Falamos co nos amigo Salvador, o presidente do equipo, para que nos explique como lle van as cousas esta temporada ao entrañable conxunto nevense que subsiste grazas ao esforzo xeneroso de toda a familia do fútbol local.
Salvador Pérez , presidente do Nieves FC
“ O obxectivo deportivo é asentarse en segunda autonómica, pero cun equipo formado por xente da canteira que sintan e se identifiquen co club”
De onde es natural?
Eu nacín en Santiago de Ribarteme.
A que te dedicas?
Agora estou xubilado, pero eu fun empresario.
Canto tempo levas como presidente do equipo?
Arredor de 20 anos. Eu teño negocios en Alacante e cando volvín para a terra xa me “ empaquetaron” a presidencia e non son capaz de saír.
Tes gañas de deixalo?
A min o fútbol gústame moito, quero de verdade ao equipo do meu pobo pero xa son moitos anos e un relevo penso que si é necesario. O que pasa non está sendo fácil. Somos 5 na directiva e teño medo de que se marcho eu marchen os demais en fervenza.
Cantos equipos tendes?
Temos 6.O equipo sénior e 5 de canteira.
Caramba, que ben, parece que a canteira vai progresando, a última vez que falaramos non tiñades tantos nin de broma
A verdade é que o da canteira vai cada vez mellor, si. Ultimamente temos máis rapaces.
Cal é o voso uniforme?
Igual co Celta: camiseta celeste e pantalón branco.
Todos os equipos son masculinos? Ou tendes algún feminino?
Temos algúns mixtos nos pequenos, pero equipo só feminino non temos.
Por que motivo?
Pola falta de nenas. No nos pobo o bádminton é un deporte moi importante, ten un nivel moi elevado a a maioría das nenas tiran por ese deporte.
O equipo sénior en que categoría compite?
Baixamos o ano pasado, estamos en terceira autonómica. Este ano metemos varios rapaces porque a nosa política é potenciar a canteira para que o equipo sénior se poida nutrir con xogadores da canteira.
Que tal vamos este ano?
A día de hoxe imos segundos, está O Cañiza de líder e nós imos despois.
Tendo en conta que soben dous e van á promoción os tres seguintes, temos serias posibilidades de subir ou no peor dos casos de xogar a promoción de ascenso?
Si,é así. Pero quero deixar moi claro que o obxectivo fundamental é que os rapaces se divirtan, que poidamos nutrir aos sénior cos xogadores que veñan da canteira e que haxa unha importante identificación emocional entre o xogador e o equipo.
Ben vale, pero supoño que se ascendemos non lle faremos ascos?
Por suposto que non. Nós queremos ascender. O obxectivo é ascender pero cun equipo de canteira que se identifique co pobo e co equipo.
Tendo en conta o volume de poboación que ten As Neves e a súa actividade económica cal é a categoría natural na que se debe asentar o equipo?
Eu creo que na 2º autonómica.
Onde disputades os vosos partidos?
O campo chámase “Capón”, está moi cerca da piscina.
Que tal están as instalacións?
Están moi ben, hai dous anos mudamos o céspede, e fixemos un vestiario feminino e un salón para eventos e quedou todo moi ben. Parece que a primeiros de ano nos van cambiar o alumeado a LED e agardámolo con moita ilusión.
Que tal é a relación co alcalde e co seu equipo de goberno?
É moi boa, sobre todo con Ana Durán, a concelleira que leva deportes. Cando pedimos algo resolven con eficacia e dilixencia.
Este goberno mellor ou peor có anterior?
Eu sempre me sentín moi ben tratado por todos os equipos de goberno de As Neves. Non teño nada malo que dicir de ningún.
Como vos financiades?
Temos unha subvención do Concello, pero non nos chega. Temos moi poucos socios, só 60, e temos que buscar ingresos complementarios como por exemplo a venda de lotaría. A verdade para cubrir os gastos case temos que facer maxia. Quero agradecer a axuda xenerosa dos nosos patrocinadores Señorío de Rubiós e Adegas Luz, tan importante para nós.
Non cobrades cota aos xogadores?
Cobramos unha pequena cota aos pequenos pero somos sensibles ás situacións de cada un, e se unha familia non a pode pagar non imos deixar ao neno sen xogar ao fútbol
