Carlos Méixome presenta en Gondomar o seu novo libro.
Tino Lago
O pasado xoves 23 de abril, na tapería O Cuco da Praza Paradela de Gondomar, o noso amigo Carlos Méixome presentou o seu último libro :” Polo Avieiro de Dona Emilia”. A presentación do libro contou coa presenza do autor que estivo acompañado por Xosé Manuel Soutullo, o director de Galaxia, a editorial que o publicou, e por Gonzalo Navaza, mestre de galego que é o autor do Limiar da obra.
Calquera traballo intelectual que xurda do talento de Carlos Méixome é un seguro de vida en canto a calidade literaria e interese na súa lectura. Xa que logo, estou seguro de que este libro será un éxito que fará voar a nosa imaxinación polos máxicos mundos da mocidade nun contexto físico e sociolóxico que é o que viviu o autor, pero que podería ser o que vivimos calquera galego ou galega. Foi un pracer para min conversar con Carlos sobre a súa última achega ao patrimonio literario galego.
“Os libros tamén serven para escapar e recuperar a alegría de vivir”
Carlos, falemos do teu último libro: Polo Avieiro de Dona Emilia. “Por que o título?”
É un hidrotopónimo, unha palabra inventada por Emilia Pardo Bazán. Non é un nome real, senón unha fusión, concretamente dos ríos Avia e Arenteiro. É unha creación literaria dela. Como fixo con outros nomes: Marineda para A Coruña, Auriavella para Ourense, Vilamorta para O Carballiño… A min interesábame recoller esa idea e traballar con ela.
Por que ese territorio? Por que ese “Avieiro”?
Porque Emilia Pardo Bazán estaba moi vinculada a esa zona. Estaba casada con José Quiroga, que era de Deza, e pasaban moitos veráns entre as casas que tiñan en O Carballiño, Cabanelas ou Banga. Durante máis de vinte anos, en setembro, coincidindo co seu aniversario. Esta data era moi importante porque coincidía coa vendima. Ela vivía na Coruña, pero todos os verán recorrían Galicia.
O título ten unha relación moi importante con Emilia Pardo Bazán . O contido do libro tamén?
O libro comeza a partir de vivencias persoais que me aconteceron a finais do 2018. As circunstancias persoais enganchan co Covid e o confinamento posteriores.
O libro comézalo durante a pandemia?
Si. Co confinamento empecei a reler Los Pazos de Ulloa e despois La Madre Naturaleza. Nesas obras aparece xa ese territorio, ese “Avieiro”. Logo pasei a O Cisne de Vilamorta que describe moi ben como era a vida no Carballiño: as feiras, as festas de setembro, os fogos, o balneario, a vendima…
Estes libros servíronme como terapia porque eu estaba a vivir o mesmo que vivira ela pero cunha diferencia de 80 anos.
É un libro terapéutico?
Si, os libros son terapéuticos. Serven para escapar, para viaxar coa imaxinación. No meu caso tamén me devolveron un pouco a alegría de vivir nun momento complicado. Estabamos confinados, con moita incerteza… e a lectura axudou.
Pero o libro non é entón sobre Pardo Bazán.
Non. A partir de aí constrúo unha historia propia: a miña memoria persoal, a da miña familia, a dun territorio como O Carballiño e tamén a dunha xeración como a miña. Á xente que nos formamos nos anos 70.
Ti es da zona do Carballiño?
Son natural de Lalín, pero crieime no Carballiño. De feito, a miña mocidade está bastante ligada a ese lugar. Estudaba fóra pero pasaba alí os veráns. Traballaba de camareiro, facendo recados, no balneario e vivía o ambiente político da época.
Podemos sintetizar o libro como a mocidade de Carlos Méixome no Avieiro de Doña Emilia?
Si. Pero tamén hai persoas que tiveron impacto na miña vida, aínda que non sempre as tratase directamente. Por exemplo, xente vinculada ao nacionalismo histórico das Irmandades da fala e da cultura, militantes, obreiros, figuras que para nós eran case míticas.
Como quen?
Hai un personaxe, por exemplo, que participara nas Irmandades da Fala e que vivira momentos clave da historia galega. Era Xosé María Calviño. Eu coñecino pero non o tratei persoalmente. Investiguei sobre el, lin cartas… e para min era unha figura moi potente. Algo semellante ao que podía ser Ramón Otero Pedrayo do que era amigo.
Tamén mencionas xente máis próxima.
Si, como un mestre co que traballei de camareiro. Persoa que me axudou a entender o contexto e a miña propia traxectoria ata os anos setenta. Ou un profesor de historia, Aurelio Miras, que escribiu varios libros, falo deles porque me marcaron. Logo tamén falo do Conde de Gondomar.
Canto hai que vives en Gondomar?
Uns trinta anos, desde principios dos anos 90, antes vivía en Vigo.
Ademais da memoria, hai investigación?
Si, hai bastante traballo en arquivos: hemeroteca, arquivos provinciais de Ourense, documentación da Universidade de Santiago, rexistros… E a partir de aí introduzo historias reais, algunhas relacionadas con crimes e sucesos.
Penso que está escrito nun ton relaxado. Non é un libro académico, aínda que teña base documental. Son unhas 600 páxinas, pero penso que se le ben.
Canto tempo che levou escribilo?
Foi un proceso longo e algo irregular. Durante a pandemia publiquei textos semanais nun medio dixital durante 45 semanas seguidas. Logo parei, hai un ano marchei ao Carballiño e alí parábame xente para dicirme que non contara tal cousa ou falara de tal persoa. Mesmo o alcalde de O Carballiño ofreceume colaborar desde o Concello. Aquí decidín retomar ese material, reordenalo, amplialo e convertino no libro actual.
O libro xa está publicado, onde se pode conseguir?
Está publicado por Editorial Galaxia, así que está dispoñible en librarías.
Que expectativas tes deste libro ?
Que lle guste á xente. Creo que pode interesar porque mestura moitas cousas: memoria persoal, historia, investigación… e está escrito dun xeito directo
Levas varios libros publicados, cantos?
Si, este é o sexto ou sétimo. Nos últimos anos centreime bastante na memoria e na historia do nacionalismo.
Tes novos proxectos en marcha?
Si, estou participando nun libro colectivo sobre a historia de Tui entre 1900 e 1936, e tamén teño outro traballo en proxecto, o terceiro tomo das Cartas da Memoria.