
TRES SÉCULOS DE HISTORIA DO VAL MIÑOR MERGULLADOS NAS SÚAS PEDRAS
O Pazo da Escola está na parroquia de Mañufe no concello de Gondomar. É unha construción do S XVIII de estética neoclásica e dunha beleza superlativa. O acougo que un sinte, unha vez traspasadas as súas portas, sumado á amabilidade e dilixencia de Paula fan que o cliente deste establecemento pronto se sinta transportado a outra época , unha época na que nin o tempo nin as presas importaban o que agora si importan. O Pazo é un local de hostalaría, con servizo de hospedaxe e restauración desde o ano 2.004.Recentemente a propiedade decidiu implantar unha serie de cambios, e nós conversamos con Paula para que nolos explicara e desde logo non nos resistimos a preguntarlle pola historia da súa casa , pola historia da casa do seu pasado, e seguro que tamén pola que será a casa das xeracións que veñan despois de Paula.
PAULA FERNÁNDEZ FRAGA, PROPIETARIA DO PAZO DA ESCOLA DE GONDOMAR.
Un sitio tan bonito como este ten que ter unha historia fascinante?
Este Pazo é do SXVIII e ten unha influencia de construción portuguesa. Mandouno construír o deán da catedral de Santiago Policarpo de Mendoza no ano 1740 sobre a casa da súa nai, aquí en Moreira. O escudo de armas do pazo é o del. Ó que non temos é ningún tipo de documentación de como chegou esta propiedade a mans da miña familia.
En que data pasa o pazo a mas da túa familia?
Non o sabemos exactamente, o que si podemos confirmar e que no ano 1850, ano no que naceu a miña bisavoa, xa naceu aquí, esta xa era a casa dos seus pais. Chamábase Concepción da Escola e de aí ven a noso alcume “os da casa da escola”.
Desde o ano 1850 viven aquí as seguintes xeracións da túa familia?
Si, a miña bisavoa tivo dous irmáns varóns pero foi ela a que herdou a casa. Casou moi noviña, con catorce anos e tivo dezaseis fillos. O meu bisavó case lle dobraba a idade, faleceu cuns 50 anos e tivo a última filla póstuma, Soledad, que é a miña avoa.
Os fillos ían facéndose maiores, casando e marchando. Ao final na casa quedaron cinco fillos solteiros e a miña avoa Soledad.
Soledad casou con Miguel Fraga, o meu avó, que era mestre canteiro de Cotobade, e quedaron a vivir aquí tamén. Tiveron un fillo varón e a segunda foi unha muller, a miña nai. No terceiro parto miña avoa faleceu co bebé e quedaron miña nai e meu tío orfos.
Miña nai e a que nos conta a historia desta casa e de toda a familia.
Aínda vive túa nai?
Si, ten 89 anos e está bastante ben.
Conta que a casa non está como a orixinal, senón que o meu avó quería independizarse coa súa familia e modificouna
Cos anos foi a miña nai a que coidou aos seus tíos solteiros e foi ela a que herdou o pazo.
Despois herdeino eu.
E cando decidiches que se convertera nun establecemento de hostalería?
Sempre estivo na nosa cabeza restauralo, meus pais non tiñan cartos para facelo. Na época dos anos 80 comezaba a falarse das axudas da Xunta para o turismo rural e nos anos 90 comezou a estar en auxe. Daquela eu tiña vinte anos e comecei a restaurar o pouco que quedaba antigo, o resto dos mobles meus pais regalaran todo. Da súa época ao antigo non se lle daba valor, todo era vello.
Na miña casa sempre se cociñou moito e ben, a min xa me viña de familia e me gustaba a cociña, entón pensamos en facer a casa de turismo rural e o restaurante.

En que ano foi isto?
Aló polo aos 96 ou 97.
E cando se concretou?
Tiñamos claro que queríamos que a restauración se fixera coa subvención da Xunta e, despois de denegárnolas varias veces, e no ano 2002 concedéronnola. Os requisitos eran ter que ter investido o 40% da subvención en dous meses e dous anos para facer a obra. Foi unha carreira a contra reloxo e, en xuño do ano 2004 inauguramos.
Acórdaste do primeiro cliente?
Non, pero si que me lembro que foi o 12 de xuño e que había eleccións aquí ao lado, na escola. Lémbrome de como puxemos o mandilón e fixemos a carta do restaurante.
Ti es psicóloga non Paula?
Si. No ano 2001 abrín un gabinete propio en Vigo con unha compañeira e no 2004 inauguramos isto. Estiven coas dúas cousas durante moito tempo e con moitísimo traballo.
Canto tempo estiveches compaxinando as dúas cousas?
17 anos.
E non botas de menos a psicoloxía?
Non, porque eu elixín o que quería facer. decidín apostar por isto e pola cociña que e a miña paixón.
Eu non son psicólogo pero levo moito tempo traballando na rúa e tratando con xente, e entendo que a túa profesión actual tamén serve para coñecer polo miúdo a natureza humana , non cres?
Si, é así. Ao fin e o cabo os tipos humanos son universais
Volvemos a carta, como a fixestes?
Creo que fomos uns ignorantes atrevidos. Con un bo resultado pero con moito sufrimento, todo o que sabemos tivemos que aprendelo cometendo erros.
Comecei facendo tres pratos diferentes os domingo e probándoos a familia, aos que lles daban o aprobado formaban parte da carta.
E eses pratos saían da túa imaxinación?
Non, eran pratos da cociña tradicional, pero eu sempre lles daba o meu toque especial.
A primeira carta foi moi ampla sen saber economía de cociña. Nesta hai que facer unha mestura de boa materia prima, boa elaboración e rapidez. Todo foi unha carreira brutal para aprender sobre a marcha.
Cando foi que se iniciou a hospedaxe?
Foi todo ao mesmo tempo.
Cantas habitacións tedes?
Oito habitacións dobres. Nós queremos que a xente que ven aquí viva a nosa forma de vivir, de vivir a gastronomía, de vivir a cultura e de vivir a socioloxía da nosa contorna
Paula vós, ata hai nada, estivestes dando o servizo de hostalería convencional, menús , carta….?
Si e ata antes da crise do 2008 abriamos tódolos días, despois deste ano decidimos abrir só as fins de semana.
Agora cambiastes o modelo. Explícanos cales son os servizo que ofrecedes agora?
Paquetes gastronómicos con aloxamento os 365 días do ano.
E para os clientes que non son hóspedes?
Comida para grupos previa reserva de entre 15 e 30 persoas para calquera día do ano, e tamén brunch.
Que é o Brunch?
É unha mestura de almorzo e comida. A súa hora habitual é entre unha a tres da tarde pero aquí facémolo de entre ás dez e media e unha e media.
Tamén para grupos?
Non, isto pode ser para calquera persoa pero previa reserva e só para sábados, domingos e festivos.
Tamén facemos comidas para levar como cocidos, bacallau, osobuco. Isto pode ser para un só comensal ou máis.
Comezastes con este servizo o 15 de setembro, podemos facer xa unha valoración?
Si, a valoración é positiva e danos menos traballo ofrecer este servizo.