A Nova Peneira está de aniversario. Parabéns! Xa van alá douscentos exemplares nos que se puxo un xornal, e ademais en papel, ao servizo dun proxecto revolucionario de país onde non manden sempre os mesmos, onde non se escoite sempre a voz do amo. Aquí non hai carto institucional que valga, diolo paghe. Entre tanto titular vendido ao poder, as páxinas d’ A Nova Peneira son un oasis de liberdade onde unha sabe que pode falar mal da Xunta, do goberno, deste alcalde, ou destoutra alcaldesa se lle peta, porque que ninguén lle vai dicir: Pero como imos poñer iso, que me quitan o anuncio?? Non hai censura mentres exista rigor e supoño que mentres non se emitan opinións reaccionarias. Aí pode que o director poñe pé en parede, non o sei porque diso non gasto, pero A Nova Peneira non agochou nunca ser un xornal de ideoloxía nacionalista e de esquerdas, cunha liña editorial moi clara. Vamos, coma o resto só que aquí non se engana ninguén pretendendo convencer da existencia do unicornio da neutralidade ideolóxica. E iso, para min, tamén é de agradecer.

Neste tempo de medias tintas, de esixir unha equidistancia que sempre acaba por traducirse nun escoramento á dereita, agradezo que haxa un xornal que se sitúe sempre no lado do país e, sobre todo, da xente máis desfavorecida. Que mude o silencio morno polo sinalar os abusos e aquelas opcións políticas que impiden melloras para o groso da poboación. Agradezo que se faga bandeira do compromiso co noso, coas pequenas empresas, cos concellos pequenos do sur de Galiza, coas candidaturas que non conseguen o maior apoio pero si fan o maior dos traballos, co medio ambiente, co feminismo, coa cultura, co deporte, coa memoria… E sei do esforzo que supón ese remar contra corrente.

A Nova Peneira é o noso Val de Ela, o lugar onde David dá a batalla contra Goliat, número tras número, ano tras ano. Un xornal a pedradas cos poderosos. Unha pode preguntarse de onde saca folgos para levar máis dunha década co tirafonda ao lombo, pero se ti, coma min, levas tempo seguindo a traxectoria d’ A Nova Peneira, ben sabes que o secreto é Tino Lago Vargas. O director do xornal é, sen dúbida, a súa alma máter. El dirá que é un proxecto coral ao que se suman moitas voces, e é certo, pero el é o director do coro. Desde aquel maio de 2013 en que salvou a cabeceira sen ter nada que ver co sector, leva ao lombo 180 números, ou que é o mesmo, centos de visitas a bares, comercios, empresas, para vender un anuncio que lle afaste de ter que depender dos cartos do amo, e centos de repartimentos logo para levarlle ao cliente un xornal no que a nosa opinión repousa libre sobre o soporte daquel pelexado anuncio.

Tino é A Nova Peneira. A Nova Peneira é Tino. Creo que sabe que o digo porque o penso, que non son nada dada a louvamiñas, -moita caña lle meto coa maquetación!-, pero o que igual non sabe é que admiro moito a súa capacidade de traballo, ese poñer o lombo para manter un proxecto utópico que pode que sexa seu pero que nos dá ao resto folgos para manter a esperanza de que chegará o día, logo de trece anos, en que a súa portada á fin anuncie que na Galiza houbo un cambio de goberno. A ver se o facemos posíbel, xa non por nós senón porque llo debemos a Tino. Parabéns, compañeiro, a ti e a todo o teu equipo.