Paulo Vila Alonso [Comité Antifascista da Louriña]
Desde o Comité Antifascista da Louriña vimos alertando en innúmeras ocasións do grave perigo que teñen para a humanidade os plans de guerra global do imperialismo anglo-ianqui-sionista. En Europa, a escalada belicista na que insiste dunha maneira enfermiza o binomio UE/OTAN contra a Federación Rusa, pode desencadear unha guerra continental aberta con consecuencias catastróficas. A ameaza é absolutamente real!
Na cimeira da OTAN que se desenvolveu o días 7 e 8 de xullo en Ancara, o imperialismo apostou por rearmarse e aumentar a escalada ignorando as advertencias do Kremlin. O apoio militar e financiamento ao réxime ukronazi, a loxística, a información satelital, a cesión do espazo aéreo das repúblicas bálticas para cometer atentados contra infraestructura enerxética e civil rusa, cos recentes actos terroristas contra unha residencia de estudantes en Lugansk, ou contra un autocarro de crianzas bielorrusas, xunto coas sancións ilegais e a incautación de buques petroleiros, implica directamente os estados membros da UE/OTAN nesta agresión imperialista.
En Rusia, aínda que a OME avance nos obxectivos marcados dende o seu inicio ca recente liberación de Konstantinovka, vai gañando cada vez máis peso a posibilidade de realizar un ataque preventivo contra obxectivos da alianza militar en resposta ás constantes provocacións e asasinatos de civís. Son cada vez máis sectores da poboación, da burguesía, e dentro do Kremlin, os que apostan por unha resposta exemplar que faga repensar ás elites globalistas as cousas dúas veces. É un debate que está á orde do día nos medios de comunicación da Federación Rusa.
O único que se interpón entre unha lexítima resposta de autodefensa rusa e a OTAN, é Vladimir Putin. Lonxe da disparatada caracterización que fan do presidente ruso os medios de desinformación occidentais, Putin é en realidade un dos actores políticos cunha posición máis de contención, xogando de equilibrista para `calmar´ os sectores que teñen a liña máis dura e contundente.
En todo caso, o imprevisíbel sería o escenario que se abriría logo da resposta da alianza militar contra ese ataque preventivo. Xa non só pola activación do artigo 5 de defensa colectiva e o estado de guerra decretado nos países membros, ou a manipulación dos medios xustificando a escalada, tamén pola represión, as detencións, e ilegalizacións das organizacións pertencentes ao campo obreiro e popular que estamos contra a guerra imperialista, e que defendemos a desnazificación e desmilitarización de Ucrania por unha cuestión de hixiene democrática.
Por todo isto, debemos prepararnos para o peor. O Estado Imperialista Español sabe da potencialidade do movemento antiimperialista galego, onde polo momento, o sionismo non logrou penetrar con profundidade, tal e como puidemos comprobar co exemplo solidariedade internacionalista en apoio á causa palestina, ou contra a agresión ao Irán e o Líbano.
Máis cedo que tarde o réxime do 78 intentará evitar que as nosas reivindicacións contra o aumento dos gasto militares, pola paz, e na defensa da terra, gañen terreo e referencialidade entre os sectores oprimidos e explotados. Porén, debemos seguir traballando para tecer esa ampla unidade antiimperialista que faga descarrilar os seus perversos plans belicistas de morte e destrución.
Seguir traballando para poder avanzar en dito obxectivo é un imperativo para nós. Estaremos á altura das circunstancias cando chegue a hora dos fornos.
Pola terra e contra a guerra!
Antifas[Z]istas e antiimperialistas sempre!





