Traballo, igualdade e salarios dignos nunha galiza con dereitos

CIG Paulo Carril
Paulo S. Carril Vázquez, Secretario Xeral da CIG

Todos os indicadores públicos sobre a realidade laboral e social reflicten un empeoramento dos empregos e perda de poder adquisitivo dos salarios. Cada día son máis os sectores da clase traballadora e do pobo galego empobrecidos, e cada vez parece non ter remate a desigualdade de xénero e a fenda salarial.

Ter traballo non permite acceder a dereitos básicos como alimentación e a vivenda, especialmente entre a xente nova e as mulleres.

Nos últimos anos as rendas do traballo perderon case 4 puntos de participación no PIB. O 1% da poboación máis rica concentra tres veces máis riqueza que o 50% máis pobre.

Esta intensa realidade da precariedade e inestabilidade laboral son resultado da aplicación polo Goberno español de receitas neoliberais en cumprimento das condicións para acceder aos fondos europeos Next Generation. Están instalados en constantes reformas que combinan a insuficiencia de medidas con outras claramente regresivas pero presentadas nun envoltorio de moita propaganda de aparente progresismo.

En todo caso, todo isto permanentemente acompañado polo diálogo social utilizado para branquear estas políticas. Diálogo social sometido aos ditados do capital, onde a patronal ten garantida a súa axenda, cun papel entregado á desmobilización por CCOO e UGT.

Na Galiza, o impacto negativo de todo isto multiplícase pola acción decidida dun Goberno do PP que aproveita estas políticas españolas que comparte para levalas máis lonxe. Con formas profundamente antidemocráticas e autoritarias impón un deseño ao servizo das grandes corporacións empresariais que veñen espoliar os nosos recursos. Un Goberno que busca reforzar a dependencia económica e política galega ao sistema centralista español.

Unha negativa de apostar por un desenvolvemento galego propio mentres cada vez somos menos galegos e galegas, agonizan cada vez máis sectores produtivos e a desertización social e industrial é maior. Máis precariedade e pobreza laboral, máis desigualdade, máis desprotección, máis emigración e avellentamento da poboación e máis profundamento do papel de colonia de Galiza.

A poboación máis rica concéntrase nas zonas máis industrializadas e na capital do Estado, en prexuízo de territorios como Galiza.

Estamos nunha realidade no Estado español que pretende limitar, incluso impedir, que poidamos exercer con normalidade o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos, as nosas condicións de traballo, coas solucións máis acaídas á nosa realidade laboral, social, industrial, económica e demográfica.

Recoñecer este dereito é poder democratizar a negociación colectiva ante a permanente estatalización, centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais sen a participación das persoas traballadoras.

Está da nosa man, na nosa capacidade de organización sindical e loita podermos negociar aquí en non en Madrid. Temos unha vía para frear a precariedade e pobreza laboral que representa a fórmula perversa de neoliberalismo-diálogo social-estatalización.

Debemos confrontar esta situación ante os gobernos e ante a patronal. A nosa vontade de mobilización é desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social. Os dereitos conquístanse loitando.

Desde a CIG chamamos a responder a esta realidade. Son tempos de loita.

Por todo isto, para o ano 2025, reivindicamos traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos.