Para que serviu unha maioría absoluta?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

En agosto de 2019, tras as eleccións municipais dese ano, publicaba un artigo en A Nova Peneira titulado Para que serve unha maioría absoluta? no que indicaba que, tras realizarse a constitución das novas corporacións, xa tiñamos claro para que servía o enorme caudal de apoio que recibiu o PSOE de Nigrán nos comicios locais. As tres primeiras decisións que tomaron logo de ter lugar o pleno de organización foron: en primeiro lugar multiplicar as persoas con dedicación exclusiva, pasando de 3 a 7; en segundo lugar subirse os soldos, pasando de 33.000 a 36.000 euros, e aumentando un 33% as retribucións do persoal de confianza; e, finalmente, pasar a realizar os plenos pola mañá, despois de ter criticado duramente cando eran oposición ao PP por deixar de facelos de tarde, pois consideraban que con esa medida pretendían impedir acudir aos veciños. Agora son ás 8.30 da mañá.

Pero se importante era constatar para que lles serviu a maioría absoluta nada máis entrar, quizais máis importante é ver despois de catro anos para que non serviu esa maioría. E se falamos de asuntos para os que puidera parecer decisivo contar cun respaldo importante temos que referirnos necesariamente ao Plan xeral de ordenación municipal. O PXOM foi aprobado inicialmente fai dez anos e transcorridos dous mandatos enteiros do Partido Socialista, este último como dicimos coa maioría da corporación, segue sen levarse á aprobación provisional. Por suposto agora, en campaña, Juan González anuncia que en poucos meses debería aprobarse. Claro. O que non foi capaz de facer con 13 concelleiros durante todo o mandato farao nos próximos meses tras as eleccións.

É o mesmo que ocorreu coa urbanización da rúa Otero Pedrayo, unha obra necesaria nunha vía abandonada polo seu titular, a Xunta de Galicia, para a cal o BNG non se cansou de reclamar ao goberno municipal que realizase unha proposta seria de convenio á Xunta esixíndolle que asumisen a súa responsabilidade. En vez diso, o goberno socialista decidiu reclamar a titularidade da estrada e arranxala con fondos propios. O resultado foi a entusiasta cesión por parte do goberno autonómico, que se librou do morto, e a contratación ao final do mandato das obras cos fondos que lle corresponden a Nigrán do Plan concellos, tendo que asumir en solitario a súa urbanización. En definitiva, todo o mandato coa rúa abandonada e a uns meses das eleccións unhas obras paralizadas que non rematan nunca.

Aínda que se queremos unha imaxe gráfica do desleixo, seguramente poucas como dúas estampas que podemos contemplar no parque empresarial de Porto do Molle.

Unha é a zona deportiva que este goberno ía realizar alí, con pistas de atletismo e skate, que leva máis de dous anos paralizada e que hoxe en día é un campo de herba valado. Outra é o muíño de Porto do Molle. Un ben patrimonial de titularidade municipal que esmorece invadido pola maleza. Leva dous mandatos abandonado e, como non, agora o candidato do PSOE anuncia a súa rehabilitación. Outro anuncio máis.

Dende logo que esta maioría absoluta non serviu para levar a cabo ningún proxecto dunha mínima envergadura, como pode ser a construción de vivenda protexida ou a rexeneración ambiental da Foz do Miñor ou do río Muíños, ou abordar con seriedade o modelo turístico que queremos para o noso concello. Tampouco serviu para aproveitar a existencia do parque industrial de Porto do Molle para impulsar unha formación profesional innovadora e ben dotada. Nin sequera valeu para crear un Consello Municipal da Muller. Entón, para que serviu?

Serviu para o que vimos ao principio do artigo.

Xavier Rodríguez