Cristina Correa. Alcaldesa de Oia

Cristina Correa Alcaldesa Concello de Oia A Nova Peneira

Un ano máis achegámonos ata o concello de Oia a conversar con Cristina , a súa alcaldesa, para coñecer como van as cousas neste fermoso curruncho do Baixo Miño

“ A NOSA REINCORPORACIÓN Á MANCOMUNIDADE SERÁ CANDO O EQUIPO DE GOBERNO O ESTIME OPORTUNO”

Este mandato, Cristina, no que tes a confianza da maioría absoluta e presumíase plácido para ti, é de todo menos plácido?

Está sendo un ano mo difícil si, non só para nós senón para toda a humanidade. Enfrontámonos a unha terrible crise sanitaria que inevitablemente vai ocasionar unha importante crise social e económica. Esta situación altera todas as previsións que tiñamos e obriga a adiar distintos proxectos, porque o esencial é saírmos desta situación canto antes, e da mellor maneira posible

Algún outro alcalde tenme comentado que nota un incremento notable de persoas que requiren das axudas sociais para atender as súas necesidades máis básicas. Ti notas o mesmo en Oia?

No noso caso notamos un pequeno aumento, pero de momento nada significativo. Estamos no verán e no noso pobo a economía estase movendo. Preocúpame o que poida pasar a partir de outubro

Falando da economía de Oia cóntoche que hai arredor dun mes veume visitar un amigo suízo coa súa parella e o seu fillo, pediume que o levara a un sitio bonito. E eu leveinos a Oia. Quedaron namorados do teu pobo e prometeume volver un feixe de veces con máis familiares e amigos

Pois alégrame moito oír iso Tino, pero, con toda a humildade do mundo, permíteme que che diga que non me sorprende, pois o meu querido Concello é un paraíso natural que ten de todo para que o turista, busque o que busque, poida gozar.

Ben, malia que a situación sanitaria todo o condiciona supoño que para ti, este mandato que tes maioría absoluta, será máis cómodo có anterior que estabas en minoría?

É máis tranquilo claro, sabemos que a situación aritmética da corporación permite levar adiante aqueles proxectos e decisións que tomemos, algo que non podiamos facer no mandato anterior e complicaba moito as cousas

Ti noutras ocasións que temos falado laiábaste do trato recibido da DEP, segues pensando o mesmo?

Coa DEP agora mesmo temos unha relación cordial e fluída. Agora ben, tampouco recibimos nada máis do que estritamente nos corresponde pola nosa poboación. A DEP debe apoiar máis e mellor aos concellos como o noso, de feito esa é a súa función. E a DEP de Pontevedra, ao meu xuízo non o fai adecuadamente

E coa Xunta que tal a relación?

Moi ben, como debe ser

A volta á escola en Oia como se presenta?

Eu creo que non hai ningunha persoa agora que non estea preocupada por ese tema. E nós tamén claro. Eu penso que resultaría enormemente difícil, por non dicir case imposible, que calquera protocolo que se deseñe, por moi rigoroso que sexa, garanta a seguridade absoluta. Nós colaboraremos na medida do posible cos colexios e coa consellería para que todos os protocolos se apliquen con rigor e minimizar os riscos.

Por que rexeitastes a moción do BNG que pedía a vosa reincorporación á mancomunidade?

Ben. No seu día fomos obrigados, o goberno do PP, por capricho, por puro e duro capricho, da oposición, cando nós estabamos en minoría a saír. E a entrada teremos que estudala moi ben, pero será cando o goberno municipal o considere oportuno.

E que fai falta para que o consideredes oportuno?

Ter as cuestións orzamentarias absolutamente claras

Como vai o tema do saneamento?

Temos que distinguir entre a zona de Costa, que xa ten saneamento e que agora mesmo hai unha empresa estudando solucións para melloralo, e a zona de interior, na que imos comezar a facer un rexistro de fosas para dar unha solución ao que é a recollida de fosas como servizo municipal. Estamos tamén á procura de buscar colaboracións institucionais para unha proba piloto de depuración con plantas macrofitas, que xa vimos noutras zonas, e que me pareceu que funciona moi ben. Pronto daremos tamén unha pequena axuda ás distintas traídas de augas

E o mosteiro que, cando se vai solucionar ese tema Cristina?

Teremos que aprobar unha modificación das normas subsidiarias e a propiedade estaba adaptándoas á nova normativa. Pronto nos sentaremos coa propiedade para seguir avanzando na solución necesaria

Os terreos do antigo camping de Pedra Rubia xa os comprastes?

Si

Que ides facer alí?

A nosa idea é rehabilitalo como camping e darlle unha finalidade de lecer. Recuperar a piscina con auga salgada, as salinas..En definitiva contar cun novo espazo para a promoción turística

No Baixo Miño hai unha importante plataforma en defensa da sanidade pública. Como está a situación sanitaria no teu concello?

Agora mesmo a nosa pediatra, que é compartida co concello de O Rosal, está de baixa, co que as nenas e nenos teñen que ser atendidos na Guarda. Como consecuencia da Pandemia tamén temos queixas pola atención telefónica. Os médicos e enfermeiros están en liñas xerais moi cansados. Nós trasladamos ao SERGAS as queixas que nos chegan da veciñanza

Rematamos Cristina, segues animada e ilusionada?

Si rotundamente si, con moitos proxectos na cabeza para mellorar Oia

Por exemplo?

O camping que antes che comentaba, a recuperación da nosa igrexa, tratar de solucionar o problema de conxestión de tráfico que se produce na zona do mosteiro…