Comercio Comarcal

Artigo de opinión A Nova Peneira
Fernando Miranda
Fernando Miranda. Libreiro de Bueu

Hai tres anos tiven coñecemento dunha iniciativa levada a cabo pola propietaria dunha das dúas tendas de deportes que hai en Bueu. Tendo unha gran visión comercial decidiu xuntar un grupo de persoas coas que saír a correr. Ela acompañábaas e guiábaas á hora de quecer e estirar ao principio e ao final de cada éntreno. Cando comezou esta aventura reuníanse no Parque Ramal do Galos ou na propia tenda cando chovía, mais ao medrar o grupo tiveron que trasladarse a un local que alugaban por horas e pagaban entre todas. Co paso do tempo chegaron a utilizar algún espazo cedido polo Concello no Pavillón Municipal, ata que chegou o COVID.

O mes pasado organizaron unha “Olimpíadas” nas que tamén participaron membros do Clube Corredoiras e afeccionados ao deporte que se sumaron a nivel particular.

Penso que este xa consolidado grupo non debería esquecer as súas orixes e aquelas persoas que o integran deberían agradecerlle a esta rapaza a súa iniciativa, e non hai mellor maneira que formando parte da súa clientela. Unha traballadora autónoma que se quedaba (e que se queda) con elas de noite tras unha longa xornada laboral, unha comerciante que se desvive por esta idea tamén os domingos, non merece unha pouca de consideración?

Pois non, hai xente que non tería descuberto as bondades deste deporte se non fora grazas a súa iniciativa mais vendenna por uns poucos euros. Nunca entenderei a quen malgasta os cartos mercando en grandes empresas de fóra no canto de apoiar ao mal chamado pequeno comercio.

Tampouco entendo como se poden organizar eventos de todo tipo solicitando o apoio do comercio e a industria local ou comarcal e despois gastar os cartos en empresas que non xeran ningunha riqueza aquí.

E non pasa só nos eventos senón tamén no día a día. Como é posible que un hostaleiro merque a cinta de balizamento que tiña que usar para anular mesas nunha empresa americana? Acaso non entende que o dono da ferraxería do seu pobo non só é un cliente potencial senón que pagou parte das axudas que el recibiu das administracións? Eu uso a mesma cinta en eventos literarios deixando os cartos en Bueu e non enviándoos á Lúa na carteira dun multimillonario.

Por desgraza o snobismo da nosa sociedade é tan grande que vexo moi difícil reverter esta situación. En Bueu temos catro librerías (quioscos, mellor dito) onde mercar ese libro de lectura que nos interesa pero hai xente que o merca fóra da comarca… ao mesmo prezo!!!

No Morrazo temos un tecido comercial de moita calidade, sempre á vangarda, admirado por compañeiros comerciantes de fóra da comarca e que vén de ser recoñecido a través de FECIMO co Premio Nacional de Comercio Interior 2021 na categoría de Centros Comerciais Abertos, un galardón outorgado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Que o pequeno gran comercio siga vivo provocará a boa saúde de asociacións culturais, deportivas, veciñais…

E xenerará riqueza nos nosos pobos e oportunidades de traballo e de vida para a nosa xuventude. As administracións deberían tomar medidas mais o futuro depende de nós, non esquezamos que “o Povo é quem mais ordena”