Alejandro Lorenzo, alcalde de O Porriño.
Chegar aos 200 números no xornalismo impreso é hoxe, máis ca unha efeméride, unha verdadeira xesta. Nunha época na que o dixital devora ritmos e espazos, manter viva a tinta sobre o papel ten un mérito inmenso. Que A Nova Peneira o consiga gracias ao esforzo, á constancia e á entrega de catro profesionais que manteñen este proxecto merece o noso recoñecemento. Porque detrás de cada un destes 200 números hai persoas, traballo, compromiso e tamén a vontade de seguir apostando por un formato que, malia todas as dificultades, continúa tendo o seu espazo.
Hai que valorar, ademais, todo o traballo comercial e de xestión que hai detrás para facer viable un proxecto así e manter esas páxinas vivas, sempre desde a proximidade. Unha proximidade que se percibe tamén na atención ao territorio, con artigos, reportaxes e entrevistas sobre o noso día a día e cun espazo propio para as parroquias. Esa páxina mensual dedicada a elas é unha boa mostra de que a periferia tamén conta, ten peso e merece ter voz e espazo. Unha visión que compartimos desde O Porriño, onde seguimos traballando para que todo o termo municipal avance, en servizos e en calidade de vida.
200 números xa deixan ver eses avances, a vila foi crecendo, construíndose, modernizándose e humanizándose paso a paso. Ese crecemento está sobre ese papel impreso que a cidadanía consulta no Concello, na biblioteca ou nos centros culturais: 200 números onde O Porriño ten sempre un espazo. Porque a relación entre A Nova Peneira e o noso municipio é profunda e estreita. Un dos vínculos máis especiais que nos unen é a gala bianual do xornal, un evento de referencia que sempre ten a nosa vila como sede: agardámosvos pronto, para celebrar que o xornal non só cumpre senón que crece e que segue cara diante, pese as dificultades, e tamén pese a despedidas.
Pois neste número 200 hai tamén unha ausencia. A Nova Peneira perde unha das súas firmas máis queridas no Porriño: Pedro Ocampo. Pedro colaborou coas páxinas de A Nova Peneira, onde tamén deixou as súas reflexións e a súa mirada sobre a realidade que o rodeaba E hai algo especialmente simbólico na estreita relación entre este xornal e aquela xoia que el impulsou no Pino Manso: a revista OPino. Dúas publicacións diferentes, pero nacidas dunha mesma vontade de escribir, de pensar e de compartir ideas. Nunha época marcada pola intelixencia artificial, lembran o valor insubstituíble da palabra escrita cando detrás dela hai unha persoa, unha mirada propia e algo que contar.
Ese prisma, seino, é a través do que Tino Lago e toda a súa equipa fan ese xornal.
Así pois, só me queda felicitar a quen fai posible este proxecto día a día e desexarvos moitos éxitos. Que esta data sexa un paso máis no camiño e que esa cifra de 200 siga sumando ceros co mesmo compromiso coa información de proximidade.
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.

