Paseo de Alfonso-Elduayen. Peonalización sen túnel, estes meses demostraron que é posible.

Paseo de Alfonso-Elduayen. Peonalización sen túnel, estes meses demostraron que é posible
Xaquín Pastoriza | Voceiro Ecoloxistas en Acción Vigo área de mobilidade sostible

As cidades precisan contar con zonas liberadas do tráfico dos coches. En primeiro lugar, para reducir as emisións de CO2 que tan dañinos efectos ten sobre a atmósfera e que aceleran o efecto invernadoiro causante da crise climática. E ademais, e non menos importante, para xerar espazos de convivencia e desfrute da cidadanía libres da inxerencia dos coches. 

Precisamente un dos efectos da crise provocada polo Covid-19 foi peonalizar espazos urbáns, tal e como pasou en Vigo co espazo entre a Porta do Sol e o Paseo de Alfonso, ainda que esta humanización de facto comenzara xa en xaneiro co inicio das obras. A veciñanza da zona leva máis dun ano reclamando unha peonalización sen a construcción dun túnel que suporía soterrar o tráfico para incrementalo aínda máis.  O túnel de Elduayen, lonxe de pacificar o tráfico, faría o efecto chamada ao mellorar a fluidez da circulación, en vez de disuadir do uso do coche polo centro histórico da cidade, ademais do seu impacto en canto a contaminación acústica e sobre o patrimonio do Casco Vello. 

Estes meses de interrupción do tráfico rodado, agás o autobús urbano, os residentes e carga e descarga, demostraron que unha peonalización sen tunel non só é posible senón tamén é o desexable. A cidadanía esta a desfrutar dun espazo sen o ruido nin os fumes dos coches e sen preocuparse do risco de seren atropellados ao cruzar (lembremos que Vigo é a cidade galega con máis accidentes deste tipo). 

Menos coches na cidade implica menos envelenamentos pola contaminación que mana dos tubos de escape. Na provincia de Pontevedra morren unha media de 85 persoas só de envelenamento por NO2 e son multiples as afeccións ao sistema respiratorio causantes de enfermidades crónicas que en moitos casos derivan en falecemento. 

A pesar do corte do tráfico, non se incrementaron os atascos, polo que se demostra tamén que o túnel é perfectamente prescindible. Mantendo o bus urbano no tramo, a afectación no transporte sería mínima.

As vantaxes do vivido estés meses son evidentes. Menos ruidos, menos contaminacion e máis calidade de vida, por que renunciar a elas? En canto se comprobe a seguridade dos inmobles afectados volverán reanudarse as obras do túnel e perderemos unha oportunidade histórica para comenzar a construir outro modelo de cidade. Os 13,4 millóns de euros orzamentados para a construción do túnel poderían adicarse a máis proxectos de humanización. 

Unha mobilidade verde e sostible non se erixe sobre túneles de CO2 que priorizan o transporte en vehículo individual. A remodelación da Porta do Sol – Paseo de Alfonso debería servir para estabrecer zonas libres de emisións, liberando do tráfico rodado o centro da cidade, non conseguindo o efecto totalmente contrario. As peonalizacións deben concebirse para o uso cidadán, e para reducir os coches e a polución, non para enterralos cun costoso túnel. Agora temos a oportunidade.