Marín, 17 de Xullo do 2020
Nunha primeira valoración dos resultados electorais das pasadas autonómicas en Marín, só podemos dicir que foron uns bos resultados para o nacionalismo. Uns bos resultados para o BNG que quedou en segunda posición superando ao PSOE. Pasando dos 984 votos, o 8,28%, do ano 2016 a uns 2.187 votos, o 20,08%. No resto do Morrazo os datos son aínda mellores, superando o 30% dos votos no resto dos concellos.
Non podemos negar o efecto Pontón. Temos, con diferencia, a mellor candidata. Unha candidata arroupada por unha organización capaz de manter nas situacións máis difíciles a presencia e o traballo en practicamente todos os concellos da Galiza.
En Marín non podemos negar este efecto Pontón, non se explicarían estes resultados sen ese máxico efecto. O que tampouco podemos negar é o traballo feito neste último ano polo nacionalismo en Marín, un traballo feito a pan de millo, para recuperarse e volver a poñerse no sitio que lle corresponde.
Estamos no bo camiño, sobrevivimos á desfeita das municipais mantendo a representación nunha situación e nun escenario moi difícil. Estamos afeitos ás carreiras de fondo, o noso son as maratóns. E non somos fachendosos se afirmamos que estamos facendo un bo traballo institucional no concello, a pesar de ter só unha concelleira.
Compre salientar e agradecer o apoio e a colaboración das persoas, que desinteresadamente e sen ser militantes colaboran con nós, especialmente nas últimas campañas electorais, para facer o noso traballo
Aínda queda moito por facer para converter o nacionalismo en Marín nunha alternativa real ao goberno de María Ramallo. Os resultados das pasadas eleccións non poden embebedarnos de éxito, o camiño segue sendo longo e complicado. Porén, temos tres anos por diante para demostrar co traballo día a día e presentando alternativas que estamos á altura do que demanda o pobo de Marín.
Só temos un método para chegar á meta: traballar.
Traballo para incrementar a nosa implantación social, fuxindo de liortas estériles e facéndoo a pe de rúa. Sen caer no papanatismo virtual, sen deixármonos engaiolar polas “redes”. Xa vimos o que lles pasa aos que non teñen organización e non existen na realidade física, cando ven un mal vento desaparecen. Nós non somos un proxecto político virtual, somos reais.
A alternativa ao PP é mais necesaria se cabe despois desta nova maioría absoluta, tendo en conta as primeiras decisións do Fexióo eliminando a ambulancia medicalizada do Salnés e pechando unha planta de pediatría no Hospital Alvaro Cunqueiro.
Quedan por diante catro anos nos que teremos que combinar a loita institucional e a loita nas rúas para poñer freo ás claras intencións do novo goberno para continuar saqueando o noso país. E tres anos para demostrar a valía do proxecto nacionalista en Marín.