Andrea Cordeiro candidata á alcaldía de A Lama por Iniciativa polo rural

Andrea Cordeiro candidata á alcaldía de A Lama por Iniciativa polo rural

No último momento, e de maneira inesperada, apareceu unha nova candidatura en A Lama. Unha agrupación de electores que manifestan ter a vontade de contribuír ao necesario cambio político que precisa este concello con urxencia. Nós falamos con Andrea a súa candidata á alcaldía.

Como, cando e con que obxecto xorde IPR.?

IPR nace o día en que fomos á manifestación contra a Espoliación eólica á Santiago de Compostela, froito dunha sensación de indefensión, rabia, cabreo, de falta de apoio por parte dos representantes do Concello e dos candidatos actuais ante as proxectos eólicos que se proxectan na nosa terra. Dende ese momento xurdiu en nós a necesidade de defender o noso rural e calidade de vida que nel existe. Non somos políticos, senón traballadores, con moito sentido común e que demos un paso ó fronte para mover as conciencias e facer que A Lama teña un futuro ilusionante.

Como é o perfil das e dos membros da candidatura?

Somos na nosa maioría, persoas novas con ganas de traballar. Existindo variedade de cores políticas dentro da nosa formación, pero moita ilusión, ganas de facer cousas. E sobre todo contamos co coñecemento e a formación para poder facelo.

Ningún de nós é político, nin pretende selo. Esta andaina supón un traballo extra no noso día e día. Mais asumimos o esforzo polas ganas de transformar o noso municipio.

E o da candidata?

IPR é unha construción colectiva, e eu son unha máis, igual de importante que todas as demais persoas. Estou moi ilusionada polo que está por vir e enormemente honrada pola confianza dos meus compañeiros e compañeiras.

Como valorades a xestión do actual goberno?

Que xestión? Non houbo ningún tipo de xestión nin proxectos, froito da desidia e descoñecemento, nada se fixo e no caso de que sigan, nada se fará.

Cales son os principais problemas que padece A Lama?

A Lama é unha poboación envellecida e con tendencia ao despoboamento. Debemos promover iniciativas que poidan poñer A Lama no mapa e ser un concello onde a xente queira vivir e asentarse aquí. Todo elo, resultado dunha falta de oportunidades laborais dentro do municipio, carencia en servizos públicos, problemas de conectividade en gran parte das parroquias e deficiencia de comunicación por estrada. Abandono absoluto por parte do goberno e polo equipo de funcionarios.

Cales son as solucións que aplicaría IPR?

IPR opta por crear un proxecto dinamizador de difusión e promoción dos recursos de A Lama coa intención de poñela no mapa como punto de interese dentro do turismo rural.

Para iso pretendemos potenciar todo o noso patrimonio etnográfico e rehabilitar infraestruturas; promover o asociacionismo entre as comunidades De Montes para a xestión dos mesmos para que sexan rendibles, mais alá de ser unha simple situación de parques eólicos; mellorar a relación veciños-concello tendo reunións periódicas para informalos e coñecer as súas inquietudes e súas necesidades; desenvolver un plan de visitas do servizos sociais porta a porta para coñecer as necesidades dunha forma directa; utilizar medios do concello para facilitar desprazamento de persoas maiores solas, así como crear unha rede loxística que poida distribuír as compras necesarias para aquelas persoas que non poden desprazarse habitualmente.

Fomentar o uso da biomasa que os nosos montes producen dabondo; colaborar co Centro Penitenciario para poder conseguir beneficios mutuos da súa localización; revisar o plan de desenvolvemento urbanístico; fomentar a creación de empresas e acoller a xente nova emprendedores que aposten por sistemas de creación de valor en produtos ecolóxicos, rurais e con denominación de orixe (como pode ser: promocionar a “Carne do Suido”, froitos vermellos, mel, madeiras para construción e mobles, entre outros).

Cales son as expectativas realistas coas que vos presentades?

Partimos coa ilusión de ter unha maioría que nos permita levar a cabo as nosas propostas, pero debemos considerar que nos presentamos a unhas eleccións con outras catro candidaturas, así que consideramos a posibilidade de ter unha representación dentro do noso concello para que sexa a voz dos veciños.

Supoño que estaredes percorrendo as rúas e camiños da Lama. Cal é a vosa percepción do estado de opinión existente neste momento?, hai pulsión de cambio?

A poboación manifesta a necesidade de cambio. Recalcan a idea de que A Lama 25 anos ancorada no pasado, sen evolución. Que é preciso a transformación na forma de facer as cousas, que é preciso maior información na comunicación que o concello ofrece aos veciños e veciñas.

Se o PP perde a maioría absoluta, cal vai ser a vosa política á hora de conformar goberno: -Ides pactar co PP para consolidar o seu goberno? Ides pactar cos distintos grupos da corporación para construír un goberno alternativo?

O nacemento desta iniciativa é unha agrupación de electores con vocación á defensa do mundo rural e a potenciación de alternativas viables en lugar da explotación eólica. Polo que, cada unha das alternativas será estudada para conseguir os propósitos polo que nacemos, así que apoiaremos as iniciativas que sexan boas para a Lama.