O obxecto do encontro é facermos o que os xaponeses chaman “ Kokoro”: Compartir corazóns
Falamos con Emilia Guimeráns, directora do Encontro e mestra da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán, a escola de cerámica máis antiga de Galicia.
Como xurdiu a organización destes Encontros Internacionais de Cerámica en Nigrán?
As circunstancias da vida poñen as posibilidades ao teu alcance, tendo neste caso a motivación de achegar o coñecemento doutras formas de sentir e facer de culturas diferentes á nosa.
O I Encontro Internacional de Cerámica de Nigrán “Xapón preto de ti” xurdiu dunha estancia de traballo en Sugitani (Tokoname). Os ceramistas Atsuko Ito e Wali Hawes convidáronnos a facer unha exposición en Tokoname, daquela convivencia xurdiu a idea que en xaponés chaman Kokoro (compartir corazóns).
Por que retomades a organización despois de tanto tempo?
O tempo é relativo, as cousas fanse cando as circunstancias o facilitan e non por obriga. Neste novo encontro, digamos que, como se adoita dicir, as estrelas aliñáronse de novo.
Por que México?
É outra gran cultura, rica, diversa, chea de cores en todos os sentidos e que aínda hoxe segue conservando a súa sabedoría ancestral tremendamente atractiva nestes tempos da era dixital, especialmente aquí en Europa.
Como esta a ser a resposta a dito encontro?
A resposta dos interesados en participar é moi alentadora, polo momento xa están completas as matriculas de dous dos 4 obradoiros que son Obradoiro “Ao redor do Xaguar” impartido por Juana Gómez e o obradoiro “O trazo ancestral” impartido por Tomas Esparza.
Quedan aínda dous obradoiros máis por completar, que son o Obradoiro “Alebrixes Zoomórficos Fantásticos” (cartonería mexicana) impartido por Alejandro Camacho e o Obradoiro “Xoguetes do pasado ao presente” impartido por Miriam Salgado.
Explicar que os encontros se realizan de forma simultánea, traballando mañá e tarde toda a semana no mesmo centro, co que os participantes só poderán traballar nun dos obradoiros pero terán a posibilidade de ver o desenvolvemento do resto dos obradoiros, ampliando así o intercambio de coñecementos e experiencias entre todas as persoas que se matriculan.
Que destacarías desta reunión fronte ás anteriores?
De momento gustaríanos agardar a que se celebre este novo encontro que será do 17 ao 22 de xullo de 2023, para poder contestar, pero gustaríanos que reinase entre os participantes a mesma ilusión de traballo que houbo en anteriores reunións.
Ligazón para coñecer máis sobre o IV Encontro Internacional de Cerámica de Nigrán.