A inclusión dos parques eólicos da Groba e do Galiñeiro nos proxectos industriais axilizados pola Xunta durante a pandemia reabre o debate sobre a necesidade de compatibilizar enerxía renovábel e protección de espazos con valor patrimonial
O 30 de abril de 2020, en pleno confinamento pola pandemia da COVID, o Consello da Xunta acordou reactivar a tramitación dos procedementos de avaliación ambiental de 975 proxectos industriais suspendidos polo Estado de Alarma, entre eles os parques eólicos da Serra da Groba e do Galiñeiro. A nova levantou un tornado de protestas de diversos colectivos afectados que denunciaban que a restrición de movementos orixinada pola pandemia eivaba o seu dereito a recibir cumprida información sobre o impacto no territorio dos proxectos a través dos trámites de exposición pública, e condicionaba a posibilidade de presentar alegacións, ao estar imposibilitada a xuntanza das agrupacións así como a realización de consultas aos técnicos da administración para coñecer o alcance real dos proxectos.
No caso concreto da Groba e do Galiñeiro, a instalación dos parques eólicos conta cunha masiva oposición social dado o valor patrimonial e ambiental da zona onde se pretenden instalar os muíños. Desde o colectivo SOS Groba entenden que a necesidade de apostar por enerxías renovábeis non pode furtar o debate sobre a ordenación do territorio. O que se pon en cuestión non é a enerxía eólica: É indubidábel o beneficio dunha enerxía non fósil. O debate está no modelo de explotación: onde se colocan os parques e a quen benefician. Entenden que o acordo do 30 de abril é un novo exemplo que viría a confirmar que todas as decisións tomadas desde o goberno do Partido Popular oriéntanse a facilitar os proxectos empresariais a costa dun menor proteccionismo ambiental. E como xa pasara coa exposición pública do campo de golf de Baredo, en Baiona, realizada en época estival, escolleuse á mantenta a época do confinamento para intentar minimizar a resposta cidadá.
Mais a situación sanitaria non impediu que SOS Groba dese a voz de alarma e xunto a outros 106 colectivos de todo o país constituíse a plataforma Alerta Ambiental Galega co obxectivo de recorrer o decreto autonómico e alegar contra un proxecto ao que veñen amosando oposición desde fai máis dunha década. “Estase levando a cabo unha industrialización dura e irreversíbel do monte” explica Xosé Lois Vilar, presidente de SOS Groba. Entenden que a necesidade de optar por renovábeis non pode levar a inzar todo o monte galego de muíños, como no seu día se fixo cos eucaliptos, a golpe de decisións empresariais. Ven necesaria a creación dun plan de ordenación que unha vez establecido o número de torres a colocar no país, estude en que zonas sería máis adecuado poñelas: “O que non pode ser é que non quede un monte en toda Galicia sen muíños, nin que todo se mida polo beneficio empresarial, porque o monte ten un patrimonio de valor incalculábel que non se pode por á venda”. Neste senso, entenden que os parques eólicos incluídos no actual proxecto da Consellería de Industria porían en perigo unha zona con interese paisaxístico, medioambiental e histórico cultural.
Os tesouros da Serra da Groba
A Serra da Groba é un impoñente macizo orográfico que se estende desde o esteiro do Miño ata a ría de Baiona e chega a alcanzar os 675 metros de altura. Nela, a presenza humana remóntase ao Paleolítico e mantense durante séculos de xeito ininterrompido como evidencia a importante presenza de arte rupestre. Está na Groba A Laxe Cruzadaonde se atopa o labirinto máis grande de Europa, o Regueiro do Vilarco seu barco para testemuñar os contactos comerciais cos pobos mediterráneos ou a estación do Outeiro dos Lameiros, que converten á Groba nunha das zonas do mundo con maior densidade de arte rupestre por quilómetro cadrado. Ademais, conta con elementos singulares como os muíños naviculares, unha das primeiras pegadas da nosa agricultura. E xunto á pedra, a auga: Lagoas, fervenzas, turbeiras e pozas estacionais cumpren unha importante función nun ecosistema que conta con especies únicas e en perigo de extinción. Como exemplo o carabus galicianus ou escaravello de patas vermellas que o vicepresidente de SOS Groba, Xilberte Manso, localizou na regueira do Niño do Corvo e que ata ese momento só se detectara en Asturias. Ou a píntega rabilonga. Na Groba están presentes o 90 por cento dos anfibios existentes en Galiza, o 60 por cento dos réptiles e un 35 por cento das aves. E ademais, explica Manso, é zona de tránsito de colonias de paxaros que pasan na Groba o outono e a primavera. Tratase dunha espectacular paraxe que, entende o colectivo, corre perigo cos proxectos eólicos, non só polo impacto das torres senón, e sobre todo, polas pistas de acceso que hai que abrir para a instalación dos parques, a súa posterior comunicación e a evacuación da enerxía xerada.
O proxecto posto en marcha pola Consellería de Industria suporía a instalación dun total de 44 aeroxeneradores na Serra da Groba e 13 no Galiñeiro. Distribuiríanse nos parques eólicos de Albariño (11), Merendón (7), Torroña (10), Torroña I (4), Torroña III (10) e O Rosal (2). Habería ademais catro subestacións de transformación.
Sería unha importante ocupación do territorio que, entende SOS Groba, afectaría tamén ao gando da zona e particularmente aos cabalos salvaxes. A serra conta coa poboación de garranos máis grande de Europa. Trátase da raza máis antiga do mundo, descendente daqueles recollidos na arte rupestre do Cantábrico e o Sur de Francia. “Co paso dos séculos -explica Xilberte Manso- as razas fóronse mesturando pero a da Serra da Groba é a que ten as características máis semellantes á daqueles cabalos pintados hai séculos”.
Por todo iso, cando en 2012 a Xunta propuxo ampliar a Rede Natura, o organismo que preside Vilar realizou unha ambiciosa proposta para estender a súa protección a gran parte da Serra da Groba, mentres que o grupo parlamentar do BNG presentou unha iniciativa para que a Serra do Galiñeiro se incluíse no actual Parque Natural de Aloia. Mais o goberno galego nunca chegou a aprobar estas figuras de protección, que impedirían a colocación de parques eólicos.
Galiza espremida para beneficio das multinacionais
Desde SOS Groba insisten en que a súa loita non é contra a enerxía eólica senón contra “este xeito de explotala, sen ter en conta o lugar onde se colocan os parques e primando por riba do patrimonio natural os intereses económicos das multinacionais”. Entenden que á hora de estudar a relación entre custo e beneficio da produción de enerxía renovábel hai que ter en conta máis cuestións que as puramente económicas, “poñendo tamén en valor o modo de relacionarnos coa natureza. Non ten sentido que por un lado avoguemos por enerxías sustentábeis e por outro poñamos en perigo pasaxes de gran valor medioambiental para xerala”, razoa Manso. Os detractores do proxecto entenden que hai que diferenciar entre o prezo e o valor das cousas “porque se só medimos a rendibilidade en euros, gaña o capital. Hai cousas que non se poden pagar con cartos”.
Lamentan que desde algúns sectores, mesmo en relación co monte, se acepte como bo calquera proxecto que poida supoñer beneficios ou a creación de postos de traballo –neste caso moi reducida pois só faría falta persoal de mantemento- sen ter en conta todo este prexuízo que padecería a sociedade no seu conxunto pola destrución do territorio. E entenden que este tipo de iniciativas, aínda cando se poñen en marcha en territorios non tan sensíbeis como a Groba, deben reverter en beneficios para a poboación que os soporta e para o conxunto da sociedade. Neste senso, entenden que un parque eólico debería ser xestionado de forma conxunta pola iniciativa privada e a pública, por exemplo a través da participación dos concellos que, cos parques, poderían producir enerxía renovábel para o mantemento dos seus servizos ou mesmo xerar ingresos para toda a poboación, tendo en conta que os euros prodúceos un vento que non ten dono.
Mais, os pasos dados neste negocio pola Xunta do Partido Popular, primaron ata o de agora os intereses privados, e, de feito, coa aprobación no 2017 da lei de fomento da implantación de iniciativas empresarias de Galicia, coñecida como “lei de depredación” coartouse a posibilidade de negociación dos propietarios dos terreos, neste caso as Comunidades de Montes, pois a Xunta pode declarar un parque eólico de utilidade pública ou interese supramunicipal, e os terreos expropiaríase sen consentimento do propietario o que reduce o prezo. Ademais, como ocorre no caso da Groba, dividir as explotacións eólicas en varios parques permiten ás empresas eludir a normativa estatal, fixada para explotacións de máis de 50 megavatios, que é moito menos permisiva co impacto ambiental que a autonómica.
Así as cousas, o negocio que agocha o vento en paraísos galegos como a Serra da Groba sopra a favor de moi poucas firmas, moitas delas participadas por empresas transnacionais con sede noutro tipo de paraísos: Iberdrola, Acciona, Enel Green, Power, Gas Natural Fenosa, EDP, Elecnor, Norvento e Eurovento, que ten os seus ollos posados no Valmiñor, posúen a práctica totalidade dos megavatios que se reparten polos parques do país. Os colectivos do Val Miñor están intentando que non alboroten tamén o seu Galiñeiro.