O BNG lamenta a falta de proxecto para a praza de abastos da Guarda

Anxo Baz BNG a Guarda

Anxo Baz: “ A ausencia de proxecto do goberno municipal do PSOE lévaos a ir dilapidando recursos, facendo remendo sobre remendo, sen un proxecto global para camiñar cara a un mercado de excelencia”

No mes de maio do 2020 o BNG levou ao pleno do Concello da Guarda a proposta de elaboración dun proxecto de reforma integral da Praza que nos permitira optar ao recoñecemento de mercado de excelencia por parte da Xunta de Galiza . A nosa proposta foi aprobada.

Meses despois o grupo de goberno do PSOE, facendo caso omiso do acordo plenario, anunciou a reforma do pavimento da parte superior, un acceso a terraza e a mellora dun posto por un importe total de 40.000 €. Nese momento o BNG cualificou este anuncio como un remendo máis que desvirtuaba radicalmente o acordo plenario comprometendo un proxecto de futuro para a Praza.

A falta de criterio e a improvisación chegan ao extremo de que o acceso a terraza presenta barreiras arquitectónicas.

Desde o ano 2013 os parcheos realizados na Praza de Abastos superan os 332.000€. O grupo de goberno do PSOE nunha recente comparecencia nos medios de comunicación volven anunciar unha nova reforma “estética” por valor de 100.000 €.

Sen dúbida con estas inversións racionalizadas, cun proxecto ben definido, que simplemente non existe, a Praza podería dar un salto cualitativo. Cunha cuantía non moi superior Tomiño logrou un mercado de excelencia e o Rosal cunha inversión bastante menor vai camiño del.

O portavoz municipal do BNG Anxo Baz manifestou” aausencia de proxecto do goberno municipal lévaos a ir dilapidando recursos, facendo remendo sobre remendo, sen un proxecto global para camiñar cara a un mercado de excelencia. As consecuencias están a vista, lonxe de dinamizar a praza en vez de abrirse postos pecháronse varios”.