Nace un pobo ceibe
(Este fragmento do diario de Senlúa Arraiana foi recuperado e adiantado ao noso tempo por Cristóbal López, fiel camarada do avó da futura lider da resistencia arraiana).
Chámome Senlúa e son membro da resistencia arraina. Hoxe a ledicia e a esperanza reflíctese nos ollos dos arraianos. Hoxe, no avance matinal cara o leste atopamos nun refuxio a catro mulleres disidentes da Colmea e tres delas están embarazadas en estado avanzado, abraiante!. Se o silencio imponse á algarabía é porque todos comprendemos a gran responsabilidade de conseguir que por fin nazan arraianos. As extremas condicións climáticas da Raia fan, por algún efecto descoñecido, imposible a concepción de vida dentro desta área onde sobrevivimos.
Cando a estela de fragmentos da extinta lúa ilumina o firmamento de Mortefría o noso pobo recollese buscando repouso nos refuxios baixo terra pero a min cando estou leda, coma hoxe, gústame perder uns intres contemplando o fragmento meirande. Imaxínome que é a antiga lúa e que estou no planeta azul e verde dos meus avós. Pecho os ollos e a miña mente lévame aos montes de Tameiga dos que eran comuneiros os membros da miña familia. Aguzo o oído e podo escoitar o rumor dun regato entre os trinos dos paxaros. Todo hule a verde e deixo que o seu frescor enxaugue a miña aridez interior. Alzo a vista para deleitarme co ceo azul dominado por un sol pletórico pero condescendente coa vida do planeta. Aínda que todo é unha ilusión arrepíame aguantarlle a mirada ao astro rei, o meu subconsciente non esquece ao sanguinario implacable no que se converteu.
A miña fantasía esvaecese e no seu lugar xurde o encono contra todos aqueles que permitiron que sucedera o desastre ecolóxico, todo o meu corpo se tensa cheo de ira contra os que deixaron que a súa avaricia e ambición levara ao planeta á fatídica conta atrás.
Abro os ollos, contemplo a desolada terra na que sobrevivimos e sinto un poso de resentimento contra os que non superon defender un planeta que desbordaba vida. Sei que é inxusto este rencor contra xente que coma os meus avós consagraron a súa vida á defensa dos Montes, pero non o podo evitar cando a amargura se apodera de min.
Son coñecedora da loita desigual que libraron os defensores da vida nunha sociedade que prefería comprar as mentiras feitas á medida da súa comodidade que as incómodas verdades que reconcomían as súas conciencias lembrándolles o inasumible coste ecolóxico do seu luxoso confort e da súa avidez consumista.
O meu avó contoume como os políticos corruptos usaban o que el chamaba “as cloacas do estado” para que unha gran parte da sociedade respirara as súas mentiras. Explicoume como coa complicidade da prensa mercenaria conseguían desprestixiar a quen defendía o ben común para que así a veciñanza perdera os seus referentes e entre a confusión reinara a avaricia e ambición sen oposición.
Recoñezo que sentirme nese mundo onde imperaba a mentira me supera, non comprendo como as persoas podían permanecer indiferentes ante tanta mesquindade. No meu mundo, entre os arraianos, a mentira é castigada sen paliativos co suplicio do sol do oeste. A mentira non ten cabida aquí onde para sobrevivir os uns dependemos dos outros. A nosa vida só esta a resgardo polo recto e estreito camiño da verdade, por iso se me entrecorta a respiración cando penso no autoengano narcisista no que escolleu vivir as xeracións que nos levaron ao borde da extinción.
Agótame controlar toda esta ira que me produce lembrar o pasado. Mellor baixo e recóllome para descansar. Ademais a partir de agora imos ter que facer un esforzo maior, necesitamos reducir os días de descanso entre avances para manternos sempre por debaixo dos 50 graos celsius e coidar así de que a vida que aniña nos ventres das tres disidentes embarazadas vexa a luz. Cos seus nacementos o meu pobo poderá pensar nun futuro máis aló de sobrevivir o día de mañá. Os seus fráxiles corpos serán portadores da fouteza dun pobo que recupera a esperanza no porvir.
Unha esperanza engrosada ademais polos síntomas de debilidade do control totalitario da Colmea. Algún día poderemos disputarlles a franxa do leste onde a vida florece doadamente.
Necesitamos máis información. En canto se repoñan e se afagan a nós as catro mulleres rescatadas deberán comparecer ante a asemblea arraiana e contarnos todos os detalles que lembren da súa vida na Colmea.
Polo que sabemos, na Colmea as mulleres fértiles son convertidas en ventres de aluguer escravos e soen estar sometidas a unha vixilancia intensiva e a un réxime moi severo de castigos ante o máis leve indicio de desacato. Por iso, que un grupo tan numeroso conseguira fuxir avituallado co necesario para sobrevivir semanas na xélida Mortefría evidencia que a Colmea se está rachando, xa non ten o férreo control xerárquico que a caracterizaba.
Temos que infiltrar xente na Colmea que aceleren o proceso de desmoronamento xerárquico. Seguro que as catro mulleres acollidas poden facilitarnos contactos da disidencia interna que garantan unha rápida integración dos nosos infiltrados. Voume propor como voluntaria para esa misión. Vou ter que esforzarme para convencer á asemblea de que son eu a idónea. Todos me tratan como se eu fora a líder da resistencia e non me deixan arriscarme nunca. Eu me nego a ser algo máis que un simple membro do pobo arraiano. Pero o máis difícil vai ser obter o beneplácito da miña nai, integrante destacada do Consello de Anciáns.
Difícil pero non imposible. Lograreino, sei que si. Imos ser lexión, vai nacer un pobo ceibe e imos mudar as cousas.