Os pasados 13 e 14 de setembro na parroquia de Cabreira, do concello de Salvaterra, como ven acontecendo desde o ano 2015, puidemos gozar do marabilloso festival ENTREVERBAS.
Este evento vense celebrando de maneira ininterrompida desde ese ano con excepción do 2021, que foi imposible por mor da pandemia. O ENTREVERBAS nace da vontade dun pequeno grupo de amigos de Cabreira que tratan de levar a poesía, a literatura e diversos campos da expresión artística ata os últimos currunchos da súa parroquia. E nós non podemos máis que compartir , celebrar, e na medida das nosas posibilidades apoiar, iniciativas tan fermosas como esta, xa que universalizar a posibilidade de gozar da cultura é o camiño máis adecuado para construír unha sociedade democrática de verdade.
O resultado da edición deste ano foi como sempre un éxito. Nós achegámonos ata Cabreira para conversar coa alma mater da asociación Xanela, o colectivo responsable da organización do ENTREVERBAS, el é o amigo “ Xespi” co que un ano máis foi un pracer falar.
XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ “XESPI”.
Un ano máis , e xa van 9.Cando comezastes poidades chegar a imaxinar que o evento acadase a dimensión na que está actualmente?
A verdade é que non. Nós comezamos case de maneira experimental, pero a cousa foi medrando aos poucos e collendo corpo. Nós estamos encantados pois parece que en liñas xerais o público acolle as nosas propostas con ilusión e interese.
Fagamos memoria. Como comezou todo?
Comezou no núcleo da asociación veciñal Xerme da parroquia de Cabreira no ano 2015.Naquel momento eu formaba parta da Xunta Directiva e unha das propostas que formulamos foi a creación dun evento literario con poesía e música. A cousa funcionou moi ben e decidimos continuar. Como nas seguintes edicións eu xa non formaba parte da directiva de Xerme , creamos unha pequena asociación: Xanela.
Esta asociación é a que organiza o ENTREVERBAS na actualidade?
Si. A asociación está composta por un grupo de amigos e amigas que nos gusta a literatura e a poesía en particular.
Se cadra a poesía é o núcleo do festival,pero tamén abrangue máis campos artísticos, verdade?
Si, así é. Tocamos temas como a fotografía, a pintura, a curtametraxe…..
Esta é a IX edición, pero xa levades X anos de vida?
Si, no ano 2021 por mor da pandemia non nos foi posible organizar o ENTREVERBAS. Pero foi unha parada conxuntural motivada por unha causa de forza maior, que levou a que se paralizara o mundo. A nosa vontade sempre foi continuar.
Nos IX anos da vosa historia sempre desenvolvestes o festival nos mesmos espazos?
En Xerme si, agás o ano 2020( en pandemia) que tivemos que ir a outro espazo. Logo as outras actividades témolas desenvolto en diferentes puntos de Cabreira.
Por exemplo?
Pois temos estado nunha carpintería, no xardín dunha veciña…Agora mesmo a escola e o bar San Rokán van ser puntos case fixos porque sempre están, e nós estamos moi a gusto en ambos lugares.
Cóntanos as propostas que tivestes na presente edición?
Continuamos co espazo para o público infantil que iniciaramos na edición anterior. Este ano tivemos unha peza teatral que desenvolveu Cristina Collazo, unha artista de enorme solvencia, na escola infantil de Cabreira. Alí ofreceunos o seu espectáculo da “Pepa a Loba”
Que interesante. E como a recibiron os nenos e as nenas?
De maneira enormemente positiva. Foi das propostas que temos presentado ultimamente de cuxo resultado estamos máis satisfeitos.
Ben, e para o público adulto?
O venres pola noite tivemos a proxección de “ Malla” unha curtametraxe dun rapaz das Neves, Adrián Diaño, e unha moi interesante conversa con el. E asemade abrimos un ano máis a exposición do escultor Constante González no espazo de sempre.
Eu coñezo a obra de Constante e convido a que quen non a coñeza que o faga porque é dunha calidade extraordinaria.
Abofé que é así. Na exposición deste ano presentou pezas inéditas e a verdade o seu traballo non defrauda nunca. Todas as persoas que coñecen o seu traballo acaban saíndo entusiasmados.
O sábado foi como sempre o día forte?
Si, este ano contamos cunha novidade: a charanga SDK de Guláns, pois quixemos que nos axudaran a animar un pouco á parroquia, que percorreron diferentes puntos de Cabreira e remataron a súa actuación no CC Xerme.
E despois de SDK veu o recital en si?
Efectivamente con poetas de enorme solvencia. Tivemos o pracer de contar coa compañía de :Ismael Ramos, Samuel Merino, Masha Álvarez e Ledicia Costas.
Vaia Luxo¡¡
Un luxo auténtico, abofé que si. O seu talento e sensibilidade fixéronnos pasar uns momentos marabillosos. Logo pechamos coa actuación musical de Sofía Espiñeira. E finalmente todas as persoas confraternizamos tomando uns petiscos e uns viños nun momento extraordinariamente agradable.
Que tal a asistencia este ano?
Moi ben. Que nunha parroquia como a nosa poidan achegarse entre 150-200 persoas( depende do momento) a escoitar poesía non deixa de ser un orgullo inmenso.
Como valoras a vinculación do pobo de Cabreira co ENTREVERBAS?
Valóroa de maneira tremendamente positiva. Nós tratamos de implicar cada vez máis á veciñanza, por exemplo as presentacións de cada poeta fainas sempre un veciño ou unha veciña, ou moitos dos petiscos que tomamos para despedirnos son subministrados por persoas da parroquia. Tamén nos axudan moito nas montaxes e na organización en xeral.
Rematamos:Como se porta o Concello?
Sempre se poderían portar algo mellor.