Alberto Pazos
Durante unha visita ás obras dunha esplendorosa catedral, un filósofo achégase a tres canteiros que traballan separados por escasa distancia e formúlalles idéntica pregunta: «Que está facendo, señor?».
O primeiro home, abafado, canso, suorento e sen apenas mirar ao seu interlocutor, responde cortante: «Acaso non o ve? Pico pedra!». O segundo, en idéntico estado, alza a vista ao viaxeiro e, con resignación, afirma: «Gaño a vida picando pedra para poder alimentar á miña familia». Por último, o terceiro dos interpelados detén por un instante o seu traballo, saca o seu pucho e, tras enxugar o suor da súa fronte, mira con detemento aos ollos do viaxeiro e responde orgulloso: «Como pode ver, señor, estou a construír unha catedral!».
Ás vésperas do Apóstolo, paréceme un bo momento recuperar esta coñecida fábula e facer un chamado á transcendencia e unha invitación a afrontar os nosos quefaceres cotiás coa mesma altura de miras dese humilde canteiro con alma de arquitecto.
Desde hai anos, Galicia foi quen de converterse no balneario da política española. Un lugar afastado do ruído, da inestabilidade e do curtopracismo, tan en boga alén do Padornelo.
Hoxe, a nosa terra é unha referencia inescusable para calquera que aspire a construír unha sociedade máis xusta. Unha sociedade na que calquera neno ou nena teña garantido o acceso gratuíto ao ensino, desde a súa primeira visita a unha escola infantil ata abandonar a universidade cun título académico baixo o brazo.
Galicia está a afrontar con valentía os problemas de aceso á vivenda, facendo unha aposta decidida para duplicar o parque público residencial e creando novas fórmulas que permitan aos máis novos e ás clases medias formar un fogar no que desenvolver o seu proxecto de futuro. Un futuro que semella moito máis prometedor grazas ao despregamento das enerxías verdes e á chegada de proxectos industriais sostibles que posibilitan a creación de emprego estable e de calidade, en comarcas que levan tempo agardando por esa alternativa.
Galicia leva anos acurtando a fenda que nos separaba das rexións máis ricas e desenvolvidas. E, ademais, é quen de facelo reducindo o risco de pobreza ás cifras máis baixas da nosa historia.
Gracias ao esforzo colectivo da sociedade galega, deixamos atrás aquela xa afastada imaxe dunha terra atrasada, perennemente condenada á fame e á emigración, para converternos nun territorio referente de prosperidade, de modernidade e de futuro.
Todos estes logros non son froito da casualidade nin de graciosas dádivas dunha superior providencia. Son a colleita dun pobo que amence cada mañá para traballar duro, sempre coa firme vontade de legar aos seus fillos un país mellor que o que recibiron dos seus pais e das súas nais.
Fronte aos negros vaticinios dos profetas dunha apocalipse que nunca chega, Galicia continúa o seu avance, paseniño e inexorable, construíndo o seu porvir chanzo a chanzo, pedra a pedra, coa sabedoría daquel modesto canteiro, consciente da transcendencia real do seu humilde labor.
Mentres noutros lugares do mundo se afanan en levantar muros e barreiras de protección fronte a quen pensa ou sinte distinto, os galegos seguimos a picar pedra para tender pontes, para construír fogares e para facer unha sociedade máis solidaria, máis tolerante e máis xusta. E facémolo ao estilo galego: sen estridencias, sen berros, sen crispación e con ese sentidiño galego, que tan ben nos define e nos representa.
Xa chega o día do Apóstolo. O día de celebrar o que fomos, o que somos e o que podemos chegar a ser. O día de desfrutar con orgullo do moito que temos avanzado e de soñar esperanzados con alcanzar o futuro esplendoroso que merece esta terra.
Son datas para festexar, para compartir coa familia e cos amigos. É tempo de cantar, de bailar e de brindar polo día grande da nosa terra. E, se nalgún momento desta feliz xornada, atopa un pequeno instante para pensar na súa humilde contribución ao futuro deste terra, repítase con orgullo: estou construíndo unha catedral, unha catedral chamada Galicia.





