Vella ou nova tiranía

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Alguén dixo que o mundo é un gran supermercado de moi variados produtos no que só compran os que poden. De nada val a suposta moral do libre mercado, son inventos, que aparentemente compete en formas coa cruel realidade. Non, hoxe os mercados confundiron todo, só interesa o beneficio urxente, non hai ética e se acaso algo de aparente estética, todo anda prostituído, contratado, subrogado, escravizado a este modo de poder que é o diñeiro. Mesmo a verdade é máis verdade se está escudada polos dividendos dos máis favorecidos. Só é solvente quen ten ese principio básico e monetario, de nada val a intelixencia que agora se merca artificial. No horizonte morre a esperanza ao ver como uns poucos, serán máis poderosos e terán máis razón, mentres os pobres seremos máis pobres e, cando protestemos, calarannos con argumentos moitas veces lexislados e feitos norma, para aborrecernos mirando uns para outros no intento dunha reclamación supostamente “xusta”. Por iso hai tanto papel e certificado, tanta burocracia, mesmo hai que morrer enchido de papeis que dean conta de que estamos xa no alén, criando malvas a pesar da nosa inmobilidade evidente. Isto hérdase, ímonos acomodando á docilidade, e son os nosos descendentes os que cargan coa culpa e a pena, coa facenda que haxa, sempre pouca.

Anda polo medio deste tira e afrouxa a política, onde manexan resultados os máis votados e deciden o que se debe facer. Nesta alternancia levamos moito tempo no mesmo desamparo de sempre e sen ver que alguén peta na mesa con ansias de arranxar algo.

O cambio climático fará estragos porque hai que facer encoros -para os ricos-, agora no medio da seca. Hai que plantar eucaliptos para beneficio dos ricos, hai que espetar eólicos nas terras das aldeas, tamén para beneficio do ricos, …e todo canto veña e se lles ocurra! E as minas, xa sabedes: onde poidan quedar descoidadas e a ceo aberto, quizais para enterrar animais enfermos e eles mesmos se convertan en lagoas de prácticas fluviais e augas de ph sospeitoso ao conter residuos perigosos, novamente para o divertimento dos ricos.

Na sección de Cultura e Lingua nada hai, só veñen estragar mais non consumen. Vede como falan o noso Idioma, vede e oíde! Vede como perdemos falantes e como nos centros educativos perdemos esperanzas. Non teñen necesidade de acudir, no medio do supermercado, a sección de “barato-barato”, pasan disto que sería cousa tan só de lexislar en equidade. Así funciona o negocio dos ricos, segue igual desde a noite dos tempos, mercan no seu supermercado e traen consigo esa rebaixa de xustiza que se vai consolidando e confunde e desautoriza a razón, o sentido común. E que dicir dos dereitos dos vulnerables para calquera que queira sentirse incluído nesta matria do vento. Ben se viu, tamén en Pontevedra, na mesma Ría, cos cheiros que xa sempre nos profesan.

Atrás quedou a liberdade de mercado, a representatividade dos políticos, a reacción da xente esixindo xustiza e liberdade. Só eles poden facer o que fan. E nese camiño mercan testemuñas e xuíces, declaracións de impacto ambiental e certificados de boa conduta. Miren, agora é o momento, de ver como mentiron datos nos informes -IA- dos eólicos admitidos. Aquilo da liberdade era un espellismo ao que só tiñan acceso bancos, grandes empresas, farmacéuticas, eléctricas. Os ricos son os que poden, os que mercan neste luxo de praceres varios, ao resto chéganos con chegar a fin de mes, se podemos. De aí nacen todas as derivas que nos acontecen, derivas bélicas e de violencia, de corrupción, de contaminación e malgasto, de abusos e mentiras, de burlas. As causas que saen nos medios son causas sempre interesadas que van parar indefectiblemente aos ricos. Os pobres estaremos na escena para desenvolver o guión que nos diten e para producir maiores recursos e amosar os nosos desexos de compradores. Se hai que bailar, bailamos. Semellamos ser aquel país de bois capados que preconizaban os/as poetas.

A perda de valor adquisitivo, quen non a nota! Eles mercan sen problemas e sen números limitados. Mercan e esconden, hai paraísos protectores que, ao final, nos escravizan ou nos fan subsidiarios da súa enorme mentira, subrogados tamén da distribución da renda e dos salarios.

E os políticos? Seica miran para os lados, desde a beira, e anque coñecen a versión, son conscientes de que se se moven non sairán na foto. Fan o que fan, cantan no coro e abondan na desmemoria, por se lles collen no renuncio. E os sindicatos? Algúns renunciaron xa hai tempo e outros bailan ao compás, mesmo cantan ao son que previamente lles ditaron. Por iso, non nos enganemos, agora que son tempos, hai que votar a aquela xente que se compromete e aínda ten creto. Aos que se comprometan e loiten en pé de dignidade contra toda esa montaña de lixo que nos persegue, en formas variadas de contaminación da paisaxe, contra as industrias e empresas que nos destrúen o noso ser físico e social, que destrúen a abaratan a Nosa Lingua, que confunden democracia e desconcerto, que nos ocultan feitos. Debemos ser críticos coa nova mentira, esta que nos deixa sen dereitos e que, xa no tempo, nos fai indiferentes no campo das miserias.

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.

Primer comentario

Deixa a túa opinión