E.T.A

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi

Véñense de cumplir dez anos dende que E.T.A deixara definitivamente e de xeito unilateral a loita armada logo de máis de catro décadas de chumbo e sangue, afogada, tanto polas forzas policiais do Estado Español coma pola falla de respaldo social e político dentro da sociedade vasca.

Non sei ben onde andaba ou o que estaba a facer cando todas as radios e televisións fixeron un parón nas súas programacións para dar a boa nova que hai anos estabase agardando en todo o país pero aínda podo sentir nos osos un arrepío de ledicia, pois moitos amigos e amigas entendiamos que xa non había outro camiño para ollar cara o futuro con esperanza e sen medo.

Do que si estou certo é que no ano 2011 xa levaba nove anos vivindo por estes lares, Donostia e Errenteria, e a miña nai aínda tiña metido na cabeza a idea de que voltara para casa, pero, a pesar dos intres de debilidade anímica e un feixe de dúbidas, eu xa comezara a construir a miña vida lonxe.

Nas primeiras semanas logo do comunicado de E.T.A o meu amigo Joxean seguía indo acompañado da súa escolta, o anxo da garda coma escribira Raul Guerra Garrido, ós partidos de futebol sete dos domingos, ó cine e xamais sentaba de costas á porta nas ceas na sociedade gastronómica. Había sangue abondo no chan para que fora así pero o seu ollar era diferente, máis relaxado.

O Joxean era o gardamallas do equipo, malo coma matar un can, pero bo compañeiro e cos collóns ben postos.

No choio non se falaba de outra cousa. Antes de comezar a nosa quenda arremuiñabámonos na máquina de café a partillar sobor do novo escenario que se presentaba diante dos nosos ollos coma o primeiro raio de sol despois de anos de penumbra.

Naquelas conversas falábase sen medo do pasado, do presente e do futuro. Dos mortos, dos torturados, dos ameazados, da dispersión dos presos, das armas, da palabra, das ideas, das patrias, das bandeiras, dos países, da independencia; falabamos de todo o que había que falar antes de soar a sirena e poñérmonos os pés no chan. O choio era o choio.

Hai dez anos E.T.A anunciaba o cese defenintivo da súa actividade pero, para moitos, aquel comunicado chegaba tarde de máis porque había cousas que xa non tiñan reparación algunha.

Hoxe a palabra é a única arma enriba da mesa, cargada de futuro, o emplasto para tentar sanar as feridas e as ausencias que cada un sanará ó seu xeito, nin mellor nin peor.

Coido que o pasado é a única ferramenta que temos para non voltar a cometer os mesmos erros. As veces, o pasado é coma un lugar onde un non debería voltar.

Hai dez anos E.T.A deixaba as armas e a miña nai perdía a esperanza de que eu voltara para Redondela logo de que a nosa primeria filla, Alba, cumplira seis anos e o noso fillo, Xoel, ainda non cumplira os dous.