

Fai uns días o filósofo Fernando Savater escribiu unha columna na que toca o tema do negacionismo e do cambio climático. Escribe contra o catastrofismo de quen busca nos estudos sobre o cambio climático argumentos a prol do colapso das formas actuais da vida humana. Pero tamén para lembrar que o industrialismo, o elemento determinante da forma das sociedades modernas, non ten alternativa, é dicir, non pode ser negado. Enténdase negado racionalmente, pode selo por quen se deixa levar por unha visión ao Walt Disney da vida natural e choromican ante a desaparición dos osos polares, sen advertir que ese é o prezo a pagar pola prosperidade.
Está claro pois que Savater nega dúas cousas. Primeiro que a sociedade moderna actual se encamiñe cara o colapso e segundo que o industrialismo teña algunha alternativa. Por iso se declara “negacionista”.
Agora ben, tocante a primeira cuestión compre saber que son a maioría dos miles de científicos que traballan no Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio climático, o IPCC polas súas siglas en inglés, un grupo integrado por científicos de 120 países, premiado cun Nobel en 2007 e que no se último informe conclúen que os efectos do cambio terán un impacto máis “catastrófico” a medida que aumente a temperatura media global por riba de 1,5º C dos niveis preindustriais. Polo tanto, ao seu entender ou se adoptan medidas ou a sociedade moderna vai cara o colapso. Isto semella claro, polo menos para o 97% dos científicos que colaboran nese Grupo.
Daquela, declararse negacionista do cambio climático comporta negar esas conclusións e, pola contra, admitir as do tres por cento restante. Precisamente o que fai Savater da man dun físico cuántico que despois de traballar na British Petroleum pasou a un cargo no Goberno de Obama quen no seu momento lle encargou un informe que el redactou a partir, a súa vez, dos de tres expertos a favor da tese maioritaria do IPCC e tres contrarios. É dicir, considerou que o tema tiña tantos expertos en contra como a favor. Isto non respecta as esixencias do traballo científico. É unha simple falacia. De modo que, coa evidencia dispoñible pola máxima autoridade sobre o tema, o IPCC, ou reducimos as emisións de CO2 e á par eliminamos o que xa está na atmosfera ou seguimos rumbo a catástrofe.
Agora ben, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ou eliminar o xa contido na atmosfera e nos océanos comporta cambios no sistema industrial. Isto Savater non o nega. Non nega que o industrialismo produza males, que teña cambiado a dinámica da atmosfera e das correntes oceánicas, pero ao dicir que non hai alternativa e que todo o que se pode facer son cálculos, tampouco di nesta ocasión con que metodoloxía compre facer eses cálculos. Limítase a nos lembrar que temos que elixir entre prosperidade e osos polares ou, de outra forma, que non podemos cuestionar e facernos negacionistas dos sistemas de cálculo impostos polo sistema industrial en lugar dos recomendados pola ciencia.