Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
Galiza ten futuro. Na sociedade galega estamos vivindo un verdadeiro cambio de fondo: social, cultural e tamén político. Avanza unha visión moderna, desacomplexada e ambiciosa da nosa identidade e das nosas aspiracións como País. Avanza unha vivencia colectiva de querermos ser unha nación viva, orgullosa e sen límites. Medra un sentimento e unha vontade de construír, entre todas e todos, unha Galiza moderna, avanzada e que sexa referencia no xeito de abordar e de ofrecer respostas aos debates do presente.
Esa corrente de fondo ten unha das súas plasmacións no medre imparábel do BNG nos últimos anos, que vimos reforzado neste 2024. O BNG vive o mellor momento da súa historia.Nas eleccións galegas puxemos o primeiro chanzo para o cambio político galego e enchemos as rúas e as redes de entusiasmo, esperanza e orgullo compartido. E nas pasadas eleccións europeas referendamos a representación propia en Bruxelas. É un motivo de alegría para o BNG, mais é sobre todo unha boa noticia para Galiza. Porque os galegos e galegas saben que poden contar co BNG, o nacionalismo galego do século XXI.
Hoxe lideramos o cambio galego en marcha e enfrontamos o reto, con toda a enerxía, esperanza e convicción, o futuro. Porque a galega é unha sociedade que o ten todo para avanzar: recursos, capacidade, coñecemento, saber facer. Fáltanos contar cun Goberno galego merecente desa condición, unha Xunta de Galiza que se poña do lado do País e non ao servizo de intereses alleos á nosa sociedade.
A invasión eólica do noso territorio, a eucaliptización masiva ou a posición do PP e da Xunta en cuestións como Altri ou Ence poñen en evidencia en favor de quen traballa cadaquén. Fronte a un PP que converteu a Xunta nunha oficina de intereses das súas empresas amigas, Galiza precisa dunha Xunta leal aos galegos e galegas e que traballe unicamente polo futuro e o benestar da sociedade galega. Con respostas propias e axeitadas ao país. Porque temos personalidade colectiva propia. E tamén retos, necesidades e problemas específicos. A nosa realidade é diferente á de Madrid, Andalucía ou Cataluña. Non somos mellores nin peores que ninguén, mais si diferentes, e precisamos que se recoñeza esta natureza singular para poder avanzar.
Estamos centrados niso. O BNG é o nacionalismo galego do século XXI, centrado no benestar, modernización, avance e prosperidade económica, cultural e social do pobo galego. Cunha visión clara da nación que compartimos: falemos a lingua que falemos, pensemos como pensemos, vivamos a nosa identidade das formas diversas que existen, somos galegos e galegas, e temos que facernos valer como país, facernos respectar, para garantir unha vida mellor, máis digna e con máis posibilidades de felicidade e benestar para todas as persoas. Repetino centos de veces este ano: hai diferentes maneiras de se sentir galego ou galega, e todas son necesarias para poñer en marcha a Galiza mellor que queremos.
Somos un gran País, unha nación viva no mundo, cunha historia, lingua e identidade xa milenarias, conformadas ao longo do tempo e sempre en permanente evolución. Un pobo traballador, solvente, vivo e adulto, capaz de tomar por nós mesmas as nosas decisións en favor dos nosos intereses. Compartimos, todos os galegos e galegas, unha necesidade: a de facernos valer, a de facernos respectar. Para avanzar hai que facer valer Galiza, e para iso traballamos cada día no BNG, a forza política deste País. Feliz Día da Patria Galega 2024.
