Un ano máis chegan as festas do fermoso concello de Fornelos de Montes. E como é tradición nesta casa por estas datas, achegámonos ao concello a conversar co seu alcalde, o socialista Emiliano Lage. Este manifesta que está aínda meditando se se vai presentar ás municipais do 27 ou dará paso a algunha persoa nova que tome a remuda e trate de gañar novamente a alcaldía para o partido socialista.
Por outra parte o alcalde amosouse satisfeito da súa xestión, orgulloso pola próxima chegada dunhas festas que como sempre se presumen multitudinarias, e decepcionado coa oposición que practica o PP.
Emiliano Lage,alcalde.
“ O próximo inverno tomarei a decisión definitiva entre presentarme unha vez máis como candidato do PSOE á alcaldía, ou dar un paso atrás e que outra persoa tome o relevo”
Tense convertido nun costume moi agradable para min achegarme pouco antes das festas ao Concello de Fornelos a repasar contigo a a actualidade política local. Esta vai ser, Emiliano, a última vez que te entreviste como alcalde de Fornelos?
Ben, aínda non podo anticipar ningunha decisión sobre se me volverei presentar ou non. É algo que estou a meditar coa miña familia, e que terei que falar tamén cos meus compañeiros e compañeiras da agrupación socialista de Fornelos.
Cando prevés ter tomada unha decisión ao respecto?
Agardo que despois do verán. A miña idea e valoralo con calma en todo o que queda de verán, e tomar a decisión definitiva alá polo inverno.
No caso de que decidas dar un paso atrás, o partido socialista ten corpo para presentar un candidato ou candidata solvente?
Sexa da maneira que sexa o partido socialista vai presentar a mellor lista co mellor candidato ou candidata. Que non lle quede a máis mínima dúbida á veciñanza de Fornelos de que vai ser así. E eu mesmo, estea no sitio que estea, mentres o corpo aguante, nunca deixarei de colaborar para que en Fornelos haxa un goberno socialista, porque teño a convicción persoal de que a socialdemocracia é o camiño máis adecuado para construírmos unha sociedade decente, humana e xusta.
Como valoras este mandato do que xa levamos consumido máis de tres anos?
Partindo da base de que xestionar un concello pequeno como o noso, non é fácil , sempre xorden atrancos e os cartos dos que dispomos son moi limitados, a miña valoración é moi positiva. Conseguimos avances e melloras substanciais para o ben común da nosa veciñanza, e estamos en camiño de irmos acadando os obxectivos e metas propostas.
Cales foron as principais actuacións deste mandato?
A principal é sen dúbida a Residencia de Maiores que xa está case rematada. Tamén renovamos toda a praza do multiusos. Por outra parte arranxamos unha grande cantidade de camiños en A Laxe, en Bustelos, en Calvos…Aproximadamente investimos 330.000€ no arranxo de distintos camiños. Tamén temos un plan de investimento para actuar na praza de Calvos e está a renovación dos vestiarios da piscina municipal
A residencia de maiores vai ser un centro de día?
Non, unha residencia para estar as 24 horas. Vai ter entre 12 e 15 prazas e, como che dixen antes, é unha actuación da que me sinto moi orgulloso, e tamén teño que agradecer á Xunta a súa intervención neste asunto.
Fornelos, como todo o rural galego, ten un problema moi serio de envellecemento da poboación, e calquera actuación que desde as distintas administracións se poida facer para atender ás persoas maiores paréceme de enorme relevancia.
Hai xente moza que ven vivir a Fornelos?
Pois teño que dicir, con enorme satisfacción, que nos últimos anos parece que se deu certa repunta. Se cadra a partir da pandemia as persoas comezaron a valorar a importancia de vivir no rural. Penso que no próximo curso o noso colexio subirá uns 7 ou 8 rapaces.
Hai problemas coa auga na Laxe?
A Laxe ten pouca auga, de sempre de toda a vida. Puxemos os contadores dixitais para controlala mellor e de momento este ano non ten habido grandes problemas. Tamén estamos pendentes de ter unhas partidas para recuperar dous mananciais antigos.
Vivimos nun mundo no que a auga é un ben cada vez máis escaso e debemos facer un uso responsable dela, iso ten que ser así en todas partes.
Ti sempre defendiches que Fornelos é un concello transparente onde a oposición podía acceder a calquera expediente sen o máis mínimo problema. Pero no pleno extraordinario de maio os concelleiros do PP levantáronse e abandonárono. Por que?
Os concelleiros do PP alén de practicar o populismo miran moito a TV e en vez de facer política realista fan política virtual nas redes sociais. Eles non propoñen nada. Todo son protestas e desconfianzas. Eu contesto a todo o que me pregunten, pero o que non me poden facer é 40 preguntas nun só pleno porque fan imposible o normal funcionamento do mesmo.
Este concello é moi transparente, si, si que o é. Pero o PP non pode pretender que os funcionarios traballen para eles.
Ben, falemos das festas deste ano
É á época máis importante do ano para nós. Organizámolas coa máxima ilusión, e coa confianza de estar á altura do que merece a nosa veciñanza e os milleiros de visitantes que se achegarán ao noso pobo a compartir algún dese días con nós.
Cales son as actividades máis importantes?
