Suso Vaamonde

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Din, por aí adiante, na letra dunha canción levada a tango, que vinte anos non é nada. Mais vinte anos son moitos anos na vida das persoas. Hai vinte anos recibiamos con pena o pasamento de Suso Vaamonde. Levaba un tempo moi maliño, estivera  con el o día antes en Vigo no sanatorio. Na visita rexurdiu e acadou forzas, falou do último compilatorio que tiña alí, estaba con Loli a súa irmá, deume unha copia que gardo entrañablemente. Aínda mantiña as forzas e o ánimo, o orgullo desa persoa que loita e está en pé de resistencia, contestando ás rutinas dos días e as novidades que se producen. Ao día seguinte chamaron para anunciar a lutuosa e fúnebre. Acto nos Xesuítas, onde el estudara, quixemos cantar e facíase imposible. Malamente puidemos, un grupo de xente entoar a melodía de “como hei vivir mañá sen a luz túa”. Ao día seguinte recollemos as cinzas que, ao cabo dun tempo, levamos á súa terra de nacemento. Vinte anos e rememoramos agora a baixada á beira do río, as flores e pétalos navegando de novo a flor das augas fluviais por Regodobargo abaixo. E alí estabamos, máis vellos e con máis dificultades motoras. Novamente flores e pensamentos abordándonos no caletre. Tempos, eran tempos e foron temperando a dor moi lentamente entre os quefaceres cotiáns, as preocupacións, as ledicias do mundo que avanza, da vida que segue. Mais non achicaron a ausencia daquel cantor que tiña a ben denunciar e discrepar. Algo tan necesario, sobre todo hoxe, agora, cando tanta xente enmudece ou cambia de tema tras de tantas tolas aparencias.

Este ano xuntámonos coa familia no mesmo lugar, coa familia dos irmáns e as súas descendencias, coa amizade sincera. Para lembrar e celebrar a memoria daquel paxaro cantor, non dun calquera, senón de Suso. Era un xílgaro  dos de auga fresca. “Ai, quixo o paxaro pousar na póla o seu chío: cantou e cantou, morreunos co frío!”.

Amigas e amigos, baixamos nunha procesión de voces contidas mirar as augas como, por riba do seu murmurio, levaban na súa flor de insistentes orballos, os pétalos acesos que tiraramos ecoando memorias de outrora e soños para unha Galiza que merece ser outra cousa. Palabras para o amigo e cantor, para o meu compadre, música solemne de gaita nun ton maxestoso que, nesta circunstancia precisa, anque tocase leda, soaría tristeira e a cun certo arrebato de rebeldía. Melodías que percorren a nostalxia chea de lembranzas, de silencios desesperados que aboian polos ollos en forma de pingueiras miúdas. Tamén se me aveñen outras lembranzas paralelas, como as de Fernando Pereira, que fora alcalde daqueles territorios, loitador da causa digna que sempre asistiu á memoria de Alexandre Bóveda e que tamén andará prendido, quizais perdido, nas nosas memorias da nostalxia, de referencia de loita.

Xa de tarde, despois dun xantar de urxencias, nunha carpa, canda os cafés e faladoiros, verbas do alcalde, de Senén. Resoaron melodías e cancións, as cancións de todas e todos en canto comunal, un coro de voces para sentir xuntos. E tamén soaron as cancións de Suso, de novo voces da amizade a carón do Local Social ou Casa do Pobo que, a partir de agora, levará o nome de Suso Vaamonde. Dentro, unha placa e recordos del, discos, libros, apuntamentos, fotos, …ao final “vinte anos son moitos anos para as ausencias, para aqueles amigos que certificaron a existencia dunha Galicia que pode ser outra cousa, e deberá xa ser outra cousa”. Onde o reparto sexa máis xusto, onde sexamos galegos na honra de ser e na honra de sermos, así xuntos e non por libre, para  celebrarnos e entendernos plurais e multiformes, xuntos tamén no orgullo da pertenza que busca saídas de dignidade que, aínda así e sen renunciar a nada, sexan garantes de porvir e de posesión, desta nosa marca de identidade que nos coloca no mundo, precisamente pola que se nos recoñeza nación e berce de memorias cheas, como a de hoxe.

“Ai, quixo o paxaro pousar na póla o seu chío. Tentou e tentou deixar aquel son no ar suspendido. Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío. No aloucado intento, cantou e cantou, cantou e cantou, …morreunos de  frío!”. (Versos dun poema que gañou o premio de poesía do Concello de Paradela “Manuel-Oreste Rodríguez López”, e dedicado a Suso).