Gobernanza en Redondela: diálogo e acordos

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos González, Voceiro do BNG de Redondela

O novo goberno redondelán encabezado pola alcaldesa Digna Rivas (PSOE), da que forman parte únicamente sete concelleiros e concelleiras, dunha corporación de vinteún, abre un novo panorama político no noso concello. A renuncia dos tres concelleiros de AER, deixou ao grupo de goberno nunha situación moi minoritaria.

O Partido Popular con nove concelleiros e concelleiras, afianza a súa posición de forza máis votada nas elecións municipais do ano 2019. O valor pois, do grupo municipal Bloque Nacionalista Galego con dous membros, cobran maior relevanza, se cabe, que ao inicio do mandato.

En maio de 2019 como voceiro municipal, manifestei públicamente a disposición da nosa organización a apoiar a candidatura de Digna Rivas, para seren envestida alcaldesa. En base a uns principios básicos, asinamos un acordo de mínimos. AER, manifestaba públicamente que tamén apoiaría á quen sairía elexida por doce votos. Atrás quedaban oito anos nefastos de gobernos do Partido Popular no noso concello.

O bipartito redondelán, con dez concelleiros e concelleiras necesitaba negociar e chegar a acordos co BNG, para sacar adiante propostas de calado para a veciñanza. Se daquela a necesidade de diálogo de igual a igual, respetuoso entre organizacións , era necesario, dita premisa faise agora imprescindíbel.

Sería un erro monumental que Digna Rivas e o seu equipo prescindira de negociar, e consensuar coas dúas forzas que facilitamos a súa chegada ao goberno de Redondela, coa única alternativa de botarse nos brazos do PP. Levaría a Redondela a unha perigosa senda onde os máis perxudicados serían os nosos veciños e veciñas.

Este diálogo e negociación, debe producirse dende o respeito aos diversos posicionamentos políticos, dende o estudio de alternativas, e dende a premisa de chegar ao consenso. Cuestións como os orzamentos municipais, a aprobación do Plan Xeral, a modificación de ordeanzas, os Consellos Parroquiais, requiren desta capacidade. O conxunto da veciñanza, colectivos e asociacións demándanos que redobremos esforzos

Outra das posibilidades do novo goberno, que nos vai levar ata o ao 2023, sería a impositiva. Nesta fórmula, o Partido Socialista prantexaría calquera cuestión levándoas ao Pleno da Corporación para responsabilizar ao BNG sen ningunha posibilidade de estudiar, modificar ou mellorar propostas que afectan ao Concello. Xa houbo algún caso, no que se pretendeu forzar a chantaxe, como na contratación do Servizo de Limpeza de Edificios Municipais. Ista deriva podería levar a Redondela a unha situación de colapso en decisións de calado, situación moi pouco desexable

Así pois, dende o Bloque Nacionalista Galego emprazamos a unha negociación seria e respetuosa do goberno de Digna Rivas, para manter un diálogo aberto sobre os temas que máis inciden na calidade de vida dos e das redondeláns. Para o diálogo e poder chegar a acordos, poderase contar co BNG