Comezamos o día 18 co campionato de Tute. O 19 é a festa gastronómica. Logo temos o festival folk no río o día 1 de agosto. Entre o 1 e o 8 de agosto temos a semana cultural con todo tipo de actividades para todas as idades: cinema, teatro, música… O sábado 8 teremos a actuación de “Milladoiro” na nosa praza, e as festas patronais en si serán o 8, o 9 o 10 e o 11
Comezamos o 18 de xullo e rematamos o 11 de agosto. Temos un calendario moi completo e é un pracer convidar a todos os lectores e lectoras a que compartan algún deses días con nós.
Que pulsións percibes entre a veciñanza de Fornelos: O goberno podería correr perigo para o PSOE?
Eu penso que a valoración xeral do goberno socialista é moi alta. Coido que a maioría social do noso pobo está satisfeita coa nosa acción de goberno, e confío en que manteremos a maioría absoluta sen maiores dificultades, presentemos o candidato ou candidata que presentemos.
Rematamos:Cando a túa etapa como alcalde remate como che gustaría que te recordaran os teus veciños e veciñas?
Como unha persoa con sensibilidade social que quere moito ao seu pobo e que, con luces e seguro que con sombras tamén, deu o mellor de si mesmo para tratar de facer máis fácil a vida de todas as persoas que vivimos en Fornelos. Este Concello está saneado economicamente, e con toda a humildade penso que podo dicir que é un Concello á altura dos tempos nos que vivimos.
FORNELOS DE MONTES
Festas 2026
SÁBADO 1 de Agosto: XXV FESTIVAL FOLK
Durante todo o día, no incomparable marco da praia fluvial, poderase degustar de polbo e churrasco nas carballeiras e arredores da praia amenizado polo GRUPO DE GAITAS FOULA
- A partir das 22:00h. gran concerto folk coas actuacións da:
– Banda de Gaitas Concello de Fornelos de Montes
– ALGARABÍA FOLK
– ZURRUMALLA
DOMINGO 2 de Agosto: XV ENCONTRO DE CORAIS
A partir das 20h. na Igrexa Parroquial de Fornelos de Montes encontro da CORAL VALDARROSA DE PONTECALDELAS e VOCES FORNELENSES con un CONCERTO APERTURA das festas patronais S. Lourenzo 2026.
LUNS 3 de Agosto: TEATRO
A partir das 21h. no Multiusos do Concello de Fornelos de Montes representación da obra de teatro “EL MAGO DE OZ” a cargo da compañía Ilusionistas.
MARTES 4 de Agosto: HOLI PARTY (FESTA DE CORES)
A partir das 17h. na praza de Fornelos de Montes GRANDE FESTA HOLI PARTY con inchables, música, animación e FESTA DE CORES para comezar a semana grande de Fornelos de Montes. Recoméndase asistir con camiseta branca.
MÉRCORES 5 de Agosto: CINE NA RÚA
A partir das 22h. Proxección, diante do Multiusos, da película:
LA PELI DEL FÚTBOL
A cargo da compañía CINE NA RÚA
En caso de chuvia proxectarase no Multiusos do Concello de Fornelos de Montes.
XOVES 6 de Agosto: FESTA DA ESCUMA
A partir das 17h. na praza de Fornelos de Montes GRANDE FESTA DA ESCUMA CON INCHABLES.
En caso de chuvia trasladarase ao Pavillón de Deportes do Concello de Fornelos de Montes.
VENRES 7 de Agosto: CINE NA RÚA
A partir das 22h. Proxección, diante do Multiusos, da película:
AMIGOS IMAGINARIOS
A cargo da compañía CINE NA RÚA
En caso de chuvia proxectarase no Multiusos do Concello de Fornelos de Montes.
SÁBADO día 8 de Agosto: CONCERTO FOLK
Ás 20:30 h. MISA, no S. Lourenzo Vello, co rezo da novena.
A partir das 22h., na PRAZA DA IGREXA, CONCERTO FOLK a cargo de:
MILLADOIRO E GRUPO TRAHLLA TERRA DE MONTES
DOMINGO día 9 de Agosto: “S. Lourenzo Vello”
Ás 12:30 h. MISA, na Igrexa Parroquial, co rezo do último día da novena.
A partir das 23h. Verbena amenizada polas orquestras:
TREBOL e LOS ALKAR
LUNS día 10 de Agosto: “S. Lourenzo”
Ás 10h. Pasarrúas a cargo da BANDA DE MÚSICA UNIÓN MUSICAL DE VALLADARES
Ás 12:30h. MISA SOLEMNE cantada pola CORAL VOCES FORNELENSES
A continuación sesión vermouth a cargo da citada Banda.
Ás 21h. CONCERTO da BANDA DE MÚSICA UNIÓN MUSICAL DE VALLADARES
A partir das 23h. actuación das orquestras:
FANIA BLANCO SHOW e LOS PLAYERS
MARTES día 11 de Agosto: “Santo Cristo”
Ás 10h. Pasarrúas a cargo da BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DA LAMA
Ás 12:30 h. MISA SOLEMNE
A continuación sesión vermouth a cargo da citada Banda
A partir das 23h. verbena amenizada polas orquestras:
MIRAMAR e LOS COLEGUITAS

Dirección A Nova Peneira




