O universo é tan grande que nos nosos ollos tan só collen dous baldes de auga e unha manchea de área. O resto, que ben sendo moito, segue a expandirse cara horizontes curvados alén das fronteiras do noso coñecemento.
Ó longo da historia da humanidade o home e a muller fóronse adaptando aos cambios estacionais, sen maiores ferramentas cas súas mans e o seu primitivo instinto de supervivencia, ata chegar até aqui, onde nos atopamos hoxe.
Dende este apeadoiro, na beira amable do mundo, onde só sabemos chorar polo noso, polos que teñen a mesma cor da pel ca nós, seguimos na loita de tentar entender todo canto nos arrodea. A terra, as mareas, os lóstregos, os buracos negros, os teoremas matemáticos, a química dos bicos, a brutalidade da guerra, o medo, a perda da memoria, a existencia de deus ou mesmo o peso da alma.
Nesta difícil tarefa empregamos frases interminábeis, adxectivos abandonados, palabras impronunciábeis que non atinamos a deletrear, coma quen olla ó ceo na procura de respostas co galo de nos liberar da dor da humanidade.
É entón cando buscamos acubillo no silencio das nosas casas, na soidade dos montes, nas apertas dos amigos, nos libros, nas esculturas de mármore, nos lenzos pendurados das paredes dos museos, na cultura, no arte ou nos sentimentos alleos pentagramados.
Din que na terra existen sete mil línguas. Sete mil xeitos de ollar o mundo. Sete mil xeitos de entender o mundo. Sete mil xeitos de respirar. Sete mil xeitos de voar.
Non embargantes, hai veces, nas que a palabra no lugar de ser un caxato que nos axude na nosa vida e morte cotián, esta, convírtese nunha pedra no lombo, e morremos insustificadamente en cada latexo coma fan os afogados.
E cando xa nada paga a pena, buscamos abeiro na linguaxe universal, a música. Só a música é quen de camiñar sobre a brétema dos ríos que nos illan e chegar á alma.
Falando de almas, seguro que si escoitades o novo traballo do pianista, veciño de Redondela ,e, amigo, Alberto Vilas, NAIALMA, ides comprender o que estou tentando esclarecer.
Alberto abre as fiestras do seu corpo, da súa vida, da súa memoria nun tempo onde a honestidade e cousa de tolos, naúfragos e suicidas.
Naialma é un disco pero tamén un libro. Naialma é un fogar cas portas abertas de par en par. Doce portas á esperanza nun mundo onde oas cativos xa non fan castelos de area no aire e os maiores xogan á guerra no seu tempo de lecer.
Desta vez, Alberto Vilas lévanos de viaxe nas súas costas coma se fora unha ave que coñece o camiño de regreso ao fondo das cousas realmente importantes; a memoria, a humanidade, o agredecemento, o corazón e aialma.
Hai veces que precisamos de compaña nesta terra desértica, neste páramo onde moitos de nós xa perdermos a esperanza hai tempo.
Eu tamén daría un mundo, Alberto Vilas, por esta canción de berce, por este berro teu da aialma, dende aialma.
Ainda hai esperanza.