O Nigrán Jazz faise maior de Idade

Felipe Villar

Desde a noite dos tempos a música é unha das principais ferramentas que ten a humanidade para lograr o pracer estético e o benestar emocional de quen a escoita . A música é unha das manifestacións das partes máis nobres do ser humano. A música é paz, harmonía, acougo sensibilidade nos momentos sensibles, e adrenalina pura cando vivimos emocións fortes. A música acompáñanos en todos os estados de ánimo posibles :na tristura , na ledicia, na emoción, e no amor a música é a compañeira leal que nunca falla e que sempre está.

Desde a nosa publicación queremos amosar todo o noso respecto e admiración para os homes e mulleres que, na maioría dos casos en contextos moi complicados, tratan de gañarse a vida coa música e de ofrecer festivais e espectáculos musicais á sociedade. Ese perfil de persoas son como Don Quixote pelexando contra os muíños de vento, son como eses “ tolos “ encantadores que co seu talento e esforzo logran facer realidade o que para a maioría das persoas non pasaría das fronteiras da imaxinación. Un deses “ Quixotes“ é o noso amigo Felipe Villar, director do marabilloso festival de Jazz de Nigrán que neste 2024 faise maior de idade pois cumpre os seus primeiros 18 anos de vida. Nós erguemos de maneira simbólica a nosa copa para brindar con Felipe por unha vida longa para o Nigrán Jazz, e para que o poidamos seguir contando desde as nosas páxinas.

Felipe Villar director do festival : Nigrán Jazz

Este ano imos facer unha edición con bandas moi novas que teñen un talento superlativo”

Un ano máis Felipe, e xa van?

18 anos.

Faise maior de idade o festival. En que data temos a edición deste ano?

Inauguramos o 25 no Malabar Pénjamo Beach cunha Jam Session. E logo o festival é para o 26 e 27 de xullo, como sempre, no Esteiro da Foz

En que horario?

O primeiro concerto é ás 21:00 h, o segundo hora e media máis tarde e ao rematar ,ás 12 da noite, é a jam session que se alargará ata que o corpo aguante. Ademais, temos a master class habitual que, nesta edición será o venres 26 ás 12:.00 h do mediodía no auditorio do concello. Esta master class está patrocinada por Mayeusis, vaina impartir Alto for Two que é unha banda hispano-holandesa co liderada por un saxofonista holandés e unha saxofonista española .

En que consiste a master class que vai dar esta banda?

É unha clase maxistral de músicos. Neste caso músicos novos, pero excepcionais a nivel europeo. É unha clase de combo orientada a estudantes ou aspirantes de Jazz, moi interesante para que calquera músico se achegue e mire como actúa esta xente.

Que grupos temos este ano?

Este ano quixemos que fora unha edición de bandas o máis novas posibles.

Por algún motivo en particular?

Si. Eu dedícome a ensinanza do Jazz, deille clase a moitos destes rapaces dos que falo, outros son alumnos de colegas, son rapaces que vimos crecer aquí e comezaron mirándonos a nós. O ano pasado quedei abraiado con esta xeración nova de músicos galegos, españois e europeos, montaron unha Jam Session que nunca na miña vida vira nada igual, cun nivel musical impresionante, que non concorda coa idade que teñen e, a nivel humano, aínda máis impresionante. Namoroume esta xeración tan apaixonada que o que necesitan son oportunidades e escenarios, triunfan por Europa e aquí non tiñan espazos. Nesta edición quixemos axudarlles porque realmente o merecen e teñen un talento incríbel.

Cales son estes grupos?

O primeiro día temos a “Sergio de Miguel Trío”, este rapaz moi noviño de pouco máis de vinte anos que se formou aquí , acabou a carreira de jazz e de composición para filmes, leva anos en Chicago e levou moitísimos premios, entre eles un Latin Grammy. Ven a presentarnos o seu proxecto, chamado Atlántida, co seu trío.

Alto Four Two”, esta banda catalana-holandesa ven cun proxecto europeo chamado “Peter live” no que se intenta facer xiras sostibles no aspecto ecolóxico, móvense para facer moitas actividades durante os seus percorridos, móvese de maneira sostibles entre cidades, pídennos que nos poñamos de acordo os festivais coherentemente para poder xestionar as datas. Esta é unha banda top a nivel europeo liderada por dúas saxofonistas moi novas, unha catalá e outra holandesa. Tremendas, tamén teñen un pianista soberbio.

En Holanda pódese vivir da música?

Si, e tamén teñen a oportunidade de compatibilizar con outros pequenos traballos, teñen axudas para estudar Jazz e pódese vivir, aquí estamos a anos luz. Alí os rapaces teñen futuro e agora son grandes músicos a nivel europeo. A maioría marchan a estudar e xa non volven.

O segundo día comeza “Martín Verde Quintet”, un guitarrista de Tomiño moi novo, desta xeración que rematou de formarse en Holanda. O ano pasado foi o responsable da Jam da que che falei. Este rapaz montou un quinteto con músicos moi novos tamén cun talento brutal.

Para rematar o festival Arcarazo & Perramon Quartet, este rapaz é un contrabaixista e guitarrista que non supera os 22 anos. Camil Arcarazo presenta un proxecto dun dúo con Marçal Perramon que é un saxofonista catalán moi novo tamén. Tamén estiveron o ano pasado nesta famosa Jam, é realmente incríbel o nivel que ten esta xente. Camil fai xiras a nivel internacional e é moi recoñecido.

Para complementar este cartel temos as Jam Session , curioso e bonito é que estas Jam van estar abertas por músicos que xa estiveron moitas veces no escenario grande.

Dime nomes dalgúns músicos.

Vai estar Iago Vázquez, un pianista que está en Nova York ao máximo nivel. Miguel Seoane, que xa estivo no escenario grande o ano pasado co seu trío, un dos mellores saxofonistas europeos. Vai estar xente top abrindo as Jam.

As expectativas de asistencia sempre boas non?

Si.

Non decepcionou nunca?

Non, creo que a xente de Nigrán xa ten esa data para desfrutar do conxunto do festival aínda que non sexa moi afeccionada ao Jazz. Música, ambiente, a proximidade cos artistas e o sitio espectacular fan que ano tras ano a xente se afiance ao festival.

Foi tan complexa a organización deste ano coma en anos anteriores?

Sempre é un caos pero sempre sae adiante.

A entrada é de balde, verdade?

Si, é de balde.

Nestas 18 edicións tivestes que suspender algún ano?

Non, tivemos sorte ata nos anos de pandemia que tivemos aperturas e puidemos celebrar o festival. Tivemos que estar con máscaras ou reducir o aforo, pero puidemos facelo.

Este tipo de festivais dependen moito da vontade e do esforzo dunha persoa en concreto, neste caso de ti. Aspiras a que transcenda a túa propia figura?

Sería o desexable. En realidade encantaríame que fose así.

E é posible?

Penso que si. Creo que pode haber xente que continúe co festival ou na mesma liña, aínda que entendo que alguén novo queira darlle outro toque particular. Sería moi bonito que transcendera a miña persoa ou a de Juan que tamén foi fundador.

Juan cando comezou era concelleiro non?

Si, concelleiro de Cultura.

Para acabar Felipe, desde as nosas páxinas animar a todos os nosos lectores e lectoras que se acheguen a Nigrán a ver un espectáculo de primeira orde nun escenario marabilloso.

Si, a todas as persoas. As xentes de Nigrán xa saben, pero quero animar á xente a ir a concertos en vivo, a mirar os músicos, escoitalos, coñecer todos os talentos fugados que temos na contorna, a proximidade da música en directo que hoxe en día creo que é moi importante pois achega benestar emocional a toneladas.