
“O asasinato de Urbano Figueiredo Castro”
“Despois de uns dous anos de ausencia, quero volver utilizar estas páxinas para falar do asasinato de Urbano Figueiredo Castro. Este caso aféctame persoalmente, pois Urbano era o meu bisavó. Bisavó ao que non coñecín, asasinárono entre finais do 36 e principios de 37. Eu nacín 42 anos despois”.
Non podo dar demasiada información sobre Urbano, levo dous anos tentando conseguila, pero non teño moita. Vou empezar por contarvos parte da súa historia ata que desapareceu.
Urbano naceu un 25 de novembro de 1911 en Santa María de Mélias, en Ourense. A súa familia afincouse alí, pero viñan desde Portugal. Cando Urbano era pequeno trasladouse coa súa nai Florinda e o seu pai Adriano ao Porriño e, cando era mociño coñeceu á súa futura muller, Arxentina Alonso Martínez, nacida en Zamáns.
Urbano e Arxentina deciden casar un 27 de xullo de 1930 na Igrexa de Zamáns, parroquia de Vigo onde viven e crean unha familia. No momento do casamento Urbano ten 19 anos e Arxentina, 18. Deste matrimonio nacen 3 fillos, Arxentina, Otilia e Manuel Figueiredo Alonso. Urbano traballaba de leñador e andaba polos montes de Galicia e Asturias co seu pai, Adriano, á leña.
A partir de aquí a historia non está moi clara, pois cando eu era pequena na miña casa non se falaba de política. Había moito medo e vergoña, isto era un tema prohibido, como en moitas outras familias onde ocorreu practicamente o mesmo unha e outra vez.
O que me contan é que cando estalou o levantamento militar , o meu bisavó, Urbano, estaba en Asturias á leña. Cando o colleron as tropas franquistas e pediron informes del ao cura de Zamáns, este díxolles que non o coñecía. A súa muller, Arxentina, si era relixiosa, ía á igrexa todos os domingos, pero el non. Estaba fóra traballando. Como consecuencia da maldade do cura de Zamáns, Urbano foi fusilado . A día de hoxe, eu non sei se o meu avó Manuel, máis coñecido como o Torero, de 88 anos,cumprirá 89 o próximo 30 de agosto, que é o único dos tres fillos de Urbano que segue con vida , sabe a verdade ou se se vai a decatar de quen era en realidade o seu pai cando lea estas liñas que lle teño pensado ensinar o día do seu aniversario. O que si sei é que levo dous anos indagando sobre a vida do meu bisavó e si, era leñador, pero non o colleron traballando. O que descubro é que parte da miña familia a mediados dos anos oitenta conseguiu que a miña bisavoa Arxentina empezase a cobrar unha pensión de viuvez por viúva de guerra. Sospéitase que Urbano foi collido en León e encarcerado en San Marcos, o antigo cuartel de León, agora convertido en Parador. Tamén se sospeita que alí foi fusilado e enterrado nunha fosa común, pero non temos máis documentación. O que si conseguín pescudar é que Urbano era unha persoa de esquerdas, afiliouse á UXT naqueles anos e cando estalou o levantamento militar afiliouse ás milicias republicanas. Teño o papel que acredita que ingresou nas milicias asturianas con data do 20 de setembro do 36. Que combateu contra o exército franquista en Asturias, que o colleron e o asasinaron. Urbano deixou a súa muller viúva aos 24 anos, con tres fillos e fillas moi pequenos de entre sete e tres anos, e a súa muller pasouno tremendamente mal para darlle de comer aos seus descendentes, pois quen traía o diñeiro a casa era o seu marido Urbano, desaparecido con 25 anos.
Eu non sei si o meu avó sabe todo isto, pero o que si sei é que o meu bisavó, o seu pai, foi un heroe. Foi un loitador, como tantos outros, que quixo pelexar contra a barbarie e a inxustiza.
O outro día pedinlle unha foto do pai para que poidades ver como era, sen dicirlle para que a quería, cando me ensinou a foto do seu pai comezaron a caerlle as bágoas dicíndome que se acordaba aínda de como xogaba de pequeno con el. Que desapareceu cando el tiña 3 anos, que aínda lembraba como o collía no colo e xogaba con el no patio de casa. Víñanlle as bágoas e dicíame, “marchouse, marchouse co levantamento militar e non volveu nunca”. Desde aquí, avó, dígoche: que se marchou como un heroe e seguirá sendo un heroe para sempre. Pido tamén a todas estas familias que estean na mesma situación, que non lle neguen a verdade aos seus descendentes para que non quede no esquecemento. Estas historias téñense que saber, non se pode deixar de falar, nin por medo, por vergoña ou por non remover o pasado. Hai que removelo porque para todas estas persoas asasinadas nunca houbo xustiza, nin están os seus corpos coas súas familias. Que se lembren a todas esas persoas que foron asasinadas inxustamente por un réxime ditatorial e asasino, coma o meu bisavó Urbano Figueiredo Castro.


Dedicado a meu avó, Manuel Figueiredo Alonso, o Torero, e a todos eses nenos e nenas orfos que deixou a ditadura franquista. Quérote moito Avó.