Sobre os 5 descoñecidos soterrados en Cabreira

Ángel López Méndez
Cabreira Ángel López

Ángel López Méndez, veciño de Cabreira e membro da Xunta Directiva en representación de Salvaterra na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña.

O feito: Aparecen na Baixiña, zona do Viso pertencente á parroquia de Alxén, os corpos de 5 homes executados na noite do domingo 18 de outubro de 1936.

Como comezamos: Os 5 cinco descoñecidos soterrados no adro da igrexa parroquial. Por tradición oral, complementada co relato de dúas persoas da parroquia que viviron o ocorrido no seu momento (Alfonso da Devesa, falecido recentemente e a Sra. Maruja da Rotea) e afondando no tema chegamos a documentos oficiais como son as partidas de defunción no Xulgado de Paz de Salvaterra , onde consta textualmente que están soterrados no cemiterio de Cabreira. Tivemos acceso aos libros eclesiásticos e non atopamos ningunha referencia.

Quen son os 5 descoñecidos: Estaban todos os feitos perfectamente definidos pero eramos incapaces de pórlles nome e apelidos, o noso traballo tiña que seguir adiante. Polas referencias sabiamos que entraran en Cabreira procedentes de Salceda e seguimos co noso traballo centrándonos na zona sur ; fomos ao concello de Tui, onde está o libro de rexistro de presos daquela época no cárcere de Tui, seguindo a única pista que coñecemos: “atopar un grupo de 5 persoas que saíran do cárcere, por calquera motivo, o día dos feitos”.Non tivemos éxito.

Os seguinte paso sería facer o mesmo no cárcere de Vigo e en San Simón. Comezamos por Vigo e non obtivemos ningunha fonte que nos marcase o comezo do traballo,….

Outras vías de traballo: Sendo coñecedores de que a Deputación de Pontevedra tiña un departamento adicado ao estudo da Memoria Democrática pedimos cita para entrevistarnos coa deputada responsable do mesmo, María Ortega, á que puxemos en coñecemento do traballo que tiñamos feito e pedímoslle colaboración.

Tamén estivemos en contacto con Xosé Ramón Paz Antón, estudoso da Memoria e cunha amplo coñecemento da mesma. Sabemos que ten moi avanzado un traballo sobre Salvaterra no momento do que estamos facendo referencia. Hoxe en día tamén forma parte da Xunta Directiva da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica á que tamén pertenzo.

Da confluencia destes dous feitos Deputación e Xosé Ramón Paz Antón sae un amplo traballo que servirá de base documental para o futuro, este será entregado aos organismos que traballen coa Xunta de Galicia para levar adiante todos os traballos posteriores.

Colocación dun monólito na zona dos feitos. Baixo a premisa de manter vivo o recordo do acontecido aquel 18 de outubro do 36, acordamos facer un acto conmemorativo no lugar e data próxima aos feitos.

Así o 22 de outubro do 2023 fixemos un emotivo acto no lugar da Baixiña, coa participación de moita xente, onde expuxemos o alí acontecido e inauguramos un monólito cunha placa que di: “Aos 5 descoñecidos asasinados o 18 de outubro de 1936 neste lugar e soterrados no adro da igrexa de Cabreira. O noso compromiso, pórvos nome”.

No mesmo lugar plantamos unha oliveira como símbolo da Comisión.

Neste acto, de forma imprevista, intervén Xosé Novas veciño de Bueu (O Morrazo) que nos dá información moi ben documentada relativa a posible filiación dos alí asasinados, estando xa presente un deses posibles familiares.

A casualidade: “Estar no lugar adecuado no momento oportuno”. Temporalmente coincide coa organización da colocación do monólito.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica organiza unha saída a Castro Laboreiro (Portugal) e alí conversamos cun dos participantes na actividade, Xosé Novas. Ao estar neses días a traballar sobre o lema “O noso compromiso, pórvos nome” e ao coñecer que é da zona do Morrazo, venme a mente o que nalgún momento un veciño de Cabreira me tiña comentado por relato de seu pai de que os 5 asasinados eran de Moaña. Non o penso e cóntollo.

A reacción de Xosé Novas foi instantánea, recordou que algo que tiña lido nun libro “As memorias de Luís das Nacidas” de Luís Pérez Álvarez preso en San Simón e que podería encaixar perfectamente por data e número no que lle estaba a contar. De alí a uns días confírmame todo o que tiña dito e púxose a traballar sobre a posible filiación dos 5 homes soterrados no adro da igrexa de Cabreira e que remata cunha posta en común cos posibles familiares no concello de Moaña.

O máis incrible de todo é que no curto prazo de tempo que vai desde o 16 de setembro, día desta saída, ao 22 de outubro, día da colocación do monólito, desencadéanse os feitos de maneira vertixinosa. 87 anos á espera.

A posible filiación:

Os irmáns: Manuel Cancelas Corrales (1910)

Eugenio Cancelas Corrales (1914)

Os irmáns: Manuel María Blanco Costa (1903)

José Benito Blanco Costa (1905)

e José Vázquez Sampedro (1904), cuñado dos irmáns Blanco Costa.

Neste momento están vivas: Dolores Eugenia Cancelas Silva filla de Manuel Cancelas Corrales e Estrella Blanco Durán filla de Manuel María Blanco Costa.

Unha nova fase: Con todo o exposto con anterioridade damos por rematada a primeira fase de achega e documentación do feito. Foi unha fase moi persoal e próxima.

Agora comeza unha nova fase máis oficial e na que temos que seguir os pasos que nos vaian marcando os organismos e persoas que traballan a Memoria Democrática, incorporándose tamén ao proceso os familiares das vítimas, veciños de Moaña.

Esperamos que este proceso sexa o máis rápido posible, nos estaremos pendentes para que isto sexa unha realidade.

Pasos dados nesta nova fase:

-Recoñecemento do terreo. Este pasado día 25/1/24 estiveron recoñecendo o terreo no adro da igrexa e así ir elaborando o proxecto para presentar ante a Xunta e poder levar a cabo a exhumación.

Por unha banda estivo Conchi López en representación de Histraga, organismo dependente da Universidade de Santiago, e que son os que firmando convenios de colaboración, fan os traballos relacionados coa Memoria para a Xunta de Galicia e pola outra banda Mario Vila, arqueólogo, da empresa que realiza a exhumación.

-Toma de ADN. O próximo día 7/2/24 está previsto que un equipo do antropólogo forense Fernando Serrulla se desprace ata Moaña e recolla as tomas necesarias para obter o ADN dos posibles familiares das vítimas (fillas, sobriños e netos/as).

Notificación ao bispado da diocese de Tui-Vigo dos feitos acaecidos e dos traballos a realizar.

Cal é o noso fin. Estamos traballando baixo o lema “O noso compromiso, pórvos nome” e ese é o noso fin, estando claro que para poder acadalo hai un só camiño “a exhumación”. A partir de aí, que as familias decidan ao respecto.

Verdade, Xustiza, Reparación e Dignificación.

Quen somos.

Ángel López Méndez, veciño da parroquia de Cabreira e Antón Lourenzo “Xaque” veciño da parroquia de Salvaterra e neste momento membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña.