Marín, o novo Escorial

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Se de algo estamos fartos en Marín é de padecer as continuas obras que os últimos anos se veñen realizando na nosa vila. Da a impresión que o Concello de Marín debeu contratar a mesma empresa que fixo as obras do Escorial, ou cando menos o mesmo arquitecto.

Esta lentitude na realización das obras públicas podemos comprobala comparando a construción do Mercadona co Auditorio. A primeira fíxose en meses con gran despregue de persoal e maquinaria, a segunda avanza lentamente esperando que a inauguración coincida con algún proceso electoral ao que sacar rédito. Iso si, serve de distracción dos transeúntes que pasan por alí para comentar os “grandes”avances realizados, así como o escaso número de operariós que se ven traballando.

O nove de agosto do 2023 a Xunta anunciaba o comezo das obras de saneamento do río Lameira de Marín, “para contribuíren á mellora da calidade das augas da ría de Pontevedra cun investimento de 3,3 millóns de euros”. Como deberon pensar que as obras ian rematar moi cedo decidiron telas paradas case un ano para non desentoar coas do auditorio e das beirarrúas.

Outro tanto acontece coas obras de “humanización” das principais rúas de Marín, onde o proceso de ancheado de beirarrúas parece que non remata nunca. O que non fixeron en doce anos de lexislaturas absolutas e absolutistas queren facelo todo xunto convertendo Marín no paraíso dos peóns. Porén, neste proceso de “humanización” esqueceron poñer nesas grandes concentracións de baldosas algo de vexetación para dar sombra.

E así, entre o Concello e a Xunta levamos con Marín levantado como se estivésemos preparando trincheiras para unha guerra, coas conseguintes molestias para os que temos a sorte de vivir neste concello, e mais para as persoas que se desprazan en cadeiras de rodas. Todos os días temos que ir sorteando obstáculos cando camiñamos, e non só os das obras senón tamén os que deixan os cans, e padecendo atascos cando conducimos.

Unha vez rematado o faraónico Auditorio que nós impide ver o mar, pero que tamén disimula as moreas de contedores cos que nós agasalla a Autoridade Portuaria no centro de Marín, e as anchas beirarrúas poderemos pasear vendo os desastres urbanísticos da nosa vila. E que en cada rúa temos unha, dúas, ou tres edificacións a medio facer ou en ruínas para maior deleite de veciños e turistas.

E que no centro de Marín temos edificios que se están caíndo en anacos, unha situación na que levan anos, e o único que se lles ocorre aos marabillosos xestores do PP que temos no concello é colocar unha cinta da Policía Municipal.

Que fai o noso concelleiro de urbanismo? Esta é a maravillosa xestión da nosa alcaldesa?

Marín, 4 de decembro de 2024.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.