións non poden ser mellores. Creo, con toda a humildade o digo, que a grande maioría da veciñanza de Gondomar valora positivamente o noso traballo.

Nótalo na rúa?

Sí, nótoo co cariño e apoio que me transmiten día si e día tamén. E é algo que me reconforta e que desde logo enche de orgullo o meu corazón.

E estes oito anos non che produciron nada de desgaste?

Non, todo o contrario. Fixéronme aprender moito. Entre outras cousas que ter a fortuna de poder servir á veciñanza do meu pobo, o lugar no que vivo , o lugar que sinto, e o lugar que quero, é destas cousas marabillosas que fan que a vida pague a pena vivila. Estou máis ilusionado aínda que hai oito anos. Creo que os catro anos que veñen van ser os mellores

Por que?

No primeiro mandato tiñamos unha situación aritmética moi complicada. Non foi nada fácil. No segundo tivemos unha Pandemia( igual que todo o mundo) que nos fastidiou medio mandato. E neste momento temos unha situación moi estable e moitos proxectos encarrilados. E , sempre que a maioría social do noso pobo nos distinga coa súa confianza, penso que vai ser unha etapa de realidades que terán un lugar importante na nosa historia.

En oito anos non dá tempo a todo, pero si que dá tempo a moito. Cales son as actuacións destes dous mandatos que che produciron maior satisfacción?

-A transformación global do casco urbano. Fixemos un espazo pensado para as persoas , humano amable e accesible, e penso que moi bonito.

-A remodelación das instalacións deportivas e construción doutras novas, como por exemplo a pista de skate. Fixo que hoxe ninguén discuta que hoxe practicar deporte en Gondomar sexa máis fácil, máis cómodo e en instalacións moito mellores que as que había antes.

-O investimento moi importante, de case 2.000.000€ , en educación:na reforma das escolas infantís de Gondomar. Queremos que Gondomar creza, queremos fixar poboación .E queremos dar todas as facilidades para que as familias novas con nenos teñan escolas o máis cerca posible. Fixemos investimentos no conservatorio, nos colexios, na escola municipal da agrupación de Vincios…

Unha crítica recorrente que recibes é o suposto maltrato ás parroquias?

Eu comprendo que a oposición ten que facer o seu papel. Pero iso simplemente non é verdade. E os datos obxectivos son o mellor antídoto fronte ao que non é máis que xogo político que non se corresponde coa realidade. Neste mandato fixemos máis de 200 actuacións nas parroquias de Gondomar. En todas e cada unha das parroquias, de maneira equitativa e xusta en función,unicamente, da necesidade que detectaramos.

Non che vou preguntar polas 200 , pero si que me poñas algún exemplo?

  • -A humanización da contorna da Capela de Chain
  • -A pavimentación da estrada de San Cibrán en Donas
  • -A pavimentación e reposición da rede de Saneamento no Rapadouro de Mañufe
  • -Un novo parque infantil en Morgadáns
  • -A pavimentación do camiño do barrio da Fonte en Peitieiros
  • -A pavimentación do barrio da Fraga en Vincios
  • -A recuperación do vial en Rochela en Vilaza

………E así ata 200. En serio, dicir que tivemos abandonadas ás parroquias non se sostén. Non é real.

As distintas administracións axudáronvos a financiar todo iso?

A Deputación.

E a Xunta?

Nin estivo, nin está nin se lle espera.

A Xunta trata de maneira diferente aos concellos do PP que aos que non goberna ao PP?

Absolutamente si. Favorece descaradamente aos concello que goberna o PP.

No que se refire ás políticas sociais que tes que dicir?

Nesta vida temos que axudarnos todos a todos. É forma máis digna de pasar polo mundo. E os primeiros que temos que facelo somos os servidores públicos. Mentres eu sexa alcalde de Gondomar , mentres o partido socialista teña a confianza maioritaria da poboación, calquera familia de Gondomar que precise atención social sempre terá a porta do concello aberta e unha man amiga para atendela con respecto.

Fixemos un grande esforzo na pandemia e agora mesmo os servizos sociais están a tope atendendo a quen o necesite, e tratando de detectar a quen o poida necesitar no futuro. Temos un banco de alimentos que funciona moi ben. E neste mandato as partidas de atención social subiron máis dun 100%.No SAF temos invertido máis de 600.000€

Outra crítica frecuente que che fan é sobre os insuficientes mecanismos de participación veciñal?

Vamos ver, dígoo unha e mil veces e todas as que sexan necesarias: Eu quero escoitar a Gondomar. E calquera veciño, ou colectivo que queira formular a proposta que estime oportuna será escoitado con interese , atención e con vontade de axuda. Non teño o mais mínimo problema con iso.

Teña a orientación que teña o colectivo que a formule?

Rotundamente si. Para min iso non ten a máis mínima importancia.

A Pasaxe?

A min faime moita graza a publicidade electoral do PP dicindo que lle van dar unha solución á Pasaxe cando estiveron gobernando moito tempo e nunca fixeron o máis mínimo. A Pasaxe foi unha obra do noso goberno, que xa estaría moito máis avanzada se non fose por unha demanda que nos puxo unha asociación de Valadares. A data de hoxe as obras están licitadas e comezarán oficialmente o venres 19.E agora teñen 15 meses para executar. A fase 1 da Pasaxe é unha realidade. E sobre a fase 2 , que desenrolará a zona Franca, xa temos o convenio con eles. E comezarán a desenvolvela cun investimento de 30.000.000 de €.

Que fixo a Xunta ao respecto da Pasaxe?: Nada. Nós pedímoslle que se implique xa.

Estou moi ilusionado con este tema e teño a convicción de que A Pasaxe vai acabar por converterse no motor económico do sur de Pontevedra.

Sobre o Plan Xeral?

Cando Antonio Arauxo era concelleiro de urbanismo non quixo sometelo a aprobación inicial, que marcaba a nova lei autonómica, e todo o traballo feito non valeu para nada. Non quedou máis remedio que comezar de novo co informe de avaliación ambiental, iso son arredor de dous anos. Fixemos todo, mandámolo á Xunta que nolo devolveu cunhas serie de correccións de obrigada execución. Fixémolas todas, pedimos todos os informes sectoriais. Xa temos todos agás o de costas, que chegará en breve. Nese momento o arquitecto municipal terá que facer un informe, e se como espero é favorable mandarémolo á Xunta , que o vai aprobar porque fixemos todas as correccións que eles nos indicaron. Entón só quedará sometelo á aprobación inicial.

Cando prevés que sexa?

Despois do verán. O problema do PXOM estivo en que, polo que antes che comentaba, non quedou outra que comezar de novo

No caso de que volvas obter a confianza maioritaria do pobo de Gondomar, cales as principais actuacións que tes pensadas para o próximo mandato?

-Culminar o proxecto da Pasaxe. Cando estea vai ser un impulso económico máis que notable para o Concello. E esa liña é esencial na política do noso goberno.

-A probar o Plan Xeral

-Converter a casa Peralba nun centro multifuncional. Por unha banda facermos unha gran biblioteca e por outra un centro de lecer para as persoas maiores.

-Mellorar substancialmente todas as estradas e camiños de todas as parroquias e de todos os currunchos do noso pobo.

-Xa fixemos moito en saneamento, neste mandato case 2.000.000€, pero queremos facer moito máis aínda.

Como é o perfil das persoas que che acompañan na lista?

Persoas solventes , traballadoras, profundamente vinculadas con Gondomar e dun perfil social moi marcado.

A incorporación de Manuel Gómez á túa lista non che pode dar problemas con parte da militancia socialista?

Polo que teño pulsado nos meus compañeiros e compañeiras non. Máis ben o contrario, a inmensa maioría alégrase. Eu creo que non se pode estar mirando atrás constantemente. E desde logo que teño moi claro que estar ancorados no rancor permanente non beneficia a ninguén. Manuel Gómez fixo unha oposición leal e construtiva, é incuestionable que ten un segmento de poboación que o apoia. E que el decida ser un máis do noso proxecto a min faime feliz.

As expectativas realistas coas que che presentas?

Obter unha maioría absoluta ampla que nos permita gobernar sen ataduras.

Primer comentario

Deixa a túa opinión