A veciña de Peitieiros Manuela Rodríguez Pumar será novamente a candidata nacionalista á alcaldía de Gondomar nas vindeiras eleccións municipais. Despois de oito anos dun intenso traballo de oposición, preséntase co aval unánime da militancia do BNG local, e coas expectativas realistas de que o ese traballo chegase á maioría social do pobo de Gondomar e serva para obter unha importante suba tanto de votos como de actas.
“Agardamos que o noso traballo sexa valorado pola veciñanza de Gondomar e obter un gran resultado nas vindeiras municipais”
Volves ser candidata do BNG á Alcaldía de Gondomar. Que supón para ti contar novamente coa confianza unánime da militancia?
É unha honra enorme e prodúceme moito orgullo e agradecemento a confianza que en min depositan os meus compañeiros e compañeiras.
Sería o teu terceiro mandato como concelleira. Non estás cansada da política municipal?
É certo que a política municipal é intensa, require tempo e, ás veces, cansa. Especialmente cando se acumulan moitas cuestións e hai que dedicarlles moitas horas. Pero para min o traballo municipal é moi atractivo, interésame moito. É a política máis próxima á veciñanza e permite estar en contacto directo cos problemas e coas necesidades das persoas. Polo tanto, malia os atrancos, sigo tendo moitas ganas e, sobre todo, moita ilusión por continuar e poder contribuír a mellorar a calidade de vida no concello.
Paga a pena sacrificar tanto tempo persoal pola política?
Rotundamente si. Aínda que haxa momentos en que pensas como sería a vida se o deixaras, porque a política municipal implica quitar tempo á familia, á vida persoal e tamén ao ocio. Dedicamos moitas horas á preparación dos plenos, ao traballo social e a trasladar á veciñanza información sobre o que acontece no Concello. Pero insisto, malia todo iso, paga a pena.
Falabas dos plenos. Como valoras o funcionamento da Corporación municipal nestes anos ?
Pois para empezar dicir que non se está a respectar a periodicidade mensual, porque o alcalde non os convoca. Neste ano só se celebraron 5 cando xa deberíamos levar 10. Iso é reflexo da parálise política en que Ferreira ten sumido ao Concello, ademais de supoñer un freo á iniciativa política da oposición.
E no que respecta ao seu desenvolvemento, son moi tediosos. Ferreira monopoliza o debate e ás veces convértense en monólogos máis que en debates produtivos. Hai momentos nos que parecen mitins, pura propaganda e autobombo. E tamén se producen situacións nas que o trato non é o que debería ser entre representantes políticos. Creo que debería existir máis respecto e máis capacidade de diálogo por parte do alcalde.
O mandato comezou cunha Corporación sen maioría absoluta do goberno e acabou, na práctica, cunha maioría. Como valoras a evolución particular desta situación?
Cando comezou o mandato, o feito de que o goberno non tivese maioría absoluta parecía unha oportunidade para facer unha política diferente, máis baseada no consenso e no achegamento de posicións. Para o BNG era unha oportunidade para forzar a corrixir o que viñamos denunciando: falta de atención aos servizos esenciais, falta de resposta ás necesidades da veciñanza e determinadas formas censurables de gobernar.
A aparición de dous non adscritos, polo abandono dos seus grupos de orixe, ten propiciado situacións que se poden cualificar de transfuguismo e, de facto, viñeron facilitarlle ao goberno municipal unha ‘nova maioría’.
Falas de Rocío Cambra e Ángel Pérez?
Si. Desde logo Rocío Cambra, procedente de Manifesto Miñor, vota sistematicamente co PSOE, actúa como se fora integrante do propio goberno.
E Ángel, que é o independente que vén do PP?
No seu caso a posición do voto varía algo máis, non semella aliñada con ninguén.
Que consecuencias ten esa situación de transfuguismo para a política local?
Para o BNG, a principal consecuencia é que desapareceu a posibilidade real de negociación e de alcanzar consensos en asuntos importantes. Se o goberno sabe que ten os votos garantidos, xa non afronta os plenos coa posibilidade de perder unha votación. Iso reduce moito a capacidade da oposición para intentar reconducir determinadas políticas municipais.
Como resumes estes anos de goberno de Paco Ferreira?
A palabra que o define é desgoberno. Consideramos que foi unha continuidade do que xa sucedera nos oito anos anteriores. Na nosa opinión, o goberno municipal priorizou determinadas actuacións estéticas ou as súas propias preferencias fronte á atención dos servizos básicos necesarios. Ferreira desatendeu, a sabendas, a función principal dun goberno municipal: atender as necesidades da veciñanza e garantir uns servizos públicos adecuados.
Que actuacións necesarias consideras que quedaron desatendidas?
Fundamentalmente, os servizos municipais básicos, como o abastecemento de auga e o saneamento, a mobilidade. Mais tamén hai outras cuestións, como as relacionadas coa conciliación. Seguimos sen contar con determinados servizos que facilitarían a vida das familias, como aulas matinais ou comedores en todos centros educativos. E hai outros ámbitos que, aínda que non sendo competencia directa do Concello, deberían contar cun maior interese e implicación municipal, como a vivenda ou o transporte público.
Que valoración fas do transporte público en Gondomar?
Partíamos dunha situación bastante caótica, con dúas empresas en conflito e problemas no funcionamento do servizo, cando en 2020 chegou o que a Xunta do PP nos vendeu como “novo modelo” de transporte. Un proxecto que naceu mal dimensionado en frecuencias, número de vehículos e liñas, Isto provocou que o contrato, no canto de durar dez anos, fora rescindido en 2025. Un servizo, o actual, que non funcionou, que non cubriu as expectativas que tiñamos sobre este cambio.
O transporte público debería ser unha prioridade, tanto para facilitar a mobilidade das persoas que non teñen vehículo como para aquelas que optan por non utilizalo. Tamén é unha ferramenta importante para reducir a contaminación. Polo tanto, foi unha frustración comprobar que aquela oportunidade de modernizar o servizo non dera os resultados esperados e que as nosas alegacións non foran atendidas. E o que é peor, o proxecto que acaban de presentar para substituílo vai no mesmo camiño e tememos que sexa un novo fracaso
Outro asunto que criticastes foi a xestión dos residuos e a suba da taxa do lixo.
Si. Denunciamos que, desde este ano, se incremente a taxa nun 73% sen que haxa unha mellora equivalente no servizo. Seguimos a ver problemas na recollida ou acumulación de residuos ao redor dos colectores. Faltan colectores separativos en moitos puntos.
Fan falla medidas para que a veciñanza poida reducir os residuos e mellorar a separación, e facer campañas de concienciación e sensibilización para fomentar comportamentos máis cívicos e o uso do punto limpo. A ordenanza segue sen incorporar medidas para incentivar a redución dos residuos que se envían a Sogama, o nefasto modelo de xestión de residuos da Xunta do PP.
Pero o goberno de Ferrreira só se preocupou de cobrar máis. E aínda que fora necesario actualizar determinados prezos, o incremento aplicado é excesivo e o servizo segue a ser deficiente.
Que está acontecendo co polígono de A Pasaxe?
As continuas liortas entre PP e PSOE están a converter o desenvolvemento da Pasaxe nun problema sen fin. Desde o BNG non entendemos por que a Xunta, a través do IGVS e Xestur, renunciou a ser promotora da 2ª fase do polígono. No seu lugar, o goberno de Ferreira asinou un convenio coa Zona Franca que só beneficia ao Consorcio e que é completamente lesivo para o Concello, no plano económico e tamén porque cede todo o aproveitamento e deixa Gondomar sen poder construír equipamento dotacional nese ámbito.
Cres que esta desvinculación da Xunta desfavorece a Gondomar, e que se o alcalde fose do PP a posición da Xunta sería outra?
Non teño constancia diso, pero o que si é seguro é que as condicións que establece o convenio con Zona Franca son contrarias aos intereses do concello. Tamén pode ter efectos negativos importantes para a Comunidade de Montes de Vincios, propietaria do 50% dos terreos a urbanizar, e á que non se tivo en conta. Se ese convenio segue adiante pode limitar a capacidade da Comunidade de Montes para continuar co labor social que realiza. O proceso de expropiación pode minguar seriamente uns ingresos que actualmente reverten na propia parroquia, e por extensión no concello, en obra social, cultural e deportiva.
E que pode acontecer co campo de fútbol de Vincios?
Non o sabemos con certeza. No desenvolvemento previsto, inicialmente o campo desaparece. Tras as protestas do Club Deportivo, o alcalde afirmou que se vai manter mentres non se desenvolva completamente esa parte do polígono. Tamén fala de construír un novo campo, un pavillón e outras instalacións, pero sen concretar onde nin con que financiamento. Pero a experiencia di que as promesas de Ferreira non son de fiar.
Outro problema que sinalades é o da auga. Existe risco real de desabastecemento?
Consideramos que existe un risco real, especialmente nun contexto de seca e tendo en conta que Gondomar dispón dunhas captacións limitadas. Temos denunciado que se continúe a regar campos de fútbol e espazos municipais con auga de beber, mentres existen problemas de abastecemento nalgunhas parroquias.
Cremos que o Concello debería adoptar maiores medidas de prevención e restrición do consumo cando sexa necesario. Non abonda con publicar un bando. Hai que actuar con responsabilidade para garantir o abastecemento. Así o están a facer as traídas veciñais das parroquias para solventar a situación. Pola contra o goberno local actúa con desleixo cando hai un risco real de desabastecemento no servizo municipal.
E no outro extremo, se chegan as chuvias de outubro e novembro. Fíxose algo ante os posibles episodios de chuvias intensas e que non asolagar o Concello de novo?
Non se fixo nada. O proxecto destinado a paliar os efectos das enchentes non se chegou a executar pola falta de acordo entre Xunta e Concello. Agora anunciaron un novo proxecto que descoñecemos; aínda que o solicitamos, non nos deron acceso á información. Mais o problema é que as chuvias van chegar e as obras seguen sen se facer.
E que sabes do asunto de PXOM?
Máis alá dos “anuncios” e a propaganda do Alcalde, non hai información que permita dicir que se producisen avances. E non semella que haxa moito avanzado. A comisión informativa específica non foi convocada durante o mandato, malia que solicitamos que se fixese. Tamén pedimos a constitución dun Consello Sectorial para abordar este asunto, pero non prosperou.
Esta falla de información forma parte dun problema máis amplo: a falta de participación veciñal. Desde o primeiro mandato deste goberno vimos o boicot e a resistencia a facilitar mecanismos de participación efectiva, a comezar polo bloqueo da aprobación definitiva do regulamento de participación veciñal.
Honestamente, que expectativas realistas tes para as próximas eleccións municipais do ano que ven?
Temos boas expectativas. Presentámonos co aval do traballo feito, non só a nivel institucional, senón tamén social. O BNG é a única forza política que está a realizar campañas informativas nas parroquias para explicar á veciñanza cuestións que lle afectan directamente: obras de saneamento, ordenanzas, alegacións e outros asuntos. Tamén exercemos unha oposición activa e construtiva no Concello.
Evidentemente, con máis representación poderiamos facer moito máis e iso tería un reflexo nas políticas municipais. Por iso agardamos que o noso traballo sexa valorado electoralmente pola veciñanza de Gondomar. Aspiramos a incrementar a nosa representación e cremos que o BNG vai ter un papel determinante na gobernanza futura do concello.
O obxectivo do BNG é contribuír a mudar as políticas municipais, para gañar en servizos e calidade de vida, e facer que Gondomar avance cara a unha política máis próxima á veciñanza, dándolle máis participación e con máis capacidade de diálogo.

