
Néstor Rego
Con todas as medidas de seguranza necesarias nunha situación de pandemia aínda complexa, volta a mobilización nacional a Compostela neste Día da Patria Galega. Día de celebración mais tamén de reivindicación. No 25 de xullo estaremos na rúa para reclamar unha Galiza sen límites, quer dicir: un País novo que non continúe a ver limitado o seu futuro como consecuencia da subordinación política e do espolio económico a que historicamente está sometido.
Estamos a vivir nun contexto social e económico especialmente difícil. Unha crise industrial prolongada (naval de Vigo e Ferrol, Alcoa, fechamento de empresas, deslocalizacións…) á que se suman as consecuencias da emerxencia sanitaria, que afectan (e afectarán aínda mais nos próximos meses) os sectores económicos máis fracos e que implican millares de empregos perdidos ou en risco de se perder. E aínda, unha crise demográfica que non cesa, agravada pola emigración forzada de millares de mozas e mozos que non encontran oportunidades laborais na nosa Terra.
Ademais, o noso País ten de enfrontar unha verdadeira ofensiva de espolio eólico, impulsada polos Gobernos español e galego, sob a forma de megaparques na terra ou no mar que estragan o territorio (espazos ambientalmente sensíbeis, terras de produción agrícola e gandeira, zonas de alta produtividade pesqueira…) para maior lucro dunhas poucas grandes empresas eléctricas. Unha nova fase no espolio enerxético que desde hai décadas vén padecendo a Galiza.
En todo o caso, e contra o que pregoa a permanente propaganda, a solución a esta situación de crise non virá lamentabelmente duns fondos europeos que, a partir dunha xestión opaca e centralizada en Madrid, van ser acaparados por grandes empresas españolas en vez de se orientaren a priorizar proxectos públicos e de interese social. Máis unha vez, o noso País sairá perdendo. Para alén das contrapartidas que está a exixir a UE en forma de novos recortes sociais, como xa estamos a ver no recente acordo que empeora as pensións de xubilación.
Por tanto, frente a todo isto, é preciso fortalecer unha resposta de País, porque o noso pobo pode e debe reaxir. E a mobilización do Día da Patria é a oportunidade de pór en evidencia que a Galiza debe deitar abaixo os límites que coutan o aproveitamento das enormes potencialidades que posúe e que só pode facelo con capacidade real de decidir. Precisamos unha Galiza soberana para pór os nosos recursos ao servizo do desenvolvemento do País e da mellora da calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas.
A oportunidade tamén de reforzar a única alternativa que pode liderar esa resposta e impulsar a construción dun País novo, a que representa o nacionalismo. Hoxe o BNG é unha forza á alza, cun crecemento sostido en apoio social, político e electoral. Unha forza que nos últimos meses incorporou importantes contixentes de xente nova e que se erixe na ferramenta necesaria para poder mudar as cousas de verdade. Hoxe amplos sectores sociais, especialmente da mocidade, ollan para o BNG con esperanza. E, xustamente por iso, é preciso consolidar ese crecemento e prepararse para enfrontar con éxito os desafíos políticos que temos por diante.
O nacionalismo sitúase como a única forza que realmente cuestiona o statu quo, un rexime constitucional monárquico opresor e corrupto e un marco autonómico que demostrou por enésima vez -e especialmente nesta situación de pandemia- ser inadecuado e incapaz de dar solución aos problemas do noso pobo.
Por iso debemos cuestionar os límites. Porque temos o dereito e o deber de mudar este presente de crise, de incerteza e de desesperanza por un horizonte de progreso, de benestar e de liberdade. Sabemos que non é fácil, mais é necesario e, por tanto, temos que facelo posíbel.