O falar non ten cancelas

Victoria Alonso voceira do PSOE de Mos
Victoria Alonso voceira do PSOE de Mos

Hai expresións que os galegos sentimos moi nosas, que con moita retranca din moito sen que digamos nada. E esta é unha desas, nas que ves que era un grupo de xente a falar pero que non pretendían aportan nada, sinxelamente falar porque tiñan que encher un espazo que lle deixaran.

Fai pouco, unha noticia corría polas redaccións, redes sociais e comentarios da xente en xeral. É que nun acto do Partido Popular, onde houbo moito de auto eloxio e moi pouco de autocrítica, a nosa alcaldesa acudiu co obxectivo de falar mal doutro concello. Actitude habitual nesta persoa, que xa é unha práctica coñecida por todos, que para intentar quedar ben ela ou deixar quedar ben a súa xestión, ataca os demais. Xa cuestionamos en máis dunha ocasión isto, porque é propio de quen non ten argumentos e precisa que os demais acaben mal para intentar sobresaír. Neste caso, e como xa ven sendo habitual, tocoulle o concello veciño de Vigo.

Atreveuse a dicir que cando chegou a alcaldía atopouse un concello sen un proxecto, curiosamente isto foi o que se atopou e ca súa xestión botou por terra. Logrou paralizar a construción dunha nova casa consistorial, retrocedeu en canto a xestión do tráfico rodado polas zonas urbanas refírese, aniquilou as axudas a colectivos culturais, de anpas e veciñais, e devólveo o cheiro caciquil a administración local.

Tamén despachouse ben no que a botar por fora se refire, facendo gala de cuestións que non defende, non promove e das que non se preocupa. Pero e que estaba “na casa”, era un acto do partido e non había que facer autocrítica. Era un acto para virse arriba dicindo o que fora, ata incluso que descubriron a pólvora e así conseguir o aplauso dos seus. O listón non estaba alto, porque ninguén estaba a medir o que se dicía.

Outro atrevemento foi dicir que ela conseguiu darlle a volta a un concello que estaba roto por todas as estradas e medios que son vías de entrada a Vigo, para conseguir beneficiarse diso e que agora Vigo é unha cidade dormitorio de Mos. Isto todo, ante as risas e aplausos de Núñez Feijoo. Hai veces que é mellor rir por non chorar.

A veciñanza de Mos e dos arredores coñece a realidade. A nosa xente traballa onde poden, e moitas veces teñen que desprazarse porque vivimos rodeados por territorios con importantes zonas empresariais. E a cuestión máis importante, e que está na cabeza de moita xente agora, viven onde poden porque moitas veces Mos non é unha opción. A nosa rapazada, cando quere independizarse, atópase na encrucillada de onde facelo. En Mos non hai moito espazo para alugar, para mercar tampouco e precísase moitos máis cartos, e a construción nos días que corren tamén é unha idea que merece ser meditada a vista de como están os prezos.

Que fai a alcaldesa para que a poboación de Mos medre, para que queden ou veñan para Mos? Pois non fai moito. Non busca o desenrolo. Todos temos concellos na cabeza que viron como medraban as súas edificacións e isto provocou que súa poboación medraba, en Mos hai quen parece que non quere isto. Xa vai sendo hora de deixar o populismo, de deixar o falar gratuíto por falar e pasar a acción. Ninguén esperaba que fose a un acto a falar mal de súa xestión, pero a dicir barbaridades tampouco. Por desgraza, e a realidade, e que temos moita veciñanza vivindo fora de Mos pero non é un orgullo. É un feito que ven motivado por unha necesidade que Mos non puido resolver. A ver si atinamos mellor nas declaración públicas, que a veces de tanto querer botar por fora, desbordamos o barco.