Cao de Mos responsable da xestión cultural do CC das Pedriñas

Cao de Mos responsable da xestión cultural do CC das Pedriñas

Non é posible vivir en comunidade sen cultura. A transmisión cultural entre as distintas xeracións é imprescindible para a conservación da nosa especie e debera estar garantida por calquera administración responsable de maneira que todas e todos os que fan da arte, en calquera das súas vertentes, a súa forma de vida puidesen vivir con dignidade do seu traballo. A vida do sector cultural sempre foi moi difícil pero a raíz da pandemia converteuse en misión imposible para moitos e moitas. Hai uns meses preguntáballe a un músico brillante, que vive dos concertos, como fixo nesta época terrible e contábame que de non ser pola axuda da súa familia tería acabado buscando comida nos contenedores. E algo falla, sen dúbida, na nosa sociedade cando se mobilizan inxentes recursos para operacións puramente especulativas ou negocios agochados baixo o disfrace de competicións deportivas con suposto retorno económico , e pola contra deixamos morrer de fame a un sector indispensable para a organización de calquera sociedade civilizada.

É o voluntarismo e a abnegación de persoas como Cao o que impide que concellos como Mos sexan un páramo cultural e así llo recoñecemos ao noso interlocutor de hoxe coa certeza absoluta de que algún día así o recoñecerá tamén a maioría da sociedade mosense enviando a este nefasto goberno á súa casa, porque #como dicía aquel pensamento atribuído a Mark Twain “ A historia non se repite, pero rima” ou como sentiría calquera marxista consciente “ A historia non é unha liña recta senón unha espiral”

#Nota do entrevistador: Cando utilizo algunha cita nos meus textos é porque lin de verdade o pensamento da persoa citada, non porque me preparou ninguén algo do que non teño nin idea

A alcaldesa de Mos é unha política irresponsable”

Facemos esta entrevista nas Pedriñas, que é Tameiga ou Mos, Cao?

Isto é Tameiga e, por moito que lles foda ás e aos caciques do noso pobo e aos que lle lamben os zapatos ás e aos caciques, tamén é Mos

Cóntanos cal é a túa relación exacta coas Pedriñas?

Son o vicepresidente da Comunidade de Montes e o responsable da xestión cultural. O meu traballo fundamental reside na organización de eventos culturais

Gústache?

Moito. Gozo enormemente tratando de universalizar as distintas expresións artísticas e culturais ás que somos capaces de chegar

Supoño que a xestión cultural nestes dous anos foi terriblemente difícil?

Supós ben. Foi angustioso pois tiñamos que estar programando e contra programando continuamente en función das circunstancias epidemiolóxicas e o esforzo foi elevadísimo. Pero estou moi orgulloso de todo o meu equipo pois fomos case a única sala de Galicia que nunca deixou de ofrecer cultura

Pero nestes dous anos tamén?

Si tamén fixémolo de maneira ininterrompida. De feito nós case todo o que nalgún momento tivemos que suspender acabámolo facendo

Pois ter que facer o mesmo varias veces resultaría un inmenso volume de traballo?

Foi unha pasada supuxo traballar o dobre ou ás veces ata tres veces máis para un aforo permitido dun terzo ou menos da capacidade que temos

Que capacidade ten a sala?

300 persoas e houbo momentos na pandemia nos que só podiamos meter o 10%.Despois nós preparamos un protocolo que levamos á Xunta e autorizáronnos a meter ata 70 persoas

A xestión económica dunha situación tan complexa debeu de ser case cousa de maxia?

Si a verdade é que houbo que facer auténtica enxeñería económica E se non fose pola solidariedade de todos os actores implicados; grupos musicais, técnicos de son, operarios….non podería ser posible

Vexo, non só polo que ti me dis senón por outras conversas, que a cultura é un eixo esencial para amplos segmentos da sociedade que están dispostos a implicarse para que se poida seguir a producir?

Estou completamente de acordo, e se te das de conta cando fomos confinados o que fixo todo o mundo foi consumir cultura. Sen o intercambio social da creación cultural non sería posible ningún tipo de organización racional da especie humana. A cultura é un ben básico para podermos vivir

E nesas circunstancias tan difíciles o público demandaba cultura tamén?

Absolutamente. Sempre esgotamos as entradas

Que aforo vos permiten na actualidade?

Agardo que abran pronto a man porque de momento estamos igual, xa que só podemos meter entre 70 e 80 persoas

Vaia pero no fútbol xa andan polo 100% ou case, non?

Xa, pero seica o fútbol debe de ser máis importante cá cultura

Como se comportou a administración municipal con vós nestas circunstancias tan complexas?

A administración municipal ignóranos , non existimos para eles. Así a modo de exemplo podo dicirche que somos o Centro Cultural que máis programa de todo o concello e nunca nos anuncian as nosas actividades na súa web cando nas súas redes fan publicidade de practicamente toda a actividade cultural do resto do concello

Iso de que sodes o centro cultural que máis programa é un dato obxectivo?

Total e absolutamente.

Ti cres que non reflectir as vosas actividades culturais é un acto voluntario por parte do concello ?, ou pode responder a simple descoñecemento?

É un acto voluntario con certeza absoluta. A alcaldesa dixo de maneira explícita que a nosa Comunidade de Montes somos “ non gratos”

Pero iso é alucinante. Imos ver, a confusión entre os planos político e moral é propia de adolescentes emocionais. Bipolarizar a unha sociedade en bos e malos, en función de se son dos nosos ou non, é impropio de calquera político responsable pois fai moi difícil a convivencia pacífica. A alcaldesa de Mos é unha política irresponsable?

Si, absolutamente si. A alcaldesa por desgraza entende calquera posición política diferente á súa como se fose unha agresión persoal algo manifestamente absurdo. Eu coñezo moita xente do seu partido, e non é ningún segredo se digo que están moi lonxe da miña forma de entender a realidade , que son sensatas e cordiais. Por desgraza a actitude política da nosa alcaldesa está nas antípodas da sensatez e da cordialidade .E quero deixar claro que é unha crítica política pois eu distingo perfectamente o político do persoal

O concello fai algún acto nas vosas instalacións?

Non, ningún

Por que?

Terás que preguntarllo a eles

E se vos solicitan as instalacións para facer algún tipo de acto teriades algún problema?

Non, ningún. Todo o contrario

Ben falemos de cousas máis agradables. Como temos a programación cultural?

Temos todas as fins de semana reservadas ata marzo do ano próximo. Estou moi ilusionado coa grande variedade e calidade das actuacións programadas. Teremos folk, rock, blues , teatro, heavy metal…..

Canto costan as entradas dos concertos?

Pois depende do concerto claro pero pode estar nunha media aproximada duns 8€

Pero Cao iso non dá. Cun aforo de 70/ 80 persoas a 8 € a entrada é imposible que cubrades gastos. Tedes que dar perdas forzosamente?

Nós non pagamos os cachés dos artistas, eles veñen a entrada senón sería imposible. En calquera caso nós non organizamos cultura para gañar cartos, facémolo porque como che comentei antes temos a convicción de que ou cultura ou barbarie, non queda outra. Mentres queden folgos imos seguir organizando eventos porque o facemos por convicción e por amor, e fariámolo en calquera circunstancia pero moito máis nun contexto no que a programación cultural do noso concello é paupérrima.

A cerca de admin 66 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.