
Na perspectiva lonxincua dos tempos, cando se atenúan os anos e os desexos, ímonos dando conta que a memoria é algo así como unha ruptura de ciclos, anacos de historia que nos tocan vivir e que pertencen a un fardelo de sucesos, no seu día asimilados de calquera maneira, que despois serán xulgados e criticados, edulcorados por non termos a sabedoría e cautela de saber dixerilas e conducilas. Estamos a vivir un tempo convulso cheo de provocacións, ausente de verdades e moi daniño para un sistema representativo e corporativo que puidese considerar a xustiza como precedente de estabilidade e equilibrio. Pero quen xulga aos xuíces? Ata aquí chegamos, todos ven o lamentable espectáculo de Gaza, de Venezuela e mesmo aquelas federacións de estados tan -noutrora- avanzadas de ideas, calan e consenten sen moverse.
Xa sabemos que calquera sistema, aí está a nosa vulnerabilidade, non é todo o forte que debera para levarnos á compracencia absoluta, conformámonos na maioritaria. Aquela que reconduce os erros e nos leva a solucións menos teimudas e máis fiables. A Xustiza debera ser o espello onde proceder e mirar, onde compulsar e tomar os pulsos da equidade, Lugar onde habite o xuízo, en mans, corazóns e intelixencias de xuízas e xuíces supostamente capaces para tal fin. Un lugar que nos xunte para xúbilo nas normas que nos rexen, nos deberes que nos concilien e nos dereitos que nos amparen. Que xunten no convencemento de estar protexéndonos e co xuramento de entendernos e respectarnos. Trátase, pois, de aplicar o dereito que rexe as relacións entre os pobos e as persoas no exercicio dese poder, capaz, proporcionado que atenda todas as condicionantes que se moven ao redor dos feitos.
Mais sabemos que a xustiza dos humanos é teimuda, torpe e lenta, e nesas súas eivas é un despropósito que nos fatiga e amortece. Está cargada de sombras cando ela mesma debera ser luz; de cómplices, cando ela mesma debera ser independente; de compromisos, cando ela mesma debera non estar obrigada; de temperamentos, cando ela debera estar á marxe de interpretacións tan subxectivas; de naturezas e clases, cando ela debera estar atenta a non distinguir tanto a forma senón tamén o fondo e facer coincidir a letra co espírito da mesma; de categorías, cando debera ser igual para a totalidade; de urxencias temerosas cando debera ser atemporal; de circunstancias e límites, de estratexias políticas, de escarmentos, de subordinacións, de indicadores falsos, de falsas testemuñas, …
En realidade está acosada de moitas perversións. E con frecuencia pasa que a persoa non culpable, aparece culpable e cumpre pena, nunha soidade inhumana chea de abismos que preconizan o caos e os desastres. Mentres os verdadeiros culpables marchan rindo pola ramalleira e preparando a seguinte ofensa ao dereito. Hoxe están aí diante, véselles ben e teñen cara de faltos de raciocinio, anque cheos de odio. Á marxe de todo isto, aquelas persoas que non somos aprendidas en dereito, anque si escarmentadas en deberes, sabemos que non pode -creo que é básico- haber Xustiza cando se fan linchamentos de calquera tipo. Están á vista. E iso é un delito de quen enxuíza, porque rompe o sistema e fai quebrar convivencia e sobre vivencia. Quizais hoxe, en nós, a incipiente democracia que comezaba a contemplar as diversidades, as tan humanas diferencias que nos igualan. A eles só se lles pide que sexan neutrais e desde esa neutralidade exercer a lei que nos redima, ou sequera ordene.
Todo isto non sucedeu así, estamos infectados de podremia. O mundo, miremos onde miremos está cheo de “pirados” e faltóns, de xente sen escrúpulos e enchida de odio e de miserias. Son ladróns da vontade dos demais, egoístas que manteñen o seu criterio por riba do criterio legal que nos asiste a todos. Xogan con nós como co Monopoly, teñen tomados os medios de adoutrinamento e de presión social, son expertos en fiscalizar o que non ten nome e prevarican sometidos á mentira, a uns titulares falsos, ás falsidades de persoas que non coñeceron nunca a decencia e a verdade. Pero chegamos aquí, e era o que faltaba, resulta que triunfan os maleducados, os que difaman, os que son groseiros e rachan as esencias dunha posible convivencia. Non se escandalicen, isto xa viña sucedendo no noso arredor. Son persoas que pensan en número de beneficio, nunca nas persoas, nin na traxedia da xente vulnerable, arredan doutros criterios e dos que con eles son críticos. Nada lles preocupa pero fan vivir a hostilidade nos demais. Son negacionistas e negacioneiros, obrigan e fan caso omiso da ciencia e dos supostos valores humanos. Só é verdade a súa verdade e van apartados de calquera ética. Teñen veleno no corazón e na mente. Acabouse a imparcialidade soñada, …que xa pouca había! E a lexitimidade? De tal xeito sucede que criticar pasa a ser un acto de defensa da verdadeira Xustiza e da legalidade que aínda se pretendía.
