Sobre o cambio de nome dunha rúa no Concello de Redondela

Artigo de opinión A Nova Peneira
Marco Antonio Santos Soto.

O 29 de decembro de 1874 o xeneral Arsenio Martínez Campos encabezaba un pronunciamento, é dicir un golpe de estado, que puña fin á Primeira República Española. É o coñecido como o “ pronunciamento de Sagunto” pois iniciouse nesta localidade valenciana . A consecuencia deste golpe de estado foi que o primeiro experimento republicano en España morreu, e a monarquía volvía ser a forma política no estado na persoa de Alfonso XII.

Este monarca, falecido moi novo a consecuencia dunha tuberculose, pertence á familia Borbón, orixinariamente Bourbon-Anjou e logo castelanizada para agochar a súa orixe francesa, é o tataravó do actual xefe do estado. A liña dinástica continuou co seu presunto fillo, Alfonso XIII e despois da paréntese da II República e o réxime criminal e xenocida do nacional catolicismo español, retomou a xefatura do estado na persoa do seu bisneto Juan Carlos I, o “campechano” multimillonario que vive fugado a corpo de “Marajá” na capital do moi democrático Emiratos Árabes Unidos.

A familia Borbón é obxectivamente responsable de innumerables penalidades e sufrimentos para os pobos de España. Así por exemplo: -A guerra de sucesión que posibilitou o inicio do reinado desta familia, e que entre outras cousas supuxo regalar a Gibraltar aos ingleses para que eles puideran reinar. Se os pailáns dos futbolistas españois que celebraban a vitoria na recente eurocopa berrando aquel “ Gibraltar es español, es español, lo, lo, lo, lo…” souberan que non o é porque ese é o prezo que pagaron os Bourbon-Anjou para reinar en España estoupáballes a única neurona que teñen.

-Os cen mil fillos de San Luis, un corpo de mercenarios franceses que invadiron España en 1823 para liberar ao rei Borbón, corrupto tirano e felón, Fernando VII

-As Guerras Carlistas que libraron dúas ramas desta infausta familia que se disputaban a “ lexitimidade” do trono de España.

-O apoio explícito da familia ao golpe de estado franquista. Réxime que é responsable da morte, tortura e prisión de tantas e tantos veciños de Redondela. E non esquezamos que cando o pai do actual monarca dá o discurso inaugural do seu reinado ante as cortes afirma “ recibo de su excelencia el Jefe del Estado y Generalísimo Franco la legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936..”

Si, súbditos e súbditas de Redondela, a lexitimidade do actual xefe de estado ven do 18 de Xullo, un golpe de estado, segundo recoñeceu o seu predecesor ,e a lexitimidade do monarca que lle daba nome a unha das rúas máis importantes de Redondela ven tamén doutro golpe de estado o “ Pronunciamento de Sagunto”

Merecen uns golpistas que se honre a súa memoria dándolle o seu nome a unha rúa?.Non, indiscutiblemente non.

É lícita e xusta a iniciativa popular para cambiar o nome desa rúa?.Si, indiscutiblemente si.

O empate a 10 na votación do pleno que decidiu eliminar o nome dese monarca desa rúa, resolto co voto de calidade da alcaldesa, foi froito dunha ausencia plenamente xustificada dunha concelleira do BNG que se puidera ter asistido a ese pleno votaría sen dúbida de ningún tipo a favor de eliminar o nome de Alfonso XII . O resultado da votación do pleno reflicte a realidade sociolóxica de Redondela: a esquerda é maioritaria e a dereita non. O PP de Redondela pode agochalo como queira pero a realidade é a que é: En Redondela a esquerda é maioría e a dereita non. E a obriga dos que se din demócratas é aceptar as derrotas de maneira democrática. A maioría do pleno de Redondela, representante da maioría dos veciños e veciñas de Redondela , decidiu que o nome desa rúa debe de ser mudado e a quen non lle guste non lle queda outra que respectar e aceptar.

Os argumentos esgrimidos polos populares para xustificar o seu voto en contra ao cambio de nome da rúa carecen do máis mínimo rigor. Vexamos:

-” É unha irresponsabilidade”..Por que?

-”Vai ocasionar moitos problemas aos veciños” ..Por que?

-”Leva moitos anos” E que ?

-”Hai un clamor popular contrario a ese cambio” .Ese suposto clamor ven de 1.000 e poucas sinaturas que se presentan manifestando a súa non conformidade co cambio. Este “argumento” é directamente un insulto á intelixencia. É que pensan que non sabemos que estiveron recollendo sinaturas na súa base social?.Si, hai polo menos 1.000 veciños e veciñas de Redondela que son simpatizantes vosos, pois nada: 1.000 aplausos para vós pola vosa capacidade de mobilización social, pero iso non incide en nada na cerna da cuestión: un suxeito que accede á xefatura dun estado grazas a un golpe de estado non merece ningún tipo de honra.

Remato cunha pregunta que sempre fago cando debato con algún monárquico, que nunca ninguén me deu respondido, e cunha pequena consideración obxectiva:

-Pódese xustificar racionalmente a pertinencia de que a xefatura dun estado sexa patrimonio perpetuo dunha soa familia?

-No mundo hai 196 estado políticos recoñecidos pola ONU: 26 son monarquías e 170 non. O 86,73% do planeta terra pensa diferente ao que pensa o PP de Redondela. Os equivocados son eles.

Parabéns emocionados aos 11 concelleiros e concelleiras do pleno de Redondela que apostaron pola dignidade

Viva a República.