Cando a implementación da transición ecolóxica deixa atrás ás clases medias e ás persoas vulnerables: Vigo como exemplo

Carme santos

Nos últimos anos falamos moito —e con razón— da axenda climática, da emerxencia ambiental, da Axenda 2030 e dos enormes retos que o cambio global supón para as nosas sociedades. Existe un amplo consenso social arredor dunha idea básica: é urxente reducir a contaminación, tamén a xerada polo tráfico rodado, e avanzar cara a modelos de cidade máis sostibles, saudables e habitables.

Ese consenso, porén, non debería impedirnos facer unha análise honesta e construtiva das políticas que se están a aplicar. Porque tan importante como o obxectivo é a maneira de implementalo. E isto cobra especial relevancia nun contexto no que a ultradereita alimenta discursos negacionistas, aproveitando os erros, as inxustizas e as contradicións das políticas públicas para gañar terreo social e político.

As normas que emanan da Unión Europea en materia de Zonas de Baixas Emisións son de obrigado cumprimento. Iso non está en discusión. O que si debería estar en debate é como se están aplicando nas distintas cidades, e se esas aplicacións están a ter en conta as realidades sociais, económicas e de mobilidade de cada cidade.

O caso de Vigo resulta especialmente ilustrativo.

O goberno municipal aposta por un modelo de ZBE baseado fundamentalmente en restricións á mobilidade dos vehículos e nun réxime sancionador, unha estratexia ca pode podemos estar dacordo sempre e cando exista previamente unha alternativa real que garanta a mobilidade a través dun bo servizo público de transporte. Sen esa alternativa, o que se está facendo non é cambiar hábitos: é trasladar o custo da transición ecolóxica á cidadanía.

Tal e como vén denunciando o BNG de Vigo a través do seu voceiro municipal, Xabier P. Igrexas, as multas e os perímetros restritivos non solucionan o problema se non van acompañados dun reforzo serio do transporte público. Máis aínda cando Vigo arrastra un déficit estrutural no servizo de autobuses urbanos, con liñas pensadas case exclusivamente para conectar barrios co centro e con frecuencias claramente insuficientes.

A isto súmase un feito especialmente grave: desde a pandemia suprimíronse arredor de 250 frecuencias diarias, que non só non foron recuperadas, senón que o novo contrato do servizo prevé manter a flota nos actuais 130 autobuses durante nove anos máis. Sen máis vehículos nin máis persoal, como sinala Igrexas, non é posible mellorar horarios, garantir puntualidade nin facer atractivo o uso do transporte público.

Con frecuencia escóitase o argumento de que “non hai demanda”. Pero esta lóxica ignora unha realidade evidente: se o servizo non é bo, a cidadanía non o utiliza, porque non resulta práctico nin fiable. Trátase da clásica pescada que morde a cola.

No meu caso persoal, como persoa cunha discapacidade importante de mobilidade, esta cuestión non é teórica. Non abonda con permitir excepcións administrativas ou autorizacións previas para o uso do vehículo privado: iso non substitúe un sistema público de transporte sostible e accesible, capaz de garantir desprazamentos reais no día a día.

A miña experiencia noutras cidades como Madrid ou Barcelona, onde traballei durante anos, evidencia a diferenza: alí o transporte público funciona, as frecuencias son razoables e a información é fiable. En Vigo, pola contra, mesmo as aplicacións para consultar horarios e tempos de espera fallan con frecuencia, deixando á xente tirada. Isto non pode ser aceptable nunha cidade que aspira a liderar a modernización urbana en Galicia.

Non é o mesmo implantar medidas restritivas en cidades cun sistema de transporte público robusto e eficaz que facelo nunha cidade onde ese sistema non está á altura das necesidades reais da poboación.

E facer esta crítica non significa atacar Vigo nin facerlle o xogo a discursos negacionistas. Tampouco supón defender os postulados do Partido Popular. Significa algo moito máis sinxelo e honesto: recoñecer que hai déficits claros e sangrantes que deben ser corrixidos se queremos que a transición ecolóxica sexa un éxito.

Porque non pode haber unha transición ecolóxica pensada só para quen ten poder adquisitivo, para quen pode cambiar de vehículo ou asumir novas taxas sen dificultades. Hai que pensar tamén nas persoas vulnerables, nas clases medias, nas persoas maiores, nas persoas con discapacidade. Se non, estaremos creando o caldo de cultivo perfecto para que a ultradereita capitalice o malestar social e cuestione mesmo a existencia do problema climático.

Vigo é a cidade máis grande de Galicia. E debería estar dotada do mellor sistema de transporte público do país. Se queremos ser pioneiros en luces, en infraestruturas e en proxectos emblemáticos, tamén debemos selo en políticas de mobilidade sostible e accesible, centradas no benestar da xente.

Se queremos restrinxir o tráfico —algo co que estou plenamente de acordo—, fagámolo ben. Primeiro o transporte público, logo as restricións. Primeiro alternativas reais, logo sancións. Porque iso non é ideoloxía: é sentido común. E, como ben se di, é de primeiro de primaria.

Primer comentario

Deixa a túa opinión