En novembro por Galiza!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago

Marín, outubro de 2019

A falta de vontade do PSOE para chegar a acordos e formar un goberno lévanos o próximo 10 de novembro a ter unha nova cita nos colexios electorais para escoller @s representantes no Congreso e no Senado do estado.

Temos unha oportunidade para rectificar. Xa vimos o que saíu do anterior proceso electoral e o nulo interese polos problemas d@s galeg@s que tiveron nestes meses os partidos que sacaron representación. Non importamos, non nós teñen en conta, estamos na maior das irrelevancias políticas. Canari@s, cántabr@s, xa non digamos basc@s e cataláns, teñen máis peso político e máis capacidade de presión e negociación que un goberno do PP na Xunta que só atende aos mandados de Madrid.

Galiza ten grandes problemas.

O desmantelamento industrial, a desfeita do sector pesqueiro, a ruína do sector gandeiro, o deterioro e privatización da sanidade pública o ensino e dos servizos sociais, unha política laboral ao servizo do capital, os salarios e pensións máis baixos do estado, o prezo da electricidade máis alto do estado, o éxodo da mocidade, o decrecemento demográfico, unha autoestrada privatizada e coas peaxes máis altas do estado, o esmorecemento do rural, a precariedade laboral, a desaparición do noso idioma e da nosa cultura, o espolio e contaminación da nosa terra con proxectos mineiros, unha política forestal depredadora e de eucaliptización dos nosos montes…

Na anterior campaña electoral, e na próxima, só o BNG falou, e falará, destas cuestións reais que forman parte do día a día de tod@s nós, que condicionan o noso futuro como persoas e como pobo.

Problemas que precisan de atención e solucións. Estámolos a padecer estes días cunha maior intensidade en Vigo e comarca co peche do estaleiro Vulcano e a inestábel situación de Barreras. Nas Pontes poden quedar miles de persoas sen posto de traballo pola incapacidade, máis ben desinterese, da Xunta e o goberno central por planificar unha transición do modelo enerxético e industrial.

A central térmica das Pontes debe desaparecer, nunha debeu existir, é unha industria de enclave ao servizo de intereses alleos que levan uns beneficios millonarios a conta de contaminar a nosa terra. Porén, non se pode facer isto dun día para outro deixando na incerteza e coa ameaza do paro a miles de persoas.

As solucións non van vir de Madrid.

Ningún dos partidos estatais, xa sexan os orixinais do bipartidismo (PP-PSOE) ou as súas varias fotocopias, ten interese en solucionar os eternos problemas que padece Galiza. Nen queren, nen poden, son monicreques dun réxime centralista ao servizo do capital que só mira pola conta de resultados do IBEX 35 e por manter unha chea de lampreas no aparello do estado.

Fan todo o posíbel para que Ence ou calquera das eléctricas gañe cartos a conta do deterioro ambiental da nosa terra. Non teñen problema en defender proxectos mineiros que arruinaran a nosa agricultura e a nosa gandaría. Todo son boas palabras cando falan da nosa pesca e do noso leite, pero os feitos van en sentido contrario. Xa non falemos de derogar a Lei Mordaza, as reformas laborais ou das pensións.

Deixémonos de laios, pasemos á acción.

A actual irrelevancia política do noso país, da que é cómplice esa chamada “nova política”, forma parte do escenario ideal do réxime. Galiza estorba é un problema cando levanta a voz, e por iso que queren calarnos.

Temos que levantar a voz. Nestes momentos, diante dunha nova contenda electoral, só podemos apostar por ter unha representación propia que defenda, berre, xure, ou o que faga falta, por defender os intereses do pobo galego. Volver a ter representación é un paso necesario, que o BNG teña uns bos resultados e volva ao Congreso e ao Senado é a única garantía para Galiza. Non como un fin en si mesmo, senón para construír e ampliar a base social do nacionalismo.

Pode parecer que é pouco ter unha voz en Madrid, pero é peor non ter nada. O que non existe non se ten en conta e Galiza ten que contar.