Colectivo de despedidas C&A

Colectivo despedidas C&A

C&A é unha empresa holandesa que estaba instalada na rúa do Príncipe da cidade de Vigo desde o ano 1.988 de maneira ininterrompida. A maioría das súas traballadoras levaban prestando os seus servizos nesa empresa desde ese mesmo ano ou desde moi pouco tempo despois. Porén a principios deste ano a compañía decide pechar esa tenda, e manda á rúa a un colectivo de mulleres que entraron na empresa sendo pouco máis que unhas nenas e que hoxe ,pasados os 50 anos de idade, van ter enormemente difícil reincorporarse ao mercado laboral.

Elas manifestan sentirse estafadas pois cando lles comunican o despedimento xa tiña que saberse que C&A abriría unha tenda no novo centro comercial de Vialia, que estaba naquel momento a piques de inaugurar, porén nin lles din nada, nin lles ofrecen pasar a traballar nese local e incluso ante a súa pregunta referente que se a compañía ten previsto abrir ese local explicitamente lles menten e lles din que non.

Non entenden tampouco como é posible que o resto de compañías que trasladan os seus locais de Príncipe a Vialia levan ao persoal pero no seu caso elas son despedidas para contratar a persoas moito máis novas. Unha vez toman conciencia de que, ao seu xuízo, foron enganadas deciden contratar a uns avogados e demandar a empresa pedindo a nulidade dos despedimentos. O próximo 2 de decembro teñen o xuízo. Desde as nosas páxinas expresamos toda a nosa solidariedade con elas e a esperanza de que a xustiza lles dea a razón. Nós conversamos con elas .Velaí vai o resultado

Sentímonos estafadas pola empresa”

Non podedes imaxinar o duro que foi baleirar os nosos armarios despois de 32 anos”

Canto tempo levabades traballando en C&A?

Desde 1.988 a maioría. Algunha entramos un pouquiño máis tarde. En calquera caso todas levabamos en torno a 30 anos, mínimo, traballando na empresa

Caramba. Tres décadas ininterrompidas?

Si, ininterrompidamente na mesma empresa e no mesmo local

Supoño que en tanto tempo viviriades distintas conxunturas no que se refire á situación das vendas da empresa?

Si claro. Houbo épocas moi boas, boas , regulares, malas e moi malas

A que segmentos económicos ía dirixida a roupa que vendiades?

A persoas de economía media. É roupa accesible a case todos os petos e de moi boa calidade. A relación calidade prezo era excelente

Imaxino que teriades clientes de moitos anos?

E tanto que si. Ata 3 xeracións. Clientas que mercaron para elas, logo para os seus fillos e ultimamente estaban facéndoo para os seus netos

A quen pertence a compañía?

É holandesa. Inicialmente foi unha empresa familiar e agora forma parte dun holding

Cantas tendas hai en Galicia?

Hai en Lugo, Coruña , Ourense e en Vigo hai unha en Gran Vía e agora a nova que abriron

Cando comezastes a ter os primeiros indicios de que o voso local, o de Príncipe, podía pechar?

Non tivemos ningún indicio previo a non ser que había menos cantidade de roupa

E non preguntabades o motivo da escaseza de xénero?

Si claro, pero nos dicían que eran problemas de transporte resultantes da pandemia e que era común a todas as tendas do grupo

Ese problema foi grave, nalgunha ocasión non puidestes atender a demanda de clientes por carecer de xénero?

Si, nalgún caso si

Os resultados económicos da vosa tenda , a consecuencia da pandemia, eran anormalmente malos?

Eran malos si, pero igual de malos que no resto de tendas de España

Entón diciádesme que alén da escaseza de mercadoría non tiñades ningún indicio de que a vontade da dirección era pechar, e como foi o proceso?

Dun día para outro

Dun día para outro¡¡

Si, a finais de xaneiro, convócanos a unha xuntanza para o día seguinte a todas ,incluso ás persoas que non lles tocaba traballar ou que puidesen estar de baixa. A xuntanza é para o 100% do persoal

Quen está nesa reunión?

A directora de recursos humanos de Iberia( As tendas de España e Portugal),o segundo de abordo de recursos humanos, e a directora de Galicia e norte de Portugal

Vós non tedes representación sindical na empresa?

Si, unha delegada de FETICO que tamén está na reunión

Describídeme como foi a reunión?

Foi a finais de xaneiro e nela dinnos que nun mes e poucos días pechaban a tenda. Despídenos a todas, incluída á xerente, polo que eles din que son causas organizativas e produtivas ao abeiro do artigo 52 C do estatuto dos traballadores

Que vos ofrecen?

20 días e 24 mensualidades, o que marca a lei. Logo despois dunha suposta negociación co sindicato subiron a indemnización a 33

Supoño que o panorama sería desolador?

Absolutamente. O impacto foi brutal. E foi algo tan inesperado que a dor e a angustia penetraron ata o máis profundo .As bágoas de todas asolagaron aquel local en aquel momento tan horrible. A situación de todas as tendas era moi semellante e non entendiamos por que somos nós os que temos que pechar. Logo reflexionando entre nós concluímos que se cadra influíu o feito de que lles caducaba o aluguer do local e terían que volvelo negociar

Nese momento xa era inminente a apertura de Vialia. Vós sabiades que C&A ía abrir unha tenda nova nese centro comercial?

Non, non o sabiamos. E incluso foi algo que preguntamos directamente

E ante unha pregunta tan clara que vós contestaron?

Que non, que non ían abrir tenda algunha. Negáronnolo explicitamente

Vaia, pois semella que vos soltaron unha trola?

Iso parece, pois a decisión de abrir unha tenda das dimensións da nosa non se toma cun mes de antelación. É algo estudado e proxectado desde moito antes

Cando vos despiden non vos ofrecen a posibilidade de recolocarvos nalgunha outra tenda próxima?

A única posibilidade máis ou menos digna era un posto en Ourense que colleu unha compañeira. Logo hai outra serie de ofertas imposibles de asumir, contratos menores de 20 horas en Madrid, de 16 horas en Mallorca….Xa me dirás como persoas de 50 anos con familias e vidas estruturadas podemos ir a traballar a media xornada ou menos a Madrid ou a Mallorca. Delirante vaia

No momento de ter executado o despedimento xa decidides organizarvos como colectivo?

Non. Seguimos mantendo o contacto entre nós porque somos amigas, porque xa levamos moitísimo tempo xuntas e temos pasado máis tempo entre nós case que o que pasamos coas nosas familias. Pero en ningún momento decidimos organizarnos como colectivo pois nós confiabamos na empresa. E cando nos din que pechan o local pero que non van abrir ningún outro estabamos seguras de que nos estaban dicindo a verdade

Pero non foi así?

Efectivamente. Pouco despois coñecemos que había unha oferta en infojobs para 12 persoas para C&A Vialia

12 persoas¡¡¡ xusto o número de persoas que sodes vós¡¡¡ parece incrible?

Pois si, e foi nese momento, cando comprendemos que se nos tomou o pelo, cando decidimos organizarnos como colectivo e reclamar a nulidade dos despedimentos

Cales son os vosos sentimentos neste momento?

Sentímonos enganadas, sentimos que a empresa tomou a decisión conscientemente de librarse de nós para contratar a rapazas moito máis novas por un salario bastante inferior ao que nós tiñamos. Non te podes imaxinar o duro que foi baleirar os nosos armarios de 32 anos .Nós asinamos os despedimentos pero enganadas, asinámolo coa conciencia de que non se ía abrir ningunha outra tenda de C&A. Se tiveramos sabido que era inminente a apertura da tenda nova non teriamos asinado baixo ningún concepto

Houbo empresas que estaban en Príncipe que tamén se foron para Vialia. Sabedes que fixeron co persoal?

Si, todas e cada unha, con excepción da nosa que nos despediu, trasladáronse ao novo centro comercial co persoal que tiñan en Príncipe

Como vos estades defendendo?

Contratamos un despacho de avogados, Vento avogados, que son os que nos representan. Levamos á empresa a xuízo, que é o 2 de decembro, e reclamamos a nulidade dos despedimentos, por outra parte tamén realizamos concentracións na porta de Vialia .

E non tedes asesoramento sindical?

Si, tamén nos está asesorando Vítor Mariño do sindicato CUT