Todo pasa e nada queda no Porriño

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro Ocampo
Pedro Ocampo

Todo pasa y todo queda, 

pero lo nuestro es pasar”

Antonio Machado

O Porriño sempre percibiuse coma unha vila de paso; coma un cruce de camiños ou un lugar no que poderías pararte un rato e mercar unha bola de pan para continuar o camiño. A xente coñece ou lle soa o nome curioso do Porriño e é fácil que pronto se lle asocie ao granito rosa, ao pan, a Antonio Palacios, ao matadoiro, a unha parada no Camiño Portugués, ás Gándaras e ao Faro de Budiño, ou ao lindano ultimamente, por exemplo. Ademais tamén é doado que o saiban situar no tránsito cara a Vigo ou Portugal. 

Sen embargo, este feito convértese en fatal cando tamén é percibido ou vivido así polas propias veciñas e veciños do Porriño; e deriva en tráxico cando é forma de facer política e gobernar en todo o que levamos de democracia. O des-coidode un é o proveito doutro:

No Porriño explotouse unha riqueza natural coma as canteiras para enriquecemento das empresas e prexuízo para a veciñanza que sufría tremores, contaminación ambiental e acústica, deterioro da paisaxe e miraba como nada repercutía en positivo a cambio. 

No Porriño a empresa Zeltia contaminou de lindano as terras en Torneiros e esta contaminación estendeuse por toda a vila e a veciña Mos. O caso volveu despois das obras en contrasto e ocupou noticias en todos os medios.parecía que ía ser diferente, pero pese ao traballo do noso grupo en todas as institucións, incluída Europa, a veciñanza volve aceptar coma espectadores algo que xa estaba aí. 

As Gándaras de Budiño son unha das reservas naturais máis importantes de España, forman parte da Rede Natura, un valor ecolóxico e incluso económico para O Porriño; sen embargo, tratouse coma unha molestia para o paso do tempo, para o o irremediable; había que deixalas morrer.

O urbanismo seguiu a senda do caos, o crecemento sen guía, sen idea de que tipo de urbanismo queríamos. 

A industria se instala, ocupa, se lle favorece, mentres e o comercio local e o campo e as parroquias esmorecen.

A parroquia de Torneiros só acumula xente e problemas; nin vida económica, nin social, nin cultural ou tan siquera un servizos dignos para unha poboación de clase media-baixa.

Instálase o escurantismo e clientelismo na contratación; a falta de transparencia e participación na toma de decisións clave.

Quen vai “pasando” polos diferentes gobernos municipais reflicten, acomódanse e perpetúan esa “fatalidade”; porque é unha fatalidade, porque ao final si que vivimos, crecemos, estudiamos, traballamos, temos familia, fillos e fillas, facemos cultura e a necesitamos, ao igual que o aire, a paisaxe, a vida social, a seguridade de pasear por rúas para as persoas; porque ao final si que padecemos as crises no Porriño, padecemos as doenzas, os cheiros, a contaminación, a falta de espazos para compartir, para vivir en común, para sentirnos ben, e non só “pasar o tempo”.

Non hai cabeza, planificación, proxecto, nin sequera unha idea. Só reaccionamos e sempre coma espectadoras, coma tertualianas de café/bar/terraza. E que ben agora as redes para desfogarse e dar un pouco a lata.

A Alcaldesa que temos chegou de fóra e parecía unha oportunidade, pois ademais é muller. Eu mesmo saudei este feito na primeira investidura, aínda sendo do PSOE e gobenando con UDDL. Sen embargo, pronto divisou O Porriño como algo de paso, sen empatía, sen crer nun proxecto, sen amabilidade. Tomou primeiro o PSOE e acabou co mellor ou máis á esquerda que había nel; no Goberno acabou con calquera esperanza de cambio. 

O BNG de Pedro Pereira mírase nunha encrucillada: pode ser Alcalde, aínda que accidentalmente, pero Alcalde. Hai que tapar o nariz, deixar de “mirar” e correr cara a diante para que non pille o pasado e non salpique a roda con tanto barro. 

O PP cre, coma sempre fai a dereita, que o pode é seu, por dereito real, e quen estea aí é usurpador, o resto complices. 

Mágoa de alternativas, nós propusemos unha, fóra a Alcaldesa, goberno a tres e cambio radical das maneiras e formas de facer política.

Mentres non teñamos alguén que crea no Porriño, que cultive esa crenza coma un proxecto; mentres non sexa así sentirémonos forasteiras na nosa vila e nunca será o lugar para “vivir”. 

A Alcaldesa non é que sexa “estraña” ao Porriño, a Alcaldesa reflicte o que somos coma Porriño. Non está escrito que teña que ser sempre así, pero empeñámonos en convertelo en verdade inexorable. 

Comecei citando ao mestre Antonio Machado e vou rematar parafraseando os seus versos dende o sentido existencial ao político local: Todo pasa e nada queda, pero o noso é pasar